Acordo de aprobación definitiva da Ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais (BOP nº 294 de 24 de diciembre de 2003)

O Pleno da Corporación, na sesión que tivo lugar o día 27 de novembro de 2003, aprobou definitivamente a Ordenanza municipal reguladora da emisión e recepción de ruídos, vibracións e condicións dos locais. Contra o acordo de aprobación definitiva poderase interpoñer directamente recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación deste anuncio.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2003.

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

ORDENANZA XERAL MUNICIPAL REGULADORA DA EMISIÓN E RECEPCIÓN DE RUÍDOS, VIBRACIÓNS É CONDICIÓNS DOS LOCAIS

TÍTULO I. Disposicións xerais.

TÍTULO II. Niveis de perturbación por ruídos e vibracións.

TÍTULO III. Condicións esixibles ás edificacións, construcción, obras na vía pública e establecementos industriais, comerciais e de servicios.

TÍTULO IV. Vehículos a motor.

TÍTULO V. Actividades varias

TÍTULO VI. Normas reguladoras da concesión de licencias de apertura de establecementos públicos e actividades recreativas.

TÍTULO VII. Obrigas dos titulares das actividades.

TÍTULO VIII. Réxime xurídico e sancionador.

Disposicións adicionais.

Disposicións transitorias.

Disposición final.

Anexo. Descrición dos métodos operativos utilizados nas diversas medicións acústicas e gráficas.

___________________________________________________

TÍTULO I

Disposicións xerais.

Artigo 1.º .

Esta ordenanza regula a actuación municipal dirixida a protexer o medio ambiente contra as perturbacións por ruídos, vibracións e actividades molestas e a establecer as condicións requiridas para a obtención de licencia de apertura dos locais.

Artigo 2º .

Quedan sometidas ás súas prescricións, de obrigado cumprimento dentro do termo municipal, todas as instalacións, aparellos, construccións, derrubas, obras na vía pública e instalacións industriais, comerciais, recreativas, musicais, espectáculos e de servicios, vehículos, medios de transporte e, en xeral, todos os elementos, actividades e comportamentos que produzan ruídos ou vibracións que ocasionen molestias e/ou perigosidade á veciñanza, ou que modifiquen o estado natural do medio ambiente circundante, calquera que sexa o seu titular, promotor ou responsable, e o lugar, público ou privado, aberto ou pechado, en que estean situados.

Artigo 3.º .

Corresponderá á Alcaldía ou á Concellería en que delegue e, de ser o caso, á Comisión de Goberno ou ao Pleno esixir, de oficio ou por solicitude da parte interesada, adoptar as medidas correctoras necesarias, sinalar as limitacións, ordenar cantas inspeccións sexan precisas, establecer instrumentos permanentes de control de son nas actividades suxeitas a esta ordenanza e aplicar as sancións correspondentes en caso de incumprirse o ordenado, consonte o disposto na lexislación de réxime local e na Lei 7/1997, do 11 de agosto.

Artigo 4.º .

As normas desta ordenanza son de obrigado e directo cumprimento, sen necesidade dun previo acto ou requirimento de suxeición individual, para toda actividade que se atope en funcionamento, exercicio ou uso e supoña a producción de ruídos ou vibracións molestos ou perigosos.

Estas normas serán orixinariamente esixibles, a través dos correspondentes sistemas de licencias ou autorizacións municipais, a toda clase de construccións, obras na vía pública, instalacións industriais, comerciais e de servicios, así como a todas as ampliacións, reformas ou derrubas que se proxecten, executen ou realicen a partir da vixencia desta ordenanza.

Artigo 5.º .-Planeamento urbano.

Nos traballos de execución do planeamento urbano e de autorización e realización de todo tipo de actividades e servicios deberá preverse a súa incidencia na xeración de ruídos e vibracións, para que se garanta que os usos e actividades permitidos facilitan o nivel máis axeitado posible de calidade de vida, reducindo a niveis aceptables a contaminación acústica, nos termos e condicións previstos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, e no Decreto 150/1999, do 7 de maio, que a desenvolve, e das prescricións contidas neste regulamento.

Entre outros aspectos deberá prestarse especial atención á organización do tráfico en xeral, transportes colectivos urbanos, recollida de residuos sólidos, localización de centros sanitarios, docentes e lugares de residencia colectiva, planificación de actividades ao aire libre que poidan xerar ambientes ruidosos, planificación e proxecto de vías de circulación cos seus elementos de illamento e amortecemento acústico. Con obxecto de propoñer todas aquelas medidas preventivas e/ou correctoras que fosen necesarias.

Artigo 6.º .

As actividades, instalacións e obras autorizadas con anterioridade á entrada en vigor da ordenanza axeitaranse ás normas establecidas nela, segundo o prescrito nas disposicións transitorias.

Artigo 7.º .

Para os efectos desta ordenanza considerarase dividido o día en dous períodos denominados diurno e nocturno, o primeiro deles ocupa o espacio de tempo comprendido entre as 8 e as 22 horas, correspondendo ao segundo o comprendido entre as 22 e as 8 horas.

Os ruídos e vibracións emitidos ou transmitidos terán a consideración de diurnos ou nocturnos segundo se produzan non ou noutro período de tempo.

Artigo 8.º .-Clasificación de ruídos.

A) Co fin de poder diferenciar e ponderar os diversos ruídos con maior precisión e racionalidade efectuarase unha primeira clasificación en función das características ambientais en que se producen. Deste xeito, obtéñense os cinco niveis que se definen nos puntos seguintes e que representan unha diversidade de ruídos con características comúns.

1. Nivel de emisión. Para os efectos desta ordenanza, enténdese por nivel de emisión o nivel de presión acústica orixinado por unha fonte sonora.

O nivel de presión acústica (Lp) queda definido pola relación: Lp = 20 log P/Po,

Sendo:

p, Valor eficaz da presión acústica producida pola fonte sonora, ponderado de acordo coa curva de referencia normalizada (A).

Po, Presión acústica de referencia, de valor: Po = 2 x 10-5 NW/m2 (Pascais).

1.1 Nivel de emisión interna (NEI). É o nivel de presión acústica existente nun determinado local onde funcionen unha ou máis fontes sonoras.

1.2 Nivel de emisión externa (NEE). E o nivel de presión acústica orixinado por unha ou máis fontes sonoras que funcionen no espacio libre exterior.

2. Nivel de recepción. É o nivel de presión acústica existente nun determinado lugar, orixinado por unha fonte sonora que funciona noutro lugar.

2.1 Nivel de recepción interna (NRI). É o nivel de recepción medido no interior dun local que, segundo a orixe do ruído, se clasificará en:

– Nivel de recepción interna con orixe interna (NRII).

– Nivel de recepción interna con orixe externa (NRIE)

2.2 Nivel de recepción externa (NRE). É o nivel de recepción medido nun determinado punto situado no espacio libre exterior.

B) Co fin de poder diferenciar e ponderar os diversos ruídos, con maior precisión e racionalidade, efectúase unha segunda clasificación do ruído tendo en conta a súa variación en función do tempo, considerándose os que se definen a seguir:

1. Ruído continuo. É aquel que se manifesta ininterrompidamente durante máis de dez minutos. Pola súa vez, dentro deste tipo de ruído, diferéncianse tres situacións:

1.1 Ruído continuo-uniforme. É aquel que, utilizando a posición de resposta lenta do equipo de medida, mantén constante o nivel de presión acústica (Lp) ou os seus límites difiren en menos de ±3 dBA, en períodos de medición de dous minutos.

1.2 Ruído continuo-variable. Cando o nivel de presión acústica (Lp), utilizando a posición de resposta lenta do equipo de medida, varía entre uns límites que difiren entre ±3 e ±6 dBA.

1.3 Ruído continuo-fluctuante. É aquel ruído continuo que, utilizando a posición de resposta lenta do equipo de medida, varía o nivel de presión acústica (Lp) entre uns límites que difiren en máis de ±6 dBA.

2. Ruído transitorio. É aquel que se manifesta ininterrompidamente durante un período de tempo igual ou menor a 5 minutos. Dentro deste tipo diferéncianse dúas categorías:

2.1 Ruído transitorio-periódico. É aquel ruído que se repite con maior ou menor exactitude, cunha periodicidade, na que é posible determinar a súa frecuencia.

2.2 Ruído transitorio-aleatorio. É aquel ruído que se produce de forma totalmente imprevisible, polo que para a súa correcta valoración é necesaria unha análise estatística da variación temporal do nivel sonoro durante un tempo suficientemente significativo.

C) Co fin de poder diferenciar e ponderar os diversos ruídos con maior precisión e racionalidade efectúase unha terceira clasificación tendo en conta a relación establecida entre a fonte sonora ou vibrante que causa a molestia e o propietario ou manipulador da dita fonte:

1. Ruído obxectivo. É aquel ruído producido por unha fonte sonora ou vibrante que funciona de forma automática, autónoma ou aleatoria, sen que interveña ningunha persoa que poida variar as súas condicións de funcionamento.

2. Ruído subxectivo. É aquel ruído producido por unha fonte sonora vibrante que funciona baixo condicións supeditadas á vontade dun manipulador ou titular.

3. Ruído de fondo. Para os efectos desta ordenanza, considérase ruído de fondo o existente nun determinado ambiente ou recinto cun nivel de presión acústica que supera o 90 % dun tempo de observación suficientemente significativo, en ausencia do ruído obxecto da inspección.

Artigo 9.º .

1. O grao de precisión dos sonómetros utilizados, para a medición do illamento acústico e do nivel de vibración será do tipo 1.

Para a medición do nivel do ruído poderán utilizarse equipos de precisión do tipo 1. En caso de que o ruído ambiental conteña impulsos, empregarase instrumentación que cumpra a Norma IEC-804, UNE-EN 60804.

A clasificación da precisión dos sonómetros aterase ao establecido na Norma IEC-651-7 9 e UNE 60651.

2. Ao comezo e ao remate de cada medición acústica efectuarase unha comprobación do sonómetro utilizado mediante un calibrador sonoro apropiado para isto. Esta comprobación quedará recollida no informe da medición. Así mesmo, figurará a calibración anual correspondente, de acordo co regulado pola Orde do 16 de decembro de 1998 pola que se regula o control metrolóxico do estado sobre instrumentos destinados a medir niveis de son audible.

Artigo 10.º .

1. A determinación do nivel de ruído realizarase e expresarase en decibelios, corrixidos consonte a rede de ponderación normalizada mediante a curva de referencia tipo A.

2. A posta en estación do equipo de medida realizarase de acordo cos requisitos establecidos nesta ordenanza en función das características ambientais en que se produza o ruído obxecto de medición (artigo 12.º ).

3. A característica introducida no equipo de medida (lento, rápido ou estatístico) será a establecida nesta ordenanza en función da variación do ruído respecto ao tempo (artigo 8.º ).

Artigo 11.º .-Niveis de vibración.

1. A determinación do nivel de vibración realizarase de acordo co establecido na Norma ISO-2631-2, apartado 4.2.3.

A magnitude determinante da vibración será a súa aceleración, medida sobre un eixe e corrixida mediante a aplicación da ponderación combinada sobre os tres eixes (r.m.s.) m/s2.

2. Para cuantificar a intensidade da vibración utilizarase calquera dos procedementos que se indican nos apartados seguintes:

2.1 Determinación por lectura directa da curva que corresponde á vibración considerada.

2.2 Medición do espectro da vibración considerada en bandas de tercio de oitava (entre 1 e 80 Hz) e determinación posterior da curva base mínima que contén o dito espectro. Para estes efectos utilizarase o diagrama do artigo 13.º .

En caso de variación nos resultados obtidos por un ou outro sistema considerarase o valor máis elevado.

3. No informe da medición consignaranse, ademais, os datos seguintes:

– Plano acoutado sobre a situación do acelerómetro.

– Vibración de fondo unha vez paralizada a fonte xeradora das vibracións.

 TÍTULO II

Niveis de perturbación por ruídos e vibracións.

Artigo 12.º .-Valoración dos ruídos e vibracións.

A intervención municipal tenderá a conseguir que as perturbacións por ruídos e vibracións evitables non exceda dos límites que se indican ou a que se fai referencia neste título.

A valoración dos niveis de ruído rexerase polas normas que seguen:

Primeira. A medición levarase a cabo na situación e horario en que as molestias sexan máis acusadas.

Segunda. A medición levarase a cabo nas condicións establecidas no anexo.

As medidas realizaranse, normalmente, coas fiestras pechadas.

Ruído de fondo. Para avaliar os niveis de ruído na forma indicada anteriormente terase en consideración o nivel sonoro de fondo que se aprecie durante a medición, de acordo co procedemento incluído no anexo desta ordenanza.

Terceira. En previsión dos posibles erros de medición cando esta requira unha especial precisión, ou se así o solicitase o interesado, adoptaranse as seguintes precaucións:

a) Contra o efecto de pantalla. O observador sitúase no plano normal ao eixe do micrófono e o máis separado posible deste de xeito que sexa compatible coa lectura da escala sen erro de paralelaxe.

b) Contra a distorsión direccional. Situado en estación o aparello, daráselle a volta no interior do ángulo sólido determinado por un octante e fixarase na posición en que a lectura sexa equidistante dos valores extremos así obtidos.

c) Contra o efecto do vento. Cando se considere que a velocidade do vento resulta superior a 0,8 metros/segundo empregarase unha pantalla que protexa o aparello. Para velocidades superiores a 1,6 metros/segundo desistirase da medición, salvo que se empreguen aparellos especiais.

Artigo 13.º .-Límites ao ruído e vibracións.

Primeiro. Ruídos.

1. Ningunha fonte sonora deberá emitir nin transmitir niveis de ruído superiores aos que se describen no cadro I e en función das zonas de sensibilidade acústica que se describen no apartado seguinte.

2. Zonas de sensibilidade acústica son aquelas partes do territorio que presentan un mesmo rango de percepción acústica e que se clasifican de acordo cós seguintes criterios:

A) Zona de alta sensibilidade acústica: sectores do territorio que admiten unha protección alta contra o ruído, como áreas sanitarias, docentes, culturais ou espacios protexidos.

B) Zona de moderada sensibilidade acústica: sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro medio, como áreas residenciais, vivendas, hoteis ou zonas de especial protección como centros históricos.

C) Zona de baixa sensibilidade acústica: sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro elevado, como áreas de recreo, zonas industriais, centros comerciais, etc.

D) Zona de servidume: sectores do territorio afectados por servidumes sonoras a favor de sistemas xerais de infraestructuras.

E) Zonas específicas xustificadas polo uso do solo ou a concorrencia doutras causas.

3. Os plans xerais de ordenación municipal delimitarán as zonas de sensibilidade acústica. En tanto non estean incluídas no planeamento, virán delimitadas polo uso predominante existente en cada unha delas.

4. Zonas saturadas. Enténdese como zonas saturadas aquelas que alcanzaron os máximos niveis de ruído no exterior fixados para elas, debido a que as actividades desenvolvidas nelas provocan a concentración de fontes sonoras ou a afluencia masiva de xente.

5. Naquelas zonas da cidade onde existan numerosas actividades destinadas ao uso de establecementos abertos ao público sempre que os niveis de recepción no ambiente exterior, producidos pola adición das múltiples actividades existentes e pola actividade das persoas que utilicen estes establecementos, superen en máis de 3 dBA os niveis fixados nesta disposición, o Concello establecerá as medidas oportunas, dentro do seu ámbito de competencias, tendentes a diminuír o nivel sonoro exterior ata situalo dentro dos límites correctos.

Para estes efectos, o Concello, iniciará o expediente de declaración de zona saturada segundo o seguinte procedemento:

a) Informe dos servicios técnicos municipais que incorporarán ao expediente a seguinte documentación:

– Un estudio sonométrico no que se xustifique que o nivel sonoro do conxunto de fontes sonoras supera o nivel antes indicado, de acordo co previsto nesta ordenanza

– Un plano no que se delimite, de forma precisa e clara, a zona acusticamente saturada, de acordo co estudio anterior, así como, de ser o caso, a zona de respecto que a circunde, que irá integrada por unha franxa dun ancho mínimo de 50 m arredor daquela. A delimitación da zona de respecto perseguirá evitar que a contaminación sonora existente se estenda ás zonas limítrofes, e para a determinación do seu ámbito atenderase ás características propias da estructura urbana, en cada caso, e aos resultados do estudio sonométrico no contorno da zona que se vaia declarar acusticamente saturada.

– Un informe no que se estableza o tipo e características dos establecementos ou actividades que, no seu conxunto, xeren a saturación.

– Documento proposta de medidas xerais e/ou individuais que se deben adoptar.

b) Información pública por un prazo de vinte días mediante as publicacións legalmente esixibles.

c) Resolución motivada do Alcalde, con expresión dos lugares afectados, as medidas adoptadas e o prazo da súa vixencia.

d) Publicación da resolución no Boletín Oficial da Provincia e comunicación asemade na prensa local para os efectos do seu xeral coñecemento.

6. As zonas saturadas quedarán suxeitas a un réxime especial de actuacións que perseguirá a progresiva reducción dos niveis sonoros, ata acadar os establecidos con carácter xeral nesta ordenanza.

7. A teor das circunstancias concorrentes, poderán adoptarse todas ou algunha das seguintes medidas:

a) Prohibición ou limitación horaria de colocar mesas e cadeiras na vía pública, e retirada temporal das licencias concedidas para isto.

b) Establecemento de restriccións ao tráfico rodado.

c) Establecemento de límites de emisión máis restrictivos que os de carácter xeral, esixindo aos titulares das actividades as medidas correctoras complementarias.

d) Prohibición de instalar, modificar ou ampliar as actividades que, expresamente, se determinen e que poidan ser orixe da saturación, incluso na zona de respecto.

e) Prohibición de actividades comerciais e publicitarias na vía pública.

f) Calquera outra medida tendente á consecución do nivel de ruído regulado nesta ordenanza das incluídas no artigo 74 desta ordenanza e no artigo 20 da Lei 7/1997 de 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

8. Cadro I.

Niveis de recepción externa

Zonas de sensibilidade acústica Niveis de período diúrno Niveis de período nocturno

Zonas de sensibilidade acústica Niveis de período diúrno Niveis de período nocturno
A 60 50
B 65 55
C 70 60
D/Outras esp. 75 65

Niveis de recepción interna.

Zonas de sensibilidade acústica Niveis de período diúrno Niveis de período nocturno
A 30 25
B 35 30
C-D 40 35

Zonas de sensibilidade acústica Niveis de período diúrno Niveis de período nocturno

A 30 25
B 35 30
C-D 40 35

9. Zona de servidume.

A zona de servidume sonora derivada da existencia ou previsión de focos emisores de ruído e/ou vibración, como poden ser as infraestructuras viarias, as ferroviarias ou outros equipos públicos que o reclamen, será delimitada polo Concello no planeamento urbanístico ou polos procedementos previstos na lexislación de réxime local.

A zona de servidume abranguerá o territorio do contorno do foco emisor e delimitarase nos puntos do territorio ou curva isófona (curva de igual percepción de son), onde se midan os valores guía de recepción no ambiente exterior que correspondan de acordo coas zonas de sensibilidade acústica.

En caso de que pola zona de sensibilidade acústica A transcorra unha autoestrada, a zona de servidume derivada desta comprenderá o territorio do contorno da autoestrada ata os puntos do espacio delimitado pola curva isófona 60 dBA.

Excepcionalmente, o Concello poderá autorizar unha ampliación determinada, de carácter temporal e xustificada, nos niveis máximos no ambiente exterior en puntos determinados do termo municipal, atendendo a eventos singulares programados tales como celebracións, feiras, festas ou manifestacións, ao mesmo tempo que se darán as ordes precisas para reducir ao máximo as molestias aos cidadáns.

10. A cada unha das zonas de sensibilidade acústica adscríbense os seguintes tipos de recintos:

Tipo I: dormitorios en edificios sanitarios, clínicas ou centros de repouso, auditorios, teatros de opera.

Tipo II: dormitorios en vivendas, consultorios médicos, dormitorios de hoteis e teatros.

Tipo III: salas de estar, aulas de ensino, centros de culto, bibliotecas, oficinas de dirección, cines, salas de exposición, museos.

Tipo IV: usos comúns de vivendas, corredores, cociñas, recibidores, salas de espera, laboratorios.

Tipo V: comercios, restaurantes, polideportivos, piscinas cubertas, estacións de viaxeiros.

Calquera outro uso non recollido incluirase no tipo ao que máis se poida asimilar.

11. Exceptúanse da prohibición expresada no punto anterior os ruídos procedentes do tráfico, construcción e traballos na vía pública, que se regulan en títulos específicos.

12. Niveis de emisión.

Tipo de actividades Nivel de emisión máximo
Establecementos que dispoñan de equipos musicais, actuacións, espectáculos, etc. 90 dBA
Resto de actividades 80 dBA

13. No non previsto nos parágrafos anteriores en ningún edificio que, ademais doutros, teña uso de vivenda se poderá xerar ruído que exceda dos 90 dBA.

Segundo. Vibracións.

1. Ningún aparello mecánico poderá transmitir aos elementos sólidos que compoñen a compartimentación do recinto receptor niveis de vibración superiores aos sinalados no anexo A da Norma ISO-2631-2, e que son os seguintes:

Estándares limitadores para a transmisión de vibracións
Uso do recinto afectado Período Curva base
Sanitario Diurno 1
Nocturno 1
Residencial Diurno 2
Nocturno 1,4
Oficinas Diurno 4
Nocturno 4
Almacén comercial Diurno 8
Nocturno 8

1.2. Para os efectos do establecido no apartado anterior, consideraranse as curvas base que se detallan no gráfico que se xunta a este título.

Curvas base para determinar molestias por vibracións nos edificios (Fig. 5.a. da Norma ISO-2631-2).

2. A magnitude determinante da vibración será a súa aceleración medida sobre un eixe e corrixida mediante a aplicación da ponderación combinada sobre os tres eixes (r.m.s.) en m/s2.

3. Para cuantificar a intensidade da vibración utilizarase calquera dos procedementos que se indican nos apartados seguintes:

3.1 Determinación por lectura directa da curva que corresponde á vibración considerada.

3.2 Medición do espectro da vibración considerada en bandas de tercio de oitava (entre 1 e 80 Hz) e determinación posterior da curva base mínima que contén este espectro. Para estes efectos utilizarase o diagrama do apartado 1.2.

4. En caso de variación nos resultados obtidos por un ou outro sistema considerarase o valor máis elevado.

5. No informe da medición consignaranse, ademais, os datos seguintes:

– Plano acoutado sobre a situación do acelerómetro.

– Vibración de fondo unha vez paralizada a fonte xeradora das vibracións.

6. En todo caso, non poderá permitirse ningunha vibración que sexa detectable sen instrumentos de medida nos lugares onde se efectúa a comprobación.

7. Para a avaliación das vibracións teranse en conta as seguintes recomendacións a hora de fixar o acelerómetro

7.1 Situarase no paramento e no punto de máxima perturbación. Se fora difícil a determinación do citado punto, realizaranse varias medicións ata a súa avaliación.

7.2 A superficie onde se fixe deberá ser o máis uniforme e lisa que sexa posible, de modo que se consiga unha transmisión óptima das vibracións.

7.3 O transductor deberase fixar da forma máis adecuada para cada caso, de xeito que se garanta unha correcta transmisión das vibracións.

TÍTULO III

Condicións esixibles á edificación, construcción, obras na vía pública e establecementos industriais, comerciais e de servicios

Artigo 14.º .

A medición do illamento acústico esixido ás distintas particións e solucións constructivas que compoñen os diversos recintos das edificacións realizarase segundo as prescricións establecidas na Norma UNE -EN-ISO-140.

Artigo 15.º .

1. As condicións acústicas esixibles aos diversos elementos constructivos que compoñen a edificación serán as determinadas no capítulo III da Norma básica de edificación sobre condicións acústicas (NBE-CA-88).

2. Exceptúanse do apartado anterior os forxados constructivos do primeiro andar da edificación cando esta planta sexa de uso residencial (ou o muro estremeiro, se a vivenda é na mesma planta) e no baixo poidan localizarse, de acordo co planeamento municipal, usos susceptibles de producir molestias por ruídos ou vibracións.

Nestes casos o illamento acústico do ruído aéreo esixible será de 55 dBA e xustificarase o dimensionamento do forxado no proxecto constructivo.

Artigo 16.º .-Certificado de final de obra.

1. A partir da presentación do correspondente certificado de fin de obra, o Concello comprobará o cumprimento das prescricións establecidas neste título, comprobación que poderá omitirse se a achegan os promotores, xunto coa anterior certificación, certificado de illamento acústico expedido por empresas ou entidades homologadas pola Consellería de Medio Ambiente

2. Non se concederá a licencia de primeira ocupación ou de funcionamento da actividade sen o informe favorable sobre o cumprimento dos requisitos acústicos esixidos.

3. O procedemento regulador de homologación das empresas ou entidades para efectuar medicións en contaminación acústica e vibracións será o establecido no capítulo II do Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

4. Sen o informe favorable do cumprimento dos requisitos acústicos esixidos non se concederá a licencia de primeira ocupación ou funcionamento da actividade.

O certificado final de obra recollerá necesariamente que os materiais proxectados foron instalados.

Artigo 17.º .-Solucións constructivas.

Para os efectos dos límites fixados no artigo 13º sobre protección do ambiente exterior teranse en conta as seguintes prescricións:

Primeira. En todas as edificacións, a solución constructiva dos cerramentos exteriores dotados ou, non de illamento acústico, proporcionará unha atenuación global mínima para os ruídos aéreos de 45 dBA no intervalo de frecuencias comprendidas entre 100 e 3.150 Hz.

Segunda. Os elementos constructivos e de illamento acústico e os recintos en que se aloxen actividades e instalacións industriais, comerciais e de servicios, deberán posuír capacidade suficiente de atenuación acústica para o exceso de intensidade sonora que se orixine no seu interior e, se fose necesario, disporán de sistemas de aireación inducida ou forzada que permitan pechar os ocos ou fiestras existentes ou proxectados. En calquera caso, as discotecas, salas de festa ou baile e cafeterías, bares, restaurantes, etc., que dispoñan de equipo de música ambiental ou aparellos de música de utilización pública deberán dotarse dun sistema eficaz de insonorización en paramentos e teitos.

Terceira. Os aparellos elevadores, as instalacións de acondicionamento de aire e torres de refrixeración, a distribución, depuración de augas, a transformación de enerxía eléctrica, instalacións de calefacción e demais servicios dos edificios, serán instalados coas precaucións de localización e illamento que garantan un nivel de transmisión sonoro non superior aos límites fixados nos artigos 13.º e 18.º .

En particular, os cuartos de caldeiras e as salas de maquinaria non poderán lindar por paramentos horizontais e verticais con zonas destinadas a uso de vivenda, dentro dun mesmo edificio. En caso de imposibilidade física, o local de contención deberá estar illado integramente ata alcanzar un nivel mínimo de 70 dBA con relación á vivenda.

Cuarta. Nas obras e traballos de construcción, modificación, reparación ou derruba de edificios, así como nas que se realicen na vía pública adoptaranse as medidas oportunas para evitar que os ruídos emitidos excedan dos niveis acústicos fixados no artigo 13.º , recorrendo á utilización de equipos e maquinaria homologados cos correspondentes certificados de insonorización.

Quinta. O Concello poderá escusar a precedente prescrición nas obras de declarada urxencia e naqueloutras en que a demora puidese supor perigo de afundimento, corremento, inundación, explosión ou riscos de natureza análoga.

Nestes casos, atendidas as circunstancias concorrentes, poderá autorizar o emprego de maquinaria e a realización de operacións cunha emisión de nivel sonoro superior ao permitido na zona de que se trate, condicionando o sistema de uso ao horario de traballo e á necesaria protección persoal dos operarios.

Sexta. Requirirá autorización expresa a instalación de sistemas de megafonía e equipos musicais en feiras, barracas e tómbolas, así como a venda e proclama de artigos voceando.

Sétima. Deberán amortecerse as portas metálicas de garaxes ou locais e as persianas de protección que produzan un impacto ao pecharse que poida molestar aos veciños. De igual xeito os motores e mecanismos de arrastre.

Artigo 18.º .-Normas de protección do ambiente interior.

Con relación aos límites fixados no artigo 13.º sobre protección do ambiente interior dos recintos, observaranse as seguintes normas:

Primeira. En todas as edificacións, os cerramentos exteriores axustaranse ao disposto na prescrición primeira do artigo anterior. Non obstante, nos casos en que a edificación se vaia realizar nun sector afectado por ruídos tales como os procedentes de trens, estacións de autobuses ou similares, o illamento acústico esixido poderá aumentarse se se considera imprescindible para atenuar os efectos de importantes agresións acústicas, chegando en casos extremos, a prohibírense determinados usos do solo.

Segunda. Nos inmobles en que coexistan vivendas e outros usos autorizados polas ordenanzas municipais non se permitirá a instalación, funcionamento ou uso de ningunha máquina, aparello ou manipulación cun nivel sonoro que exceda de 75 dBA.

Terceira. Prohíbese toda emisión de ruídos nos establecementos situados en edificios de vivendas cando o nivel sonoro transmitido a aquelas exceda de 30 dBA durante a noite (de 22.00 a 8.00 horas), e 35 dBA durante o día (de 8.00 a 22.00 horas).

Cuarta. Os aparellos elevadores e demais elementos que se mencionan na prescrición terceira do artigo anterior serán instalados coas precaucións de localización e illamento que garantan un nivel de transmisión sonora non superior a 32 dBA cara ao interior da edificación.

Quinta. As máquinas, aparellos ou manipulacións xeradores ruídos de nivel superior a 80 dBA que puidesen instalarse ou realizarse en edificios fabrís, situaranse en locais ad hoc, illados dos restantes lugares de permanencia de persoal, de forma que neles non se exceda o límite de 80 dBA. Os operarios encargados do manexo de tales elementos serán provistos de medios de protección persoal que garantan a súa seguridade e saúde.

Artigo 19.º .-Regras de corrección de vibracións.

Para corrixir a transmisión de vibracións deberán terse en conta as seguintes regras:

Primeira. Todo elemento con órganos móbiles terá que manterse en perfecto estado de conservación, principalmente no que se refire ao seu equilibrio dinámico e estático, así como á suavidade de marcha dos seus coxinetes ou camiños de rodadura.

Segunda. Non se permite ancorar maquinaria, soportes desta ou calquera órgano móbil nas paredes medianeiras, teitos ou forxados de separación entre locais de calquera clase de actividade, así como nos elementos da estructura da edificación.

Terceira: A ancoraxe de calquera maquinaria ou órgano móbil en solos ou estructuras non medianeiras non poderá ir directamente conectada cos elementos constructivos da edificación. Disporase, en todo caso, interpoñendo dispositivos antivibratorios adecuados e, se fose necesario, de fundicións ou bases especiais.

Cuarta. Situaranse todas as máquinas de forma que as súas partes máis saíntes ao final da carreira de desprazamento queden a unha distancia mínima de 0,70 metros dos muros perimetrais e dos forxados, debendo elevarse a un metro esta distancia cando se trate de elementos medianeiros.

Quinta. As máquinas que arrinquen violentamente, as que traballen por golpes ou choques bruscos e as dotadas de órganos con movemento alternativo deberán estar ancoradas de xeito independente sobre o solo firme e illadas igualmente da estructura da edificación e do piso do local por intermedio de materiais ou dispositivos absorbentes da vibración.

Sexta. Os conductos polos que circulen fluídos, líquidos ou gases, de xeito forzado, conectados directamente con máquinas que teñan órganos en movemento, disporán de dispositivos de separación que impidan a transmisión das vibracións xeradas en tales máquinas. As bridas e soportes dos conductores terán elementos antivibratorios. As aberturas dos muros para o paso das conduccións encheranse con materia absorbentes da vibración.

Sétima. Nos circuítos de auga terase o coidado de evitar o golpe de ariete. As seccións e disposición das válvulas e das billas permitirán que o fluído circule por elas en réxime normal para os gastos habituais, debendo introducirse nas instalacións, se é necesario, dispositivos especiais para evitar ruídos e vibracións nos tubos. En todo caso, estas instalacións executaranse de acordo co Regulamento do servicio municipal de auga potable.

Artigo 20.º .-Valoración dos niveis de sonoridade.

A valoración dos niveis de sonoridade que establece a ordenanza axustarase ás seguintes normas:

Primeira. A medición levarase a cabo, tanto para os ruídos emitidos como para os transmitidos, no lugar en que o seu valor sexa máis alto e, se fose preciso, no momento e situación en que as molestias sexan máis acusadas e no momento en que sexan máis desfavorables.

Segunda. Os propietarios, posuidores ou encargados dos xeradores de ruídos terán que facilitar aos funcionarios municipais habilitados para a inspección o acceso ás súas instalacións ou focos de ruído, e disporán o seu funcionamento ás distintas velocidades, cargas ou marchas que lles indiquen os ditos funcionarios. Así mesmo, poderán presenciar o proceso operativo e asesorarse cos técnicos que consideren procedentes. Este persoal municipal, en exercicio das funcións previstas nesta ordenanza gozará da condición de axente da autoridade.

Artigo 21.º .-Documentación precisa. Proxectos.

Nos proxectos de instalación de actividades afectadas polo Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, xuntamente coa solicitude de licencia de apertura, presentarase un estudio que xustifique as medidas correctoras previstas para que a emisión e a transmisión dos ruídos xerados polas distintas fontes sonoras cumpran as prescricións desta ordenanza.

Este estudio xustificativo desenvolverá, como mínimo, os aspectos que se establecen nos seguintes apartados:

A) En caso de ruído aéreo:

1. Identificación das fontes sonoras máis destacables da actividade e valoración do seu nivel acústico (NEI).

2. Localización e descrición das características da zona máis probable de recepción do ruído orixinado na actividade, sinalando expresamente os límites legalmente admisibles na dita zona (NR).

3. Valoración, en función dos datos anteriores, da necesidade mínima de illamento acústico fronte ao ruído aéreo, tendo en conta os niveis mínimos esixidos nos artigos 17º e 48º e na disposición adicional terceira.

4. Deseño da instalación acústica proposta, con descrición dos materiais utilizados e dos detalles constructivos da súa montaxe.

5. Xustificación analítica da validez da instalación proposta.

B) En caso de ruído estructural por vibracións:

1. Identificación da máquina ou instalación conflictiva, detallando as súas características fundamentais (carga e frecuencia).

2. Descrición do antivibrador seleccionado e cálculo analítico onde se aprecie a porcentaxe de eliminación da vibración obtida coa súa instalación.

3. Detalle gráfico onde se aprecien as características da súa montaxe, cumprindo o indicado no artigo 19º .

C) En caso de ruído estructural por impactos:

1. Descrición da natureza e características físicas dos impactos.

2. Valoración da posible transmisión dos impactos aos recintos lindantes.

3. Descrición da solución técnica deseñada para eliminar a transmisión estructural dos ditos impactos.

4. Detalle gráfico onde se aprecien as características da solución adoptada.

D) Nos proxectos consideraranse as posibles molestias por ruídos que poidan ocasionarse nas inmediacións da actividade por efectos indirectos, propoñendo as medidas correctoras, en especial nos seguintes casos: actividades que xeren tráfico elevado nas inmediacións como almacéns, locais públicos e discotecas e actividades que requiran operacións de carga e descarga ou funcionamento das súas instalacións en período nocturno.

E) Non serán esixibles as medidas específicas do título VI aos proxectos daqueles establecementos cun horario de funcionamento que sexa exclusivamente o comprendido entre as 8 e as 22 horas e cuns aparellos musicais que sexan unicamente radio, televisión e fío musical cun nivel de emisión interno (NEI) máximo de 75 dBA. En calquera caso, nestes supostos os establecementos disporán dun illamento mínimo ao ruído aéreo de 50 dBA.

Artigo 22.º .-Estudio de impacto ambiental (EIA).

Enténdese por impacto ambiental a alteración sobre o medio ambiente, a saúde e o benestar da poboación, provocada pola execución dun proxecto, respecto á situación existente de non executarse o devandito proxecto.

O concepto de EIA refírese aos estudios que se efectúan co obxecto de identificar, predicir e sobre todo previr as consecuencias e os efectos ambientais, orixinados pola implantación dunha nova actividade nunha zona urbana catalogada como protexida. Resumindo, trátase de analizar as variables ambientais, establecer as súas relacións, interpretar os resultados e valorar as consecuencias.

Para elaborar o EIA, en relación co ruído procédese en primeiro lugar a recompilar toda a información referente ao proxecto, describir as accións susceptibles de producir ruídos e os efectos que poden provocar no medio ambiente. Nunha segunda fase identifícanse e valórase os impactos e propóñense as medidas correctoras adecuadas.

Esquematizando o dito teremos:

TÍTULO IV

Vehículos a motor.

Artigo 23.º .

Todo vehículo de tracción mecánica deberá ter en boas condicións de funcionamento o motor, a transmisión, a carrocería e demais órganos capaces de producir ruídos, vibracións ou fumes, especialmente o dispositivo silenciador dos gases de escape, co fin de que o nivel sonoro emitido ao circular ou co motor en marcha non exceda dos límites que establece esta ordenanza.

Artigo 24.º .

Prohíbese a circulación de vehículos a motor co chamado escape libre ou con silenciadores non eficaces, incompletos, inadecuados, deteriorados ou con tubos resoadores.

Igualmente prohíbese a circulación de vehículos con exceso de carga que produzan ruídos superiores aos fixados por esta ordenanza.

Artigo 25.º .

Queda prohibido o uso de bucinas ou calquera outro sinal acústico dentro do casco urbano, salvo nos casos de inminente perigo de atropelo ou colisión ou cando se trate de servicios públicos de urxencia (policía, servicio de extinción de incendios e asistencia sanitaria) ou de servicios privados para o auxilio urxente de persoas ou a defensa perentoria de bens.

Artigo 26.º .

A carga, descarga e transporte de materiais en camións deberá facerse de maneira que o ruído producido non resulte molesto. O persoal dos vehículos de reparto deberá cargar e descargar as mercadorías sen producir impactos directos sobre o piso do vehículo ou sobre o pavimento e evitará o ruído producido polo desprazamento ou trepidación da carga durante o percorrido. Prohíbense as actividades de carga e descarga de mercancías, manipulación de caixas, bidóns, materiais de construcción e obxectos similares na vía pública entre as 22 horas e as 8 horas do día seguinte, cando estas operacións superen os límites sonoros establecidos nesta ordenanza.

É preceptiva a autorización municipal expresa para aquelas actividades que xustifiquen tecnicamente a imposibilidade de respectar os límites establecidos.

Artigo 27.º .

Os limites superiores admisibles para os ruídos emitidos polos distintos vehículos a motor serán, de acordo co establecido no artigo 6.2 e 3 do Decreto 1.439/1972, do 25 de maio, para ciclomotores e vehículos automóbiles de cilindrada non superior a 50 centímetros cúbicos.

– De dúas rodas 80 dBA.

– De tres rodas 82 dBA.

Para o resto dos vehículos automóbiles, con cilindrada superior a 50 centímetros cúbicos, os limites serán os establecidos no anexo 4 do regulamento número 9 sobre prescricións uniformes para a homologación do vehículo, no que se refire a ruído, publicado no Boletín Oficial do Estado o 23 de novembro de 1974.

Nos casos en que se afecte notoriamente á tranquilidade da poboación poderanse sinalar zonas ou vías polas que non poida circular algunha clase de vehículos a motor a determinadas horas da noite.

Queda prohibido producir ruídos innecesarios debidos a un mal uso ou conducción violenta do vehículo, aínda que estean dentro dos límites máximos admisibles.

Será de aplicación a lexislación estatal ou autonómica sobre a materia.

O recoñecemento dos vehículos a motor aterase ás normas seguintes:

a) Para os ciclomotores o método de medida do ruído será o mesmo que se establece no apartado seguinte, se ben a velocidade de paso por diante do sonómetro será de 30 quilómetros/hora.

b) Para o resto dos vehículos automóbiles, o método de medida do ruído será o establecido na regulamentación aplicable.

Artigo 28.º . Restriccións de circulación:

1. Consonte o artigo 5.3.º da Lei 7/1997, do 11 de agosto, nos casos nos que o ruído do tráfico afecte notoriamente a tranquilidade da poboación, o Concello poderá sinalar zonas ou vías nas que algunhas clases de vehículos de motor non poderán circular ou deberán facelo de xeito restrinxido en horario e velocidade.

2. Para os efectos do establecido no parágrafo anterior, considéranse as zonas que soportan un nivel de ruído, debido ao tráfico rodado, que alcanza valores de nivel continuo equivalente (LpAeq) superior a 55 dBA durante o período nocturno (de 22.00 a 8.00 h).

Artigo 29.º .-Mecanismos de control.

1. A policía local poderá formular denuncia contra o conductor ou, se é o caso, propietario de todo vehículo que, ao seu xuízo, exceda os niveis máximos de ruídos, vibracións ou emisión de fumes permitidos. Na denuncia indicaráselle a obriga de presentar o vehículo no lugar, data e hora para o seu recoñecemento e inspección á que poderá asistir cos técnicos que desexe, así como os efectos derivados da falta de presentación do vehículo, que poden ser a imposición de sancións e incluso o precintado do vehículo correndo pola súa cota os gastos.

2. A determinación da data e hora fixarase na forma que resulte máis cómoda para o interesado e sexa compatible, na medida do posible, coas súas obrigas profesionais ou laborais.

3. Presentado o vehículo a inspección, se se comprobase que non supera os niveis permitidos, a denuncia será sobresida. Noutro caso, a Administración outorgará ao seu titular un prazo máximo de 15 días para que emende as deficiencias, e fixará unha nova data para a inspección, coas advertencias para o caso de incumprimento do deber de presentación ou de non emendar as deficiencias.

4. A non presentación do vehículo na data e hora fixadas, sen causa xustificada, poderá ser sancionada como infracción grave, todo isto ser prexuízo da facultade da Administración de volver efectuar outro requirimento para unha nova data co fin de emendar as e indicándolle que, de non atender este novo requirimento, incorrerá en infracción grave e sen máis trámite procederá o precintado do vehículo.

5. Se, malia isto, o titular do vehículo non chegase a presentalo para a inspección na nova data sinalada, a Administración procederá á localización e precintado do vehículo e, se é o caso, a trasladalo ao depósito municipal.

6. O precinto só será levantado para que o interesado poida reparar as deficiencias do vehículo, e neste caso, faráselle entrega deste nas condicións sinaladas nos apartados 4 e 5.

TÍTULO V

Actividades varias.

Artigo 30.º .-Comportamento dos cidadáns na vía pública e na convivencia diaria.

1. A producción de ruídos na vía pública e nas zonas de pública convivencia (prazas, parques, etc.), ou no interior dos edificios, deberá manterse dentro dos límites que esixe a convivencia cidadá.

2. A prescrición establecida no parágrafo anterior refírese a ruídos producidos polas circunstancias que se sinalan nos seguintes apartados, especialmente en horas de descanso nocturno:

2.1. O ton excesivamente alto da voz humana ou da actividade directa das persoas.

2.2. Os sons producidos polos diversos animais domésticos.

2.3. Os aparellos ou instrumentos musicais.

2.4. Os electrodomésticos e outros aparellos domésticos.

Artigo 31.º .-Comportamento nocturno.

En relación con ruídos a que se retire o artigo 30º .2.1 queda prohibido:

Cantar, usar instrumentos musicais ou semellantes, berrar ou vociferar.

– Realizar traballos ou reparacións domésticas así como cambiar mobles entre as 22.00 e as 8.00 horas, agás autorización expresa.

– Realizar traballos de bricolaxe de xeito habitual cando os ruídos ou vibracións producidos superen os niveis sinalados no título II desta ordenanza.

Artigo 32.º .-Sobre posesión de animais domésticos.

En relación cos ruídos a que se refire o artigo 30.º .2.2 establécese a obrigatoriedade, por parte dos propietarios de animais domésticos, de adoptar as medidas necesarias co fin de que os ruídos que poidan producir non ocasionen molestias á veciñanza, sen prexuízo da autorización da comunidade de propietarios cando así o estableza os seus estatutos.

Artigo 33.º .-Usuarios de aparellos de radio e televisión.

En relación cos ruídos a que se refire o artigo 30.º 2.3 terase en conta que a televisión, radio e outros aparellos musicais deberán ter axustado o seu volume de forma que non supere os niveis establecidos no título II. Así mesmo, o uso dos diversos instrumentos musicais realizarase adoptando ás necesarias precaucións, tanto na súa instalación como no local onde se utilicen, de modo que os niveis de ruído producidos non superen os límites establecidos no título II.

Artigo 34.º .-Utilización de electrodomésticos en horas nocturnas.

En relación cos ruídos a que se refire o artigo 30.º 2.4, desde as 22 ata as 8.00 horas, prohíbese a utilización de calquera tipo de aparello doméstico, como é o caso de lavalouzas, lavadoras, licuadoras, aspiradoras e outros, cando superen os niveis acústicos establecidos no título II.

Artigo 35.º .-Mensaxes publicitarias e actividades análogas.

1. Requirirá autorización preceptiva, previa e expresa, o emprego de todo dispositivo sonoro con fins de propaganda, reclamo, aviso ou distracción.

2. Esta obriga non rexerá nos casos de alarma, urxencia ou publicidade política en períodos electorais e horario diurno.

Artigo 36.º .-Traballos na vía pública que produzan ruídos.

Nos traballos realizados tanto na vía pública como na edificación non se autorizará o emprego de maquinaria con nivel de emisión externa (NEE) superior a 90 dBA, medido da forma explicada no anexo desta ordenanza.

Se, excepcionalmente, e por razóns de necesidade técnica fose imprescindible utilizar maquinaria con poder de emisión superior aos 90 dBA, o Concello limitará o número de horas de traballo da citada maquinaria en función do seu nivel acústico e das características ambientais do contorno en que estea situada.

1. Non poderán realizarse traballos entre as 22 e as 8 horas, nin na vía pública nin en edificacións, se producen niveis sonoros superiores aos establecidos con carácter xeral no título II.

2. Exceptúanse da prohibición anterior as obras urxentes, as que se realicen por razóns de necesidade ou perigo e aquelas que polos seus inconvenientes non poidan realizarse durante o día. O traballo nocturno deberá ser expresamente autorizado polo Concello, que determinará os límites sonoros que debe cumprir en función das circunstancias que concorran no caso.

Artigo 37.º .-Sistema de alarma.

Prohíbese o funcionamento, excepto por causas xustificadas, de calquera sistema de alarma ou sinalización de emerxencia.

Os titulares das instalacións de alarma serán responsables do seu correcto funcionamento e deberán comunicar á Policía Local a súa posta en funcionamento, así como un teléfono de contacto para seren informados en caso de funcionamento (inxustificado ou non) da instalación.

Artigo 38.º .-Ensaios dos sistemas de alarma.

Autorizaranse as probas e ensaios dos sistemas de alarma que sexan dos tipos que seguen:

a) Iniciais. As que se realicen antes da súa posta en marcha. Poderán efectuarse entre as 10.00 e as 18.00 horas.

b) Rutineiras. As de comprobación periódica da instalación. Só poderán realizarse unha vez ao mes e nun intervalo máximo de 5 minutos, dentro do horario anteriormente indicado.

A unidade de Licencias de Apertura do Concello deberá coñecer previamente o plan destas comprobacións. Nel constará o día e a hora en que se van realizar os ensaios.

Artigo 39.º .- Funcionamento anormal dun sistema de alarma.

Cando o anormal funcionamento dun sistema de alarma produza molestias á veciñanza e non sexa posible localizar ao responsable ou titular das instalacións, a Policía Local, en cumprimento do disposto nesta ordenanza, desmontará e retirará o sistema polos seus propios medios ou requirindo a colaboración dos servicios correspondentes.

Artigo 40.º .- Outras actividades e comportamento.

Calquera outra actividade ou comportamento persoal ou colectivo non comprendido nos artigos precedentes que supoña unha perturbación por ruídos para a veciñanza, evitable mediante unha conducta cívica normal, entenderase incluído no réxime sancionador desta ordenanza.

O servicio publico nocturno de limpeza e recollida de lixo adoptará as medidas e as precaucións necesarias para reducir ao mínimo o nivel de perturbación da tranquilidade cidadá. Nos pregos das cláusulas administrativas particulares deste servicio especificaranse, entre as condicións de execución, os valores límites de emisión sonora aplicables aos vehículos e á actividades que estes realizan.

TÍTULO VI

Normas reguladoras da concesión de licencias de apertura de establecementos públicos e actividades recreativas.

Disposicións xerais.

Artigo 41.º .-Definición das actividades.

Bar: establecemento público destinado á expedición de bebidas ou comidas que adoitan tomarse de pé ante o mostrador ou en mesas.

Café: establecemento onde se bebe café ou outras bebidas.

Cafetería: establecemento público destinado á expedición de café e bebidas de calquera clase. Serve tamén, por un prezo establecido e principalmente na barra ou mostrador, a calquera hora dentro das que permaneza aberta, pratos fríos e quentes, simples ou combinados, confeccionados de ordinario á prancha, para refrixerio rápido.

Café-cantante: establecemento público de características similares ao anterior, pero amenizado por cantantes ou músicos.

Café-concerto: teatro onde os espectadores poden fumar e beber, cun programa que inclúe números de canto, pantomimas e ballets.

Café-bar especial: nas súas variantes actuais pode estar amenizado con música ambiental, quedando asimilado ao pub.

Pub: voz inglesa abreviatura de public-house (local público). Establecemento orixinalmente británico onde se poden tornar bebidas alcohólicas, e que a dinámica social dos nosos tempos transformou nun centro de diversión ambientada con música.

Discoteca: local de pública concorrencia onde se expenden bebidas alcohólicas e se baila con acompañamento musical habitualmente a base de soportes discográficos.

Tablao flamenco: local público que dispón de tarima ou escenario para actuacións dun determinado espectáculo flamenco. O termo estivo referido nun principio aos denominados cafés-cantantes.

Sala de festas: salón de baile ou cabaret: do francés, taberna. Lugar de ocio onde se bebe, se baila e se representan espectáculos, principalmente de noite. Sinónimo de boite e de music-hall.

Karaoke: establecemento público onde se expenden bebidas alcohólicas e, segundo moda importada do Xapón, os usuarios intentan reproducir coa súa voz sobre un fondo musical que os guía e arroupa calquera das cancións.

Restaurante: establecemento público onde se serven comidas, As súas diversas clases comprenden unha gamma infinita, dende a modesta casa de comidas que proporciona un menú fixo a prezos moi económicos ata os suntuosos restaurantes de fama: quedan encadradas dentro desta categoría as súas variantes como ventas, mesón, grellas, etc.

Barra americana: establecemento público onde, nun ambiente marcadamente erótico e amenizado con música, se venden bebidas alcohólicas servidas por persoal feminino ou masculino. Quedan comprendidos dentro desta categoría os bares de alterne, as whisquerías e os nigth-clubs.

Artigo 42.º .-Clasificación das actividades polo seu grao de molestia.

1. Clasifícanse as distintas actividades de ocio en función do seu grao de molestia. Así, teremos:

Grupo I.

– Bar, café.

– Café-bar.

– Cafetería.

– Restaurante, mesón, grella.

– Taberna e adega.

Grupo II.

– Café-bar especial

– Pub

Grupo III.

– Café cantante.

– Café concerto.

– Karaoke.

– Boleiras.

Grupo IV.

– Discoteca e sala de baile.

– Sala de festas.

– Tablao flamenco.

– Music-hall.

Grupo V.

– Barra americana.

– Bares de alterne.

– Night-club.

– Whisquería.

No non previsto nesta clasificación estarase ao disposto no Regulamento xeral de policía de espectáculos públicos, no Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas, ou nas normas que os substitúan, e na normativa especifica, en caso de que a haxa.

Artigo 43.º .-Relación do local có exterior.

1. Todas as actividades comprendidas nesta ordenanza, e en especial as de ocio nocturno, deberán adoptar durante o seu funcionamento as medidas oportunas para evitar que o público efectúe as súas consumicións na vía pública. Nas galerías, non se ocupará o corredor, que permanecerá libres e será insonorizado co mesmo nivel esixible ao local de maior nivel sonoro existente.

2. Debido aos riscos de lesión auditiva que implica a prolongada exposición a niveis de presión sonora superiores a 90 dBA, ningún establecemento poderá superar o citado nivel sonoro.

3. Todas as actividades susceptibles de producir molestias por ruído deberán exercerse coas portas e fiestras pechadas.

4. Nas actividades clasificadas no grupo V (barras americanas, etc.) fíxase como condición especial para o seu funcionamento, a intimidade e a discreción, estando prohibida a exhibición e o reclamo exterior.

5. De forma xeral en cada edificio ou sector de edificio estructuralmente independente ou delimitado por xuntas de dilatación, autorízase unha única actividade das contempladas no artigo 42º , agás restaurantes e cafeterías, por cada portal de vivendas existente.

6. Os establecementos dos grupos I e II poderán instalar terrazas na vía pública cando sexan autorizados a facelo. As terrazas instaladas en locais do grupo II deberán ter o mesmo horario de funcionamento que as terrazas do grupo I. En todo caso, os locais do grupo II que dispoñan de terraza deberán funcionar coas portas pechadas.

Artigo 44.º .-Condicións mínimas que deben reunir os locais.

1. Alturas.

Sen prexuízo do cumprimento doutras normas e ordenanzas que sexan de aplicación, nos locais que, de forma xenérica, poidan catalogarse de pública concorrencia, a altura mínima libre acabada, incluídas as decoracións que sirvan de complemento, será a establecida no vixente Plan xeral de ordenación urbana e no planeamento de desenvolvemento.

2. Os locais que teñan varías plantas, sempre e cando o planeamento o permita, deberán cumprir, ademais, as seguintes condicións:

a) Cando a actividade se realice en varias plantas, a principal deberá reunir as condicións fixadas no parágrafo precedente.

b) A superficie das plantas complementarias terá, cando menos, un quince por cento (15%) de contacto en proxección vertical, coa superficie de planta que soporte a actividade principal.

c) Non se permitirán cambios de uso de garaxe-aparcadoiro a comercial-recreativo.

d) O soto e/ou planta primeira quedarán vinculados fisicamente á planta baixa, deberán cumprir os requisitos en materia de seguridade e condicións hixiénico-sanitarias, e non poderá accederse a eles directamente desde os elementos comúns do inmoble, senón a través de estancia intermedia.

e) Nos locais de pública concorrencia e as súas dependencias, cando estean situados baixo rasante ou sexa necesario para alcanzar a saída subir máis dun metro, quedará prohibido o uso de decoracións, tapicerías e acabados en xeral realizados con material capaz de producir por efecto da temperatura gases tóxicos, velenosos ou corrosivos.

En todo caso, o mobiliario e demais compoñentes de remate serán unicamente de clase M-0, M-1, M-2, M-3, o que deberá acreditarse mediante a certificación correspondente.

3. Superficies mínimas esixibles.

A superficie mínima dos establecementos, medida en planta baixa e sen computar a entreplanta, se a houbese, será de:

a) Grupo I: sesenta (60) metros cadrados.

b) Grupo II: oitenta (80) metros cadrados.

c) Grupo III: cento cincuenta (150) metros cadrados.

d) Grupo IV: douscentos cincuenta (250) metros cadrados.

e) Grupo V: cen (100) metros cadrados.

De forma excepcional, nos edificios de uso exclusivamente comercial a superficie mínima poderá considerarse noutras plantas.

4. En todos os casos, a relación entre a lonxitude de fachada á vía pública e a superficie total útil do establecemento en planta baixa será como mínimo dun metro lineal de fachada por cada vintecinco metros cadrados de superficie excluíndose os edificios de uso exclusivo, non residencial.

5. Poderán esixirse a todas as actividades comprendidas nos grupos II, III, IV e V as seguintes condicións:

– Chan flotante.

– Teito illante suspendido.

– Pechamentos dobres.

– Portas acústicas.

– Dobre porta.

– Ausencia de fiestras practicables e ocos ao exterior.

– Ventilación forzada e aire acondicionado.

6. Non se permitirá a instalación e uso de aparellos de música ou videomusicais ou a utilización de instrumentos musicais nos establecementos do grupo I. Nesta categoría de establecementos soamente poderá instalarse fío musical, un aparello de radio ou de televisión, que deberán funcionar sen estar conectados a amplificadores ou a altofalantes.

7. Non se permitirá a instalación de equipos ou a apertura de saídas de ventilación forzada directamente a patios de luces. Nos patios soamente se permitirá a instalación de conductos de ventilación ou chemineas de fumes que vaian sempre á parte superior do plano de cuberta do edificio. A ventilación dos aseos conducirase sempre á cuberta do edificio. A ventilación forzada dos locais non producirá en ningún caso molestias aos veciños do inmoble ou aos usuarios da vía pública. A distancia das saídas de aire a fiestras situadas fronte ao equipo de ventilación non será menor a catro metros.

8. As bocas das chemineas estarán situadas polo menos un metro por encima das cumieiras dos tellados, muros ou calquera outro obstáculo ou estructura distante menos de 10 metros. As bocas das chemineas situadas a distancias comprendidas entre 10 e 50 metros de calquera construcción deberán estar a nivel non inferior ao do bordo superior do oco máis alto que teña a construcción.

Estas distancias tomaranse sobre o plano horizontal que contén a saída de fumes libre de carapuchas, reducción ou outros accesorios ou remates que puidesen levar.

Artigo 45.º .-Identificación dos establecementos de pública concorrencia.

Todas as actividades reguladas nesta ordenanza terán na fachada ou no interior do establecemento, preto da porta principal de entrada nun lugar visible, unha placa identificadora na que deberen constar os seguintes datos:

– Categoría ou grupo ao que corresponde a súa actividade e licencia concedida

– Aforo permitido en función da superficie do local

– Número de licencia

– Nivel de emisión interna (NEI) permitido

A placa axustarase ao modelo homologado polo Concello e será proporcionada polas empresas expresamente autorizadas para a súa fabricación. Calquera empresa pode solicitar esta autorización.

Logo da concesión da licencia de apertura, os establecementos disporán dun prazo dun mes para encargar a placa e instalala nos lugares indicados neste artigo. Os datos que deben figurar na placa virán no acordo de concesión da licencia de apertura.

Os establecementos que carezan da placa identificadora disporán de seis meses para instalala. Transcorrido este prazo, procederase a adoptar medidas sancionadoras contra aqueles que incumpran esta condición dos locais recreativos e de espectáculos. Nos casos en que a licencia non conteña os datos necesarios para incluír na placa, solicitarase ao Concello unha certificación na que figuren estes datos.

Artigo 46.º .-Horario de peche e as súas limitacións

a) Considerase nocturno o comprendido entre as 22 e as 8 horas, no que descende o nivel de ruídos permitido pola normativa de medio ambiente.

b) Os locais comprendidos nesta ordenanza axustarán o horario de funcionamento ás normas que dicte en cada caso a entidade pública que teña encomendada esta competencia.

c) Unha vez fixado pola autoridade competente o horario de peche correspondente ás distintas actividades, fóra del non poderá seguir funcionando ningún instrumento ou aparello musical (radio, televisión, magnetófonos, tocadiscos, altofalantes, pianos, etc.) dentro ou fóra do local. Os establecementos comprendidos nos grupos II, III, IV e V, despois de pechar á hora legalmente establecida para a actividade, non poderán volver abrir ao público antes das 10 horas da mañá.

d) De forma xeral e para todas as actividades reguladas nesta ordenanza, logo da súa hora de peche e no decurso das seguintes oito horas, os niveis de emisión interna de, ruídos (NEI) non poderán exceder dos 75 dBA.

e) Queda terminantemente prohibido o acceso de menores de idade aos locais comprendidos nos grupos II, III, IV e V, agás nos supostos en que se autorice especificamente o seu funcionamento para actividades xuvenís nos grupos II, III e IV en franxa horaria de 18 a 22 horas e con prohibición absoluta de venda, promoción e publicidade de alcohol.

Artigo 47.º .-Instalación de aparatos de control (sonógrafos).

1. Para o mellor control dos límites sonoros establecidos nesta ordenanza, establécese para todas as actividades clasificadas dentro dos grupos II, III, IV e V a obriga de instalar aparellos de control permanente da emisión sonora, que incluso provoquen a interrupción da emisión cando supere os límites establecidos. Os gastos que se ocasionen pola realización desta instalación, incluído o custo do aparello, correrán por conta dos titulares da actividade.

2. O dispositivo de control (sonógrafo ou caixa negra) deberá ter as seguintes prestacións:

2.1 Rexistrar e almacenar o período de funcionamento ruidoso da actividade en cuestión, rexistrando data e hora de inicio e a data e hora de terminación cos seus correspondentes niveis de emisión de ruídos.

2.2 Rexistrar e almacenar os períodos de almacenamento, con data e hora de acendido e apagado, das fontes sonoras, co obxecto de controlar a súa correcta actuación.

2.3 Conservar a información dos aparellos anteriores durante un tempo determinado para permitir unha inspección a posteriori.

2.4 Disporá dun sistema que permita aos servicios municipais realizar a inspección dos datos de maneira que se poidan trasladar aos sistemas informáticos do servicio de inspección para o seu análise e avaliación, permitindo a súa impresión. Todas estas operacións non destruirán os datos existentes no dispositivo, nin existirá a posibilidade da manipulación destes mediante o sistema informático.

2.5 Así mesmo, deberá dispor dun dispositivo de protección sobre posibles manipulacións á “caixa negra” que se faga efectivo mediante chaves electrónicas ou claves de acceso.

3. Os dispositivos de control (sonógrafo ou caixa negra) terán que ser homologados polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

Disposicións especificas.

Artigo 48.º .-Niveis de illamento acústico.

1. Como norma xeral, ás actividades con horario nocturno esixiráselles un illamento acústico mínimo de 60 dBA respecto aos locais destinados a uso residencial.

2. Esixirase que as actividades de ocio nocturno dispoñan nos seus elementos de delimitadores, teito, chan e paredes, dos niveis mínimos de illamento global acústico a ruído aéreo que seguen:

a) Os locais destinados a bar, cafetería, restaurante e similares (grupo I), de 60 dBA.

b) Os que se destinen a bar especial, pub e similares (grupo II) de 65 dBA.

c) Os do grupo III e V, como os cafés-cantantes, karaokes, barras americanas, de 70 dBA.

d) Aqueles destinados a discoteca, disco-bar, sala de festas e similares (grupo IV) con pista de baile, de 75 dBA.

3. En calquera suposto, sexa cal sexa o illamento acústico acadado, nunca se poderán superar os límites de recepción fixados nos artigos desta ordenanza para estes establecementos.

4. O suxeito pasivo coa obriga de incrementar o illamento ata os mínimos sinalados é o titular do foco emisor do ruído.

5. As actividades complementarias desenvolvidas polos establecementos incluídos nos grupos I e II no exterior (terrazas en vía pública, en patios a terreos privados, etc.) non estarán sometidas ás limitacións do illamento acústico ou aos limites máximos de ruído permitidos no exterior. No obstante, en ningún caso se producirán ruídos que superen en espacios lindantes, horizantais ou verticais, os niveis fixados como niveis de recepción polo artigo 13 desta ordenanza. En todo caso, os espacios dedicados a estas actividades complementarias non poderán dispor de equipos de música ou outras reproduccións sonoras, así como tampouco outros elementos que sexan susceptibles de producir ruídos.

Corresponde aos propietarios dos locais o mantemento da orde nas súas terrazas, sen prexuízo da intervención dos axentes da autoridade, cando así proceda.

6. A determinación e comprobación do illamento acústico farase de acordo co artigo 14 e co apartado V do anexo.

Artigo 49.º .-Tratamento acústico dos locais.

En relación co indicado no artigo anterior, será obrigatorio o tratamento acústico de paredes, solos e teitos co fin de garantir os illamentos mínimos requiridos.

O certificado de final de obra garantirá que os materiais proxectados foron instalados.

Para isto, antes de concederse a licencia de apertura, o Concello esixirá á propiedade un certificado asinado polo técnico competente que, nomeado polo titular, dirixira as obras e instalacións no que consten as medicións do illamento acústico conseguido, sen prexuízo das comprobacións que leve a cabo a inspección municipal.

Artigo 50.º .-Dobre porta.

1. Coa fin de evitar a transmisión sonora directamente ao exterior, nos establecementos dotados de equipo musical e, en xeral, en todos os incluídos nos grupos II, III e IV, será obrigatorio a instalación dunha dobre porta, con peche automático e dispositivo antipánico de apertura manual, constituíndo un vestíbulo cortaventos. Este vestíbulo disporá de 1,50 metros de separación entre zonas de varrido de portas.

2. Tamén será obrigatoria de forma xeral para todos os establecementos cando se superen os 65 dBA entre as 22 e 8 horas, medidos a un metro e medio da fachada no exterior coa porta aberta e fronte a ela.

3. Estas portas deberán permanecer constantemente cerradas a partir das 22 horas, agás para a entrada e saída de persoas.

Artigo 51.º .-Documentación específica.

Para conceder licencia de instalación dunha actividade con equipo de música ou que inclúa actuacións musicais, ademais da documentación que legalmente se esixe en cada caso, será preciso presentar un estudio realizado por un técnico competente no que se describan os seguintes aspectos da instalación:

a) Descrición do equipo musical (potencia acústica e gamma de frecuencias).

b) Situación, número de altofalantes e descrición das medidas correctoras (direccionalidade, suxeición, localización do sonógrafo, etc.).

c) Descrición dos sistemas de illamento acústico con detalle das pantallas illantes, especificación das gammas de frecuencias e absorción acústica.

d) Fixación do tope de potencia fónica en función do nivel de emisión permitido para cada caso.

Unha vez presentado o estudio técnico, os servicios técnicos municipais comprobarán a instalación reproducindo no equipo a inspeccionar un son co mando do potenciómetro de volume ao máximo nivel e, con esas condicións, medirán o ruído na vivenda ou local máis afectado. O nivel máximo medido non poderá exceder os límites fixados nesta ordenanza.

Artigo 52.º .-Documentación para novas instalacións

1. A solicitude de licencia de apertura formularase mediante instancia dirixida á Alcaldía-Presidencia, na que se fagan constar os seguintes datos do solicitante: nome, apelidos, documento nacional de identidade, enderezo, teléfono e lugar en que trata de instalar a actividade.

Na instancia recollerase exactamente o carácter co que intervén o solicitante, indicando se actúa no seu nome ou en representación doutro. Nese caso, acreditará a súa representación e os datos correspondentes ao representado.

Conxuntamente coa solicitude de licencia de apertura ou con posterioridade a esta, deberá solicitarse a correspondente licencia de obras.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse un proxecto técnico, por triplicado, asinado polo técnico ou técnicos competentes e visado polos respectivos colexios oficiais, no que constarán os documentos seguintes:

A) Memoria que comprenda:

1) Descrición técnica detallada de:

– As características da actividade.

– A maquinaria a instalar, indicando o tipo e as súas características así como a potencia de cada unha.

– A superficie total do local e de cada un dos departamentos que o conforman (aseos, vestiario, almacén, etc.).

– Os medios e sistemas correctores propostos para reducila transmisión de ruídos e vibracións, de acordo co indicado nesta ordenanza.

– O procedemento de depuración e eliminación de fumes, gases e olores.

– O sistema de evacuación de augas residuais e residuos sólidos.

– As instalacións hixiénico-sanitarias e demais instalacións.

2) Xustificación do cumprimento das normas básicas da edificación sobre condicións térmicas, acústicas e de protección contra incendios.

3) De ser o caso, xustificación do cumprimento do Regulamento xeral da policía de espectáculos e actividades recreativas.

B) Planos dobrados á medida DIN-A4, con pestana, que permitirán formar un expediente formalizado. A relación mínima de planos que cómpre presentar é a que segue:

1) Da situación da actividade, a escala 1:500 ou 1:5000 da cartografía oficial municipal.

2) Do rueiro, a escala 1:5000, copia da cartografía oficial, indicando a localización do edificio en que se pretende instalar a actividade, con expresión do destino dos edificios lindantes e xustificación expresa do cumprimento das limitacións de situación a que se refire esta ordenanza.

3) Plano de situación do local na planta do edificio a escala 1:100.

4) Plantas de distribución, a escala 1:50, nas que se sinalará a posición da totalidade da maquinaria instalada, dos medios de extinción de incendios de que se dota o local e da posición e características da iluminación de emerxencia e sinalización.

5) De ser o caso, plantas de zonificación e sectorización do local ou locais, de cara ao cumprimento da Norma básica NBE-CPI-96, ou posteriores.

6) Seccións, a escala 1:50, nas que se detallará a situación relativa da actividade pretendida respecto ás plantas inmediatamente superior e inferior, así como o seu destino. Nestas seccións acoutaranse as distintas alturas libres resultantes en cada punto do local, de solo a teito, unha vez implantadas as instalacións e medidas correctoras, de igual xeito, acoutarase o nivel do local con respecto ao chan.

7) Alzados de fachada, a escala 1:50, das instalacións de electricidade, fontanería, saneamento, ventilación, aire acondicionado e climatización en xeral.

C) Ademais irá acompañada das seguintes separatas:

1) Relación de todas as actividades situadas no mesmo inmoble.

2) Nome e apelidos do presidente ou administrador da comunidade de veciños.

3) Expresión do grupo en que o solicitante entende encadrada a actividade pretendida, consonte a clasificación establecida.

4) Fotocopia da alta no imposto de actividades económicas.

5) Cadro xustificativo do cumprimento desta ordenanza.

Documentación que debe achegarse coas solicitudes de ampliación de instalacións existentes.

Ademais da documentación indicada máis arriba presentarase unha fotocopia da licencia municipal para o desenvolvemento da actividade e, de ser o caso, xustificación detallada do cumprimento desta ordenanza.

Artigo 53.º .-Cambios de titularidade das licencias de apertura ou reforma de locais autorizados.

1. As solicitudes de cambios de titularidade das licencias de apertura de actividades acompañaranse cunha fotocopia do recibo do IAE, de ser o caso, e da licencia municipal de instalación ou apertura así como da documentación en que se acredite o consentimento para realizar o cambio do anterior ao novo titular ou sentencia xudicial que o dispoña.

2. En caso de que se executen obras de reforma que afecten á distribución, insonorización ou aforo en locais xa autorizados coa preceptiva licencia municipal de apertura, xunto coa correspondente solicitude da licencia de obras, presentarase un proxecto técnico axustado ao disposto nesta ordenanza. Poderá facerse excepción do cumprimento daqueles preceptos da ordenanza que sexan de imposible ou moi difícil cumprimento en locais xa autorizados coa preceptiva licencia de apertura; neste caso proporanse medidas alternativas. En calquera caso, garantirase que non se superarán os niveis de recepción.

Características de medición e límites de nivel de ruído.

Artigo 54.º .-Niveis sonoros.

O nivel de ruídos no interior das vivendas, transmitido a elas por impactos dalgunha actividade, non superará os límites establecidos no artigo 13º .

Nas actividades de ocio nocturno os niveis máximos de ruído radiado ao exterior non poderán superar os que se establecen no artigo 13.º , medidos a unha distancia de 1,5 m da fachada do local.

Medidas correctoras.

Artigo 55.º .-Recomendacións constructivas.

Fíxanse como medidas correctoras, que deberán constar nos proxectos técnicos que se presenten coa documentación da solicitude de licencia de apertura, as referentes a teitos, cerramentos, solos, piares e altofalantes.

1. Teitos.

Prescríbense como medidas correctoras as seguintes:

a) Reparación de calquera defecto do forxado que separe o local en estudio da vivenda.

b) Os falsos teitos non deberán ir unidos rixidamente ao teito.

c) Evitaranse as múltiples perforacións para a iluminación.

d) Evitarase todo tipo de unións ríxidas.

e) Utilización do material absorbente na cámara de aire entre os dous teitos.

f) Nas conduccións de ventilación e aire acondicionado prohíbense retornos de aire polos falsos teitos.

g) Non instalar os altofalantes de forma que exista contacto directo co forxado do local.

h) Suspender con amortecedores un falso teito illante de peso superficial comprendido entre 8-15 kg/m2. A distancia entre o forxado e o falso teito está comprendida entre 15-20 cm. Encher o falso teito de material absorbente con densidade 35:69 kg/m3.

i) Instalar debaixo deste teito os conductos de ventilación, climatización e iluminación.

j) En caso de que, como consecuencia da aplicación das medidas correctoras previstas nos epígrafes h) e i), o local incumpra outras condicións requiridas, o titular, a través dun proxecto técnico, poderá propoñer outras medidas correctoras que deberán ser sometidas a aprobación municipal.

2. Cerramentos laterais e fachadas.

Prescríbense as seguintes medidas correctoras:

A) Cerramentos de fachadas (exterior vía pública).

1. Nos locais do grupo II, onde os niveis de emisión son maiores ou iguais á 80 dBA, as portas deberán permanecer sempre cerradas.

2. Nos locais de ocio do grupo III, con niveis de emisión de 90 dBA, deben suprimirse as fiestras ou darlles un tratamento especial (dobre ou triple cristal).

3. As portas para niveis de emisión de ruído maior ou igual a 80 dBA deben ser dobres con espacio intermedio entre as dúas que actúe como cámara de control para impedir que as dúas portas estean abertas ao mesmo tempo.

4. Nos locais do grupo IV, a porta debe ser de gran calidade acústica de xeito que non deixe pasar o ruído ao exterior.

B) Cerramentos de separación de locais adxacentes.

A magnitude do illamento estará en función dos niveis de ruído de fondo que existan no local receptor.

En todo caso, nos locais con un nivel de emisión igual ou superior a 80 dBA, e especificamente as actividades clasificadas nos grupos II, III, IV e V, segundo o artigo 42 desta ordenanza, con locais adxacentes, deberán dispor de paredes dobres de obra de fábrica e encher a cámara de aire con materiais absorbentes de densidade superior a 35 kg/m.

3. Chans.

Co obxecto de evitar a transmisión directa que ocasionan os altofalantes de baixos e os impactos de tacóns ou de baile, determínase a execución de solos flotantes nestes locais. Esta montaxe é obrigatoria para niveis de ruído de 90 dBA. O solo flotante debe estar, como mínimo, constituído por unha capa ríxida de formigón armado con espesura de 10 cm e unha capa de material elástico (cortiza, aglomerado, paneis de fibra de vidro, etc.), que ademais quedará suficientemente illada de piares, elementos comúns de cerre, etc.

4. Piares.

Fíxanse como medidas correctoras:

Para niveis de 90 dBA serán necesarias paredes de obra de fábrica de ladrillo revestidas con varias capas de materiais absorbentes e illantes (chumbo, aceiro).

5. Altofalantes.

Está prohibida a ancoraxe das instalacións electroacústicas en teitos, piares e paredes.

Os altofalantes de son medio e agudo situaranse suspendidos mediante materiais elásticos evitando as pontes acústicas.

Os altofalantes de baixos deberán colocarse sobre un bloque de inercia fabricado cunha lousa de formigón de 7-10 cm de espesura sustentada sobre resortes metálicos de baixa frecuencia de resonancia.

Empregaranse preferentemente altofalantes de pouca potencia distribuídos homoxeneamente no teito e cun pequeno radio de acción. Está contraindicado o uso de altofalantes de grandes niveis de potencia acústica.

En locais dos grupos III e IV, con niveis iguais a 90 dBA Leq., deberán separarse as zonas de ruído elevado, pistas de baile das zonas menos ruidosas.

6. Outras condicións.

Deixarase un punto de inspección por cada 50 metros cadrados, no que se poderá observar o illamento, ou en caso de que sexa imposible construír os rexistros, garantirase a existencia dos materiais de insonorización da forma que se indica no artigo 49.

Será requisito imprescindible para considerar un local insonorizado que estea recebado o teito co fin de uniformar o illamento da placa.

En calquera caso, comunicarase ao Concello a data de execución das obras de insonorización do local para que sexan inspeccionadas antes da súa finalización.

TÍTULO VII

Obrigas dos titulares de actividades.

Exercicio irregular da actividade

Artigo 56.º .-Deberes xenéricos.

Os titulares das licencias veñen obrigados a:

1. Exercer a actividade nos termos establecidos na correspondente licencia de apertura ou autorizacións de funcionamento e, en todo caso, a axustala aos límites previstos nesta ordenanza.

2. Exercer a actividade coa dilixencia debida para evitar a producción de molestias a usuarios e veciñanza.

3. A cumprir as ordes individuais que lles poida dirixir a Administración municipal co fin de evitar a producción de perturbacións por ruídos e/ou vibracións, especialmente durante o horario nocturno.

Artigo 57.º .-Deberes específicos.

1. Constitúen deberes específicos dos titulares das actividades reguladas por esta ordenanza, os seguintes:

1.1 Adoptar durante as horas de funcionamento da actividade, especialmente durante o horario nocturno, as medidas oportunas para evitar que o publico efectúe as súas consumicións fóra do establecemento ou na vía pública. Quedan exceptuados desta obriga os establecementos que teñan autorizado o funcionamento de terrazas na vía pública sempre que se acomoden ás prescricións da súa respectiva autorización ou licencia.

1.2 Exercer a actividade coas portas e fiestras pechadas evitando a propagación de ruídos e sons ao exterior.

1.3 Impedir a superación dos niveis de aforo establecidos.

1.4 Cumprir fielmente os horarios de peche dos locais de lecer, especialmente en horas nocturnas. Unha vez que se teña superado o horario de peche establecido pola autoridade gobernativa correspondente para as distintas actividades, impóñense as seguintes obrigas:

1.4.1 Non poderán volver abrir ao público ata a hora prevista no artigo 46, no referente aos establecementos comprendidos nos grupos II, III, IV e V e, en todo caso, ata a establecida pola autoridade competente.

1.4.2 Non poderá seguir funcionando ningún instrumento ou aparato musical (radio, televisión, magnetófonos, tocadiscos, altofalantes, pianos, etc.) dentro ou fora do local.

1.4.3 Desde o momento do peche ata as 8 horas a.m., os niveis de emisión interna (NEI) non poderán superar os 75 dBA.

1.5 Prohibir e impedir o acceso a menores nos locais comprendidos nos grupos II, III, IV e V excepto nos supostos en que se autorice especificamente o seu funcionamento para actividades xuvenís, nos grupos II, III, e IV, en franxa horaria de 18 a 22 horas, con prohibición absoluta de venda, publicidade e promoción do consumo de alcohol.

1.6 Adoptar as medidas oportunas para que os usuarios non saian do local portando botellas, envases, vasos, etc.

1.7 Nas actividades clasificadas no grupo V (barras americanas, etc.,) fíxase como condición especial para o seu funcionamento, a intimidade e discreción, estando prohibida a exhibición e reclamo ao exterior.

1.8 Ter no local o libro de inspección, facilitalo aos servicios municipais e non impedir que nel mesmo os inspectores fagan constar os resultados da inspección.

1.9 Non instalar no local, se non está expresamente autorizado, mesas de fútbol, billares, máquinas recreativas que poidan producir ruídos de impacto, brillos luminosos ou doutra natureza que poidan producir molestias ou ruídos.

2. O titular da licencia será o responsable do mantemento da orde por parte dos seus clientes, tanto no local como nos seus accesos.

3. O titular da licencia ou, se é o caso, o encargado do establecemento estarán obrigados a colaborar cos servicios de inspección e cos axentes da autoridade no cumprimento das súas misións.

Exercicio irregular da actividade.

Artigo 58.º .-Establecemento onde se exerce unha actividade sen licencia.

1. Para os efectos previstos neste artigo considérase que nun establecemento se exerce unha actividade sen licencia (actividade clandestina) nos seguintes casos:

1.1 Cando o local de referencia non dispón de licencia municipal de apertura.

1.2 Cando a actividade que se realiza non se axusta á licencia.

1.3 Cando se exerce unha actividade nun establecemento ao que, provisional ou definitivamente, se retirara a licencia retirada ou esta caducara.

2. Se, como consecuencia da inspección realizada, se detectase que nun establecemento se está exercendo unha actividade sen licencia, sen prexuízo das matizacións que máis abaixo se deixan expresadas, adoptaranse con carácter xeral as seguintes medidas-tipo:

2.1 Incoarase un expediente de sanción fronte á persoa que veña exercendo a actividade.

2.2 Poderase dispor, como medida provisional, o cesamento provisional da actividade de forma inmediata,

2.3 Concederase á persoa que vén exercendo clandestinamente a actividade un prazo de dez días para que alegue o que teña por conveniente ao seu dereito.

3. Transcorrido o prazo anteriormente sinalado sen que o requirido formulase alegacións, sen prexuízo da sanción en que poida ter incorrido, poderase decretar a clausura definitiva da actividade e, se é o caso, ao precintado do local. Sen embargo, en caso de actividades legalizables que non orixinen molestias e non resulten perigosas, concederase previamente un prazo de dous meses para a legalización do establecemento.

Artigo 59.º .-Establecemento que non se axusta a licencia.

1. Para os efectos previstos neste artigo, considérase que un establecemento non se axusta á licencia cando a actividade efectivamente realizada no local non se corresponde total ou parcialmente coas actividades amparadas por licencia e coa documentación consonte a que se lle concedeu.

2. Se como consecuencia da inspección levada a cabo se detectase que a actividade que se realiza no establecemento non se correspondese coa da licencia de apertura concedida, adoptaranse as seguintes medidas-tipo:

2.1 Incoarase expediente de sanción.

2.2 Como medida provisional poderase ordenar ao seu titular que, de forma inmediata, cese no exercicio da actividade efectivamente realizada no local para a que non conta con licencia.

2.3 Concederase ao titular un prazo de dous meses para que solicite licencia de apertura para a actividade efectivamente desenvolvida no local ou, noutro caso, para que efectúe os necesarios cambios no establecemento co fin de axustar o exercicio da actividade ao establecido pola licencia.

3. Sen prexuízo do expediente de sanción que poida incoarse, se dentro do prazo concedido o titular realizase no establecemento as obras ou actos necesarios para axustar o exercicio da actividade ao da licencia concedida, e sempre que estas fosen suficientes a xuízo dos servicios técnicos municipais, levantaranse as medidas adoptadas e permitirase o exercicio da actividade autorizada en licencia.

4. Transcorrido o prazo anteriormente concedido sen que o requirido formulara alegacións ou efectuara as adaptacións necesarias para axustar o exercicio da actividade ao contido da licencia, impedirase definitivamente o exercicio da actividade que non conta con licencia.

Artigo 60.º .-Precintado ou retirada de aparellos ou instalacións.

1. Cando se dispuxese a limitación ou inutilización dalgún aparello poderase ordenar a súa retirada ou precintado.

2. Cando se ordene a retirada dalgún aparello móbil do establecemento, o titular vén obrigado a facelo no prazo que se lle sinale e a non volver instalalo, xa sexa o mesmo aparello ou outro de similares características, ata que non obteña a autorización para facelo.

A reinstalación de aparellos sen a debida autorización será constitutiva de infracción moi grave.

3. O precinto dos aparellos, sistemas, instalacións, etc., poderá ordenarse, ben para limitar o seu uso e/ou intensidade, ben para impedilo. O precintado consistirá nun sistema que poderá revestir diversas formas (papel ou cinta adhesiva, cordal, arame, selo, etc.) e instalarase de forma ben visible.

4. O titular da actividade vén obrigado especialmente a manter en debidas condicións o precinto e a comunicar á Administración inmediatamente a súa desaparición, ruptura, ou calquera outra circunstancia que non garanta a súa eficacia.

5. Non se poderá retirar o precinto sen autorización municipal. Non obstante, o titular pode solicitar da Administración municipal que se levante o precinto co obxecto de efectuar as adaptacións, reparacións, etc., necesarias; neste caso será autorizado pola Administración. Neste caso, o titular vén obrigado a comunicar inmediatamente aos servicios municipais o momento en que estea emendada a deficiencia.

Non se poderá poñer en funcionamento o aparello ou sistema precintado durante o horario de actividade en tanto non se comprobe o seu grao de eficacia e sexa autorizado polos servicios municipais.

A posta en funcionamento do aparello ou sistema precintado durante o horario da actividade sen a autorización previa constituirá unha infracción moi grave.

6. Con independencia das responsabilidades penais en que se puidese incorrer, a manipulación, alteración, deterioro, ruptura, etc., de precintos, será constitutiva de infracción moi grave. Presúmese que a actuación sobre o precinto foi executada polo titular ou persoal ao seu cargo no establecemento cando se atope en zona á que non teña libre acceso o público.

Artigo 61.º .-Precintado de locais.

1. Cando se dispoña o cesamento de todas as actividades que se desenvolven nun establecemento ou ben a súa clausura, poderase ordenar o precintado do local.

2. O precintado dun local ten por obxecto impedir o seu uso para a actividade concreta que se pretende impedir. O precintado consistirá nun sistema que poderá revestir diversas formas (papel ou cinta adhesiva, cordel, arame, selo, etc.) e instalarase de forma ben visible.

3. O titular da actividade e/ou do local veñen obrigados especialmente a manter en debidas condicións o estado do precinto e a comunicar a Administración inmediatamente a súa desaparición, ruptura, ou calquera outra circunstancia que non garanta a súa eficacia.

4. Non se poderá retirar o precinto sen autorización municipal previa. Non obstante, o titular pode solicitar da Administración municipal que se levante o precinto co obxecto de efectuar as adaptacións, reparacións, etc., necesarias ou retirar obxectos. Neste caso, a Administración autorizarao e o titular vén obrigado a comunicar inmediatamente aos servicios municipais o momento en que se produza a emenda da deficiencia. Non se poderá abrir o establecemento ao público en tanto non se conceda autorización de funcionamento.

5. A apertura dun establecemento que careza da autorización previa será constitutiva de infracción grave.

6. Con independencia das responsabilidades penais en que se puidese incorrer, a manipulación, alteración, deterioro, ruptura, etc., de precintos, será constitutiva de infracción grave.

TÍTULO VIII

Réxime xurídico e sancionador.

Sección primeira. Disposicións xerais.

Artigo 62.º .-Normativa aplicable.

Para o non previsto nesta disposición, será de aplicación:

– A Lei 37/03 de 17 de novembro de 2003 do ruído.

– A Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica desenvolvida a través do Regulamento de protección contra a contaminación acústica, aprobado polo Decreto 150/1999, do 7 de maio.

– A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia.

– O Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental.

– O capítulo II do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– O Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

– Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, polo que se aproba o texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.

– Lei 19/2001, do 19 de decembro, de reforma do texto articulado da Lei sobre tráfico,circulación de vehículos de motor e seguridade viaria.

– Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

– Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local.

Sección segunda.

Inspección e vixilancia.

Artigo 63.º .-Competencia.

1. Correspóndelle ao Concello exercer o control do cumprimento do previsto nesta disposición, consonte o disposto no capítulo II do título III da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, no referente ás denuncias e ás actuacións de inspección e vixilancia.

2. Cando o Concello se considere imposibilitado para o exercicio da competencia de inspección, poderá solicitar o auxilio en tal función á Administración autonómica, ou ás empresas habilitadas ao respecto pola Xunta de Galicia, de acordo co estipulado no artigo 25 da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Artigo 64.º .-Actividade de inspección.

1. O persoal do Concello, debidamente identificado, poderá levar a cabo visita de inspección ás actividades que se veñan desenvolvendo e ás instalacións en funcionamento para os efectos de comprobar o cumprimento das determinacións desta ordenanza.

Cando para a realización de inspeccións sexa necesario entrar nun domicilio será preceptiva a correspondente autorización xudicial. Nos demais supostos, o persoal, debidamente identificado, estará facultado para acceder ás instalacións ou establecementos, se e o caso, sen previo aviso.

Os propietarios dos establecementos e actividades productoras de ruídos e vibracións deberán permitir a inspección e facilitala.

2. As visitas de inspección poderán levarse a cabo por propia iniciativa municipal ou logo de solicitude de calquera interesado dirixida á autoridade administrativa competente. As solicitudes conterán, ademais dos datos esixibles ás instancias na lexislación que regula o procedemento administrativo, os datos precisos para a realización da visita de inspección.

En casos de recoñecida urxencia, cando os ruídos resulten altamente perturbadores, ou por calquera outro motivo se altere gravemente a tranquilidade e seguridade cidadá, a solicitude de visita de inspección poderá formularse ante a Policía Local, tanto de palabra como por escrito, que fará unha visita de inspección e comprobación previa dos feitos e adoptará as medidas de emerxencia que cada caso requira. Desta actuación redactarase unha acta que se remitirá ao Servicio de Licencias e Disciplina Urbanística co fin de que se proceda á formación do expediente que corresponda.

3. As visitas de inspección realizaranse tendo en conta as características do ruído e das vibracións. Para ese fin, as medicións relativas ao ruído obxectivo realizaranse logo da citación ao responsable do foco ruidoso e as medicións relativas ao ruído subxectivo practicaranse sen coñecemento do titular, sen prexuízo de que neste último caso poida ofrecerse ao responsable do foco ruidoso unha nova medición na súa presencia para o seu coñecemento.

4. Unha vez concluídas as medicións entregarase aos interesados unha copia do resultado delas. As actas emitidas polos órganos competentes gozan de presunción de veracidade en canto aos feitos contados nelas e constitúen proba abonda para os efectos do correspondente procedemento de sanción, non sendo que os interesados acheguen algunha proba en contra. Tal presunción enténdese para as medicións realizadas con instrumentos que reúnen os requisitos establecidos no artigo 9º da ordenanza.

Sección terceira.

Réxime sancionador.

Artigo 65.º .-Infraccións.

Consideraranse infraccións administrativas as accións ou omisións que contraveñan as disposicións desta ordenanza.

As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves, consonte o tipificado nos artigos seguintes e de acordo co establecido no capítulo III, título III da Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

Artigo 66.º .-Faltas leves.

Constitúe falta leve:

a) A superación dos límites admitidos ata 5 dBA.

b) A transmisión de niveis de vibración correspondente á curva base inmediatamente superior á máxima admitida para cada situación.

c) Calquera outra infracción ás normas, non cualificada expresamente como falta grave ou moi grave, consonte o disposto no artigo 13º da Lei 7/1997, do 11 de agosto.

d) A circulación de vehículos de motor co escape libre e con silenciadores ineficaces, incompletos, inadecuados ou deteriorados.

e) A non presentación dos vehículos ás inspeccións.

f) A contravención das obrigas previstas nos parágrafos do título V desta ordenanza.

Artigo 67.º .-Faltas graves.

Constitúe falta grave:

a) A superación en máis de 5 dBA dos valores límite admitidos.

b) A transmisión de niveis de vibración correspondentes a dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación.

c) A vulneración expresa dos requirimentos municipais para a corrección das deficiencias observadas.

d) A negativa ou obstrucción ao labor inspector. Considérase, en todo caso, como resistencia á actuación inspectora impedirlles os funcionarios competentes a entrada aos recintos e locais onde deban realizarse as inspeccións, sempre e cando a Administración actuante observase os requisitos formais establecidos nesta ordenanza.

e) A reincidencia en faltas leves no prazo de doce meses.

f) A iniciación de actividades ou apertura de establecementos e instalacións susceptibles de producir ruídos ou vibracións sen obter autorización ou licencia previas.

g) A transgresión ou incumprimento das condicións correctoras sinaladas polo órgano competente. Neste ultimo suposto, os suxeitos responsables poderán evitar a imposición de sanción se proceden voluntariamente á paralización ou non iniciación da actividade.

Artigo 68.º .-Faltas moi graves.

Constitúen faltas moi graves:

a) A superación en máis de 15 dBA dos valores límite admitidos.

b) A transmisión de niveis de vibración correspondente a máis de dúas curvas base inmediatamente superiores á máxima admitida para cada situación.

c) A reincidencia de faltas graves no prazo de 12 meses.

d) O incumprimento das ordes de clausura dos establecementos ou de paralización da actividade acordadas pola autoridade competente.

Artigo 69.º .-Sancións.

As infraccións aos preceptos desta ordenanza sancionaranse de acordo co establecido na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica.

a) Infraccións leves, con multa desde 60,10 ata 1.502,53 euros.

b) Infraccións graves, con multa dende 1.502,54 ata 9.015,18 euros, clausura temporal do establecemento ou paralización da actividade por un espacio de tempo non superior a seis meses.

c) Infraccións moi graves, con multa dende 9.015,19 ata 60.101,21 euros, clausura do establecemento ou paralización da actividade por espacio superior a seis meses ou con carácter definitivo.

Artigo 70.º .-Atenuantes.

Sempre que a infracción se cometa por primeira vez e a corrección da emisión de ruído que orixinou a sanción se figa nun prazo de 48 horas, reducíndoa ao nivel autorizado, a sanción imporase no seu grado mínimo. En todo caso, o prazo computarase a partir da comprobación da comisión da infracción.

Artigo 71.º .-Clausura.

A sanción de clausura temporal ou definitiva poderá impoñerse naquelas infraccións nas que se aprecie reiterada resistencia ao cumprimento do ordenado pola Alcaldía ou manifesta actitude do titular da instalación no sentido de dificultar, falsear ou desvirtuar o resultado da inspección.

Artigo 72.º .-Medidas complementarias.

Na resolución que poña fin ao procedemento sancionador poderá acordarse, á parte da imposición da sanción correspondente, a adopción de medidas correctoras, así como a indemnización dos danos e perdas ocasionados como consecuencia da actividade infractora. Para a execución dos ditos actos, se o infractor non os cumprise voluntariamente no prazo que se lle sinale, poderán impoñérselle multas coercitivas sucesivas de ata 3005,06 euros cada unha. Igualmente poderá ordenarse a execución subsidiaria nos termos previstos no artigo 98 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 73.º .-Prescrición.

As infraccións a que se refire esta ordenanza prescribirán nos seguintes prazos, contados desde o feito:

a) Seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Dous anos, no caso de infraccións graves.

c) Catro anos, no caso de infraccións moi graves.

Artigo 74.º .-Medidas cautelares.

Coa independencia das demais medidas que se adopten para garantir a eficacia da resolución que no seu momento se dicte, con carácter cautelar o Concello poderá acordar a inmediata adopción de medidas correctoras imprescindibles para evitar os danos ou molestias graves que se estean ocasionando como consecuencia das actividades presuntamente infractoras. Igualmente, e co mesmo carácter cautelar, poderá acordarse a paralización da actividade ou a clausura das instalacións ou dos establecementos cando a producción de ruídos ou vibracións supere os niveis establecidos para a súa tipificación como falta moi grave, ou ben cando, acordada a adopción de medidas correctoras, o requirimento municipal resultase incumprido no prazo que para este efecto se sinale. Tamén poderá acordarse o precintado de equipos, así como calquera outra medida que se considere imprescindible para evitar a persistencia na actuación infractora. Estas medidas adoptaranse despois da audiencia ao interesado, por un prazo de cinco días, excepto naqueles casos que esixan unha actuación inmediata.

Artigo 75.º .-Acción municipal.

A acción municipal en materia de contaminación acústica concretarase nun programa xeral de actuacións baseado nos seguintes principios e criterios:

1. Prevención, corrección e mellora.

2. Información.

3. Concienciación.

Como punto de partida haberá que coñecer o grao de concienciación dos cidadáns ante o problema para, posteriormente, introducir hábitos de conducta compatibles cun maior benestar.

O Concello establecerá un programa de auditoría interna bianual como método de seguimento do programa de actuación dos que os seus resultados evidenciarán a necesidade de revisión dos obxectivos marcados por el.

Disposicións adicionais.

Primeira. Outras competencias.

O réxime que establece esta ordenanza enténdese ser prexuízo das intervencións que corresponden a outros organismos na esfera das súas respectivas competencias.

Segunda. Modificacións.

As modificacións que sexa necesario introducir na ordenanza axustaranse aos mesmos trámites seguidos para a súa formulación e aprobación. As adaptacións dos seus preceptos a futuras normas nacionais ou internacionais sobre a materia levaranse a cabo directamente mediante decreto.

Terceira. Outras actividades.

Os outros tipos de actividades molestas non previstas especificamente nesta ordenanza (talleres, garderías baixo vivendas, panaderías e pastelerías -con fabricación-, carnicerías, locutorios informáticos, ximnasios e outras de natureza semellante) esixiráselles unha insonorización mínima de 60 dBA.

En supermercados e actividades análogas, nas que se empreguen carros ou similares para o manexo e transporte de mercadorías, adoptaranse medidas correctoras nos solos para evitar transmisión de ruídos e vibracións a vivendas e locais lindantes.

Cuarta. Medicións.

Cando, efectuada unha medición polos servicios municipais, se produza contradicción entre o nivel rexistrado no sonógrafo e as medidas obtidas, logo de repetir as medicións, prevalecerán estas últimas.

Quinta. Edificios catalogados.

Os edificios catalogados polo Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica ou polo Plan especial de protección do patrimonio construído de interese cultural poderán eximirse do cumprimento dalgunha das condicións fixadas por esta ordenanza. Sen embargo, só poderán aceptarse excepcións xustificadas polo cumprimento da normativa do Plan especial. En todo caso, todos os locais deberán cumprir cos límites de ruído establecidos.

Excepcionalmente, no caso de apertura de novas actividades en locais situados en edificios catalogados, poderanse autorizar superficies mínimas inferiores, ata nun 20% como máximo, do establecido no artigo 44.3.

Disposicións transitorias.

Primeira.

Os titulares das actividades, instalacións ou prestación de servicios autorizados con anterioridade á aprobación desta ordenanza e que non se axusten aos contidos desta disposición dispoñen do período dun ano, a partir da publicación desta norma, para adaptarse as medidas previstas nela, excepto ao disposto no artigo 53.

Nun prazo máximo de seis meses a partir da data de entrada en vigor desta ordenanza, todos os locais autorizados deberán instalar o sonógrafo e a placa identificadora.

Segunda.

Esta ordenanza será de aplicación para a resolución de todos os expedientes sancionadores que comecen a instruírse por infraccións previstas nela desde a data da súa entrada en vigor.

Disposicións finais.

Primeira.

Esta ordenanza xeral poderá ser desenvolvida por ordenanzas particulares referidas a determinados aspectos técnicos ou zonas determinadas do municipio, establecendo, se así procede, limitacións a concesión de novas licencias de apertura para o exercicio de actividades de nova implantación referidas aos grupos II, III, IV e V naquelas zonas ou áreas que sexan determinen como saturadas ou que deben ser obxecto dunha especial protección, así como ao tamaño mínimo dos locais.

Segunda.

Esta ordenanza entrará en vigor aos trinta días naturais da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, quedando derrogadas cantas disposicións municipais se opoñan ou contradigan os seus preceptos.

ANEXO

Descrición dos métodos operativos utilizados nas diversas medicións acústicas e gráficas.

Apartado I. Nivel de emisión (NEI e NEE).

1. A medición do nivel de emisión (NEI e NEE) a que se refire o artigo 8.1 desta ordenanza realizarase tendo en conta as prescricións detalladas nos puntos que se desenvolven neste apartado.

2. Características ambientais

En caso de que a medición sexa en exteriores, desistirase da medición cando as características climáticas (temperatura e humidade) queden fóra do rango das condicións de medida do equipo utilizado. Cando a velocidade do vento sexa superior a 3 m/s desistirase da medición. Con velocidades inferiores poderase efectuar sempre que se utilice o equipo de medida coa súa correspondente pantalla contra o vento.

3. Posta en estación do equipo de medida

En xeral, e sempre que as características do recinto o permitan, o sonómetro colocarase a 1,20 m. do chan e a 2 metros de distancia da fonte sonora. Se a fonte é direccional, o micrófono orientarase cara a ela, sendo suficiente unha estación para a valoración acústica da fonte sonora. Se a fonte é omnidireccional, fixaranse tres estacións ao seu arredor, formando ángulos de 120 graos. En todo caso realizarase un deseño acoutado coa situación do sonómetro.

4. Característica introducida

A característica de medición introducida no sonómetro dependerá do tipo de ruído a medir, aténdose ao disposto a seguir:

Ruído continuo-uniforme: lento (slow). Ruído continuo-variable: lento (slow). Ruído continuo-fluctuante: lento (slow). Ruído transitorio-periódico: lento (slow). Ruído transitorio-aleatorio: estatístico.

5. Número de rexistros

O número de rexistros dependerá do tipo de ruído, aténdose ao establecido nos puntos que se desenvolven nos seguintes parágrafos:

5.1 Ruído continuo-uniforme. Efectuaranse tres rexistros en cada estación de medida seleccionada cunha duración de medida de 15 segundos cada un e cun intervalo de 1 minuto entre cada rexistro. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A . O nivel de emisión (NEI e NEE) da fonte sonora virá dado polo valor Leq en dBA, facendo a media aritmética dos tres rexistros realizados.

5.2 Ruído continuo-variable. De forma semellante a descrita no punto anterior, pero cunha duración de medida de 30 segundos.

5.3 Ruído continuo-fluctuante. Efectuarase un rexistro na estación de medida seleccionada cunha duración de medida de trinta minutos. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A. O nivel de emisión (NEI e NEE) da fonte sonora virá dado polo valor Leq en dBA.

5.4 Ruído transitorio-periódico. O nivel acústico LpA realizarase con sonómetro de ponderación A. Durante o tempo no que se produce o ruído realizaranse tomas de datos cuns tempos de medida que sexan de polo menos o 50% do tempo de funcionamento.

5.5 Ruído transitorio-aleatorio. O tempo de medida abranguerá un período que polo menos teña en conta dúas situacións aleatorias do ruído. O nivel percentil utilizado será L10.

6. Para a medición deste tipo de ruídos poderanse usar os equipos do propio local ou o xerador de ruído rosa.

Apartado II. Nivel de recepción interna (NRII e NRIE).

1. A medida do nivel de recepción interna (NRII e NRIE) a que se refire o artigo 8.2.1 desta ordenanza realizarase tendo en conta as prescricións detalladas nos puntos que se desenvolven neste apartado.

2. A medición realizarase coa(s) ventá(s) e porta(s) pechadas, de xeito que se reduza ao mínimo a influencia do ruído exterior de fondo. Reducirase tamén o mínimo imprescindible o número de persoas asistentes á medición e, se as características do equipo o permiten, desaloxarase totalmente o recinto.

3. Posta en estación do equipo de medida. Seleccionarase unha estación de medida que cumpra cos requisitos seguintes:

Situarase o micrófono do equipo de medida a máis de 1 metro da parede do recinto e a 1,20 m do chan.

A selección realizarase de xeito que a estación de medida afecte a aquela parede que se considere fundamental no que a transmisión de ruído se refire. En caso de non existir unha parede fundamental, seleccionarase preferentemente a parede oposta a aquela por onde se manifesta o ruído de fondo (xeralmente a fachada).

Sobre o lugar preseleccionado moverase experimentalmente o sonómetro paralelamente á parede transmisora tratando de localizar o punto de maior presión acústica. Este movemento realizarase ao longo de 0,50 metros en cada sentido.

No lugar onde se aprecie maior intensidade acústica fixarase a estación de medida definitiva.

A situación do equipo de medida reflectirase e acoutarase nun deseño realizado para o efecto.

O micrófono orientarase de forma sensiblemente octogonal cara á parede (ángulo horizontal) e lixeiramente inclinado cara arriba (ángulo vertical).

4. Característica introducida. A característica de medición introducida no sonómetro dependerá do tipo de ruído a medir, aténdose ao disposto a seguir:

Ruído continuo-uniforme: lento (slow). Ruído continuo-variable: lento (slow). Ruído continuo-fluctuante: lento (slow). Ruído transitorio-periódico: lento (slow). Ruído transitorio-aleatorio: estatístico.

5. Número de rexistros. O número de rexistros dependerá do tipo de ruído, aténdose ao establecido nos puntos que se desenvolven nos seguintes parágrafos:

5.1 Ruído continuo-uniforme. Efectuaranse tres rexistros en cada estación de medida seleccionada cunha duración de medida de 15 segundos cada un e cun intervalo de 1 minuto entre cada rexistro. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A. O nivel de recepción interna (NRII) e (NRIE) virá dado polo valor Leq en dBA, facendo a media aritmética dos tres rexistros realizados.

5.2 Ruído continuo-variable. De forma semellante á descrita no punto anterior, pero cunha duración de medida de 30 segundos.

5.3 Ruído continuo-fluctuante. Efectuarase un rexistro na estación de medida seleccionada cunha duración de medida de trinta minutos. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A. O nivel de recepción interna (NRII e NRIE) virá dado polo valor Leq en dBA.

5.4 Ruído transitorio-periódico. O nivel acústico LpA realizarase con sonómetro de ponderación A. Durante o tempo no que se produce o ruído realizaranse tomas de datos cuns tempos de medida que sexan de polo menos o 50% do tempo de funcionamento.

5.5 Ruído transitorio-aleatorio. O tempo de medida abranguerá un período que polo menos teña en conta dúas situacións aleatorias do ruído. O nivel percentil utilizado será L10.

Apartado III. Nivel de recepción externa (NRE).

1. A medida do nivel de recepción externa (NRE) a que se refire o artigo 8.2.2. desta ordenanza realizarase tendo en conta as prescricións detalladas nos puntos que se desenvolven neste apartado.

2. Características ambientais. A medición realizarase nas condicións normais de funcionamento da actividade. Desistirase da medición cando as características climáticas (temperatura e humidade) queden fóra do rango das condicións de medida do equipo utilizado. Cando a velocidade do vento sexa superior a 3 m/s desistirase da medición. Con velocidades inferiores poderase efectuar a medición sempre que se utilice o equipo de medida coa súa correspondente pantalla contra o vento.

Cando a fonte de ruído considerada se encontre afastada da estación de medida, o nivel de recepción externa dependerá significativamente das condicións climáticas, polo que no informe de medición reflectiranse as condicións existentes durante a mesma. Se e posible obterase un valor típico e unha indicación sobre a marxe de variación.

3. Posta en estación do equipo de medida. O equipo instalarase a 1,20 m do chan e a 3,50 m, como mínimo das paredes, edificios ou calquera outra superficie reflíctante, e co micrófono orientado contra a fonte sonora. Cando a actividade sexa de ocio nocturno a distancia a fachada será a indicada no artigo 54º .

4. Característica introducida. A característica de medición introducida no sonómetro dependerá do tipo de ruído a medir, aténdose ao disposto a seguir:

Ruído continuo-uniforme: lento (slow). Ruído continuo-variable: lento (slow). Ruído continuo-fluctuante: lento (slow). Ruído transitorio-periódico: lento (slow). Ruído transitorio-aleatorio: estatístico.

5. Número de rexistros. O número de rexistros dependerá do tipo de ruído, aténdose ao establecido nos puntos que se desenvolven nos seguintes parágrafos:

5.1 Ruído continuo-uniforme. Efectuaranse tres rexistros en cada estación de medida seleccionada cunha duración de medida de 15 segundos cada un e cun intervalo de 1 minuto entre cada rexistro. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A . O nivel de recepción externa (NRE) virá dado polo valor Leq en dBA, facendo a media aritmética dos tres rexistros realizados.

5.2 Ruído continuo-variable. De forma semellante á descrita no punto anterior, pero cunha duración de medida de 30 segundos.

5.3 Ruído continuo-fluctuante. Efectuarase un rexistro na estación de medida seleccionada cunha duración de medida de trinta minutos. Para a valoración da medida utilizarase o nivel sonoro continuo equivalente expresado en decibelios ponderados coa rede de ponderación A. O nivel de recepción externa (NRE) virá dado polo valor Leq en dBA.

5.4 Ruído transitorio-periódico. O nivel acústico LpA realizarase con sonómetro de ponderación A. Durante o tempo no que se produce o ruído realizaranse tomas de datos cuns tempos de medida que sexan de polo menos o 50% do tempo de funcionamento.

5.5 Ruído transitorio-aleatorio. O tempo de medida abranguerá un período que polo menos teña en conta dúas situacións aleatorias do ruído. O nivel percentil utilizado será L10.

Apartado IV. Corrección por ruído de fondo.

1. Se durante a medición de calquera dos niveis de ruído a que se refiren os cinco apartado anteriores deste anexo se observa a existencia de ruído alleo á fonte sonora obxecto da medición e se considera que o dito ruído pode afectar ao seu resultado, efectuarase unha corrección por ruído de fondo, tal como se indica nos puntos que se desenvolven seguidamente.

2. Localizarase a orixe do ruído alleo á fonte sonora obxecto de medición e anularase mentres dure esta.

3. Se non é posible a dita anulación realizarase de acordo coas instruccións dadas a seguir, unha corrección do nivel total medido N1.

3.1 Medirase o nivel acústico do conxunto formado pola fonte sonora máis o ruído de fondo. Este valor designarase N1.

3.2 Pararase a fonte sonora e medirase (nas mesmas condicións) o nivel producido polo ruído de fondo. O seu valor designarase N2.

3.3 Establecerase a diferencia (m) entre os dous niveis medidos: m = N1 – N2

3.4 En función do valor (m) obterase a corrección (C) que deberá aplicarse ao nivel N1. O valor da dita corrección figura no cadro seguinte:

Corrección por ruído de fondo
Valor da diferencia de nivel (m)
0/3,5 3,5/4,5 4,5/6 6/8 8/10 Máis de 10
2,5 1,5 1 0,5 0

3.5 En caso de que o valor (m) estea entre 0 e 3,5 rexeitarase a medición, realizándose unha nova noutro momento en que o ruído de fondo sexa menor.

3.6 Nos casos que o valor (m) sexa superior a 3,5, determinarase o valor da corrección correspondente (C) e restarase do valor (N1), obtendo así o valor final representativo do nivel sonoro da fonte obxecto da medición (N), é dicir:

N = N1-C.

4. Para a determinación deste ruído, realizarase unha toma de datos de, polo menos, 5 minutos e tomarase como valor da medida o percentil L90.

5. En todos os casos, se o valor do nivel de fondo superase o límite máximo aplicable autorizado, o nivel de fondo obtido converterase no novo límite autorizable circunstancialmente.

Apartado V. Medida de illamento a ruído aéreo.

1. O illamento a ruído aéreo R en dBA de paredes interiores, teitos e portas entre locais é a expresión en dBA do illamento acústico aparente entre dúas salas, medido segundo as condicións sinaladas na Norma UNE-EN-ISO-140-4, calcúlase a partir da diferencia de niveis de presión sonora entre o recinto fonte e o receptor, máis un factor que teña en conta a absorción da sala receptora. R = L1 – L2 + 10 lg S/A dB.

2. A área de absorción equivalente da sala receptora medirase a partir do tempo de reverberación, medido segundo a Norma UNE-EN-ISO-140-4 e valorarase utilizando a fórmula A = 0,163 V/T.

3. O illamento a ruído aéreo de fachadas poderá determinarse utilizando o ruído do tráfico ou o ruído do altofalante e farase segundo a Norma UNE-EN-ISO-140-5.

Apartado VI. Corrección por tipo de local.

Para a realización da valoración do ruído e polo tanto a súa comparación cos niveis indicados no artigo 13.º , partirase dos niveis medidos polos procedementos fixados, aos que haberá que sumar os reflectidos na seguinte táboa e os debidos ás características impulsivas ou tonais:

Todas as valoracións serán incrementadas en función das características do ruído.

Ruído impulsivo (marteladas): +3 dBA.

Tons puros (asubío): +3 dBA.

Zona A A B B C C D D
Recinto D N D N D N D N
I
II
III -5 dBA -3 dBA -5 dBA -3 dBA -8 dBA -5 dBA -10 dBA -3 dBA
IV -7 dBA -5 dBA -7 dBA -5 dBA -10 dBA -7 dBA -10 dBA -5 dBA
V -7 dBA -5 dBA -7 dBA -5 dBA -10 dBA -7 dBA -10 dBA -5 dBA

Apartado VII. Corrección de tons audibles.

1. Se durante a medición de calquera dos niveis de ruído a que refiren os apartados I a III deste anexo se observa a existencia de tons audibles aplicarase a penalización correspondente en función da pureza dos ditos tons.

2. A determinación da existencia de tons audibles realizarase baseándose no procedemento que se desenvolve nos puntos seguintes:

2.1 Medición do espectro do ruído en bandas de tercio de oitava entre as frecuencias comprendidas entre 20 e 8.000 Hz.

2.2 Determinación daquela(s) banda(s) en que a presión acústica sexa superior á presión existente nas súas bandas laterais.

2.3 Determinación das diferencias existentes entre a presión acústica da banda considerada e das bandas laterais, calculando posteriormente a media aritmética das ditas diferencias (Dm).

Considerarase aquela banda en que o valor da penalización correspondente sexa máxima.

3. Determinación da penalización aplicable. A penalización aplicable pola existencia de tons audibles será a que se reflicte no cadro seguinte:

Correccións de tons audibles.

Zona considerada de espectro Dm igual ou maior a 5 dB Dm igual ou maior a 8 dB Dm igual ou maior a 15 dB
20 A 125 Hz. 1 dBA 3 dBA 5 dBA
160 a 400 Hz 3 dBA 5 dBA 5 dBA
500 a 8000 Hz. 5 dBA 5 dBA 5 dBA

13379-1-50px50pMEDIDAS CORRECTORAS

De acuerdo con el artículo 7.1 de la Ley 5/2002, del 4 de abril, Reguladora de los Boletines Oficiales de las Provincias, los originales serán transcritos en la misma forma en que se hallen redactados y autorizados por el órgano remitente, sin que por ninguna causa puedan variarse o modificarse sus textos una vez éstos hayan tenido entrada en el Boletín Oficial, salvo que el órgano remitente lo autorice de forma fehaciente.

……………….

Enlace corto para difundir esta entrada: http://wp.me/Pmylv-9s

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s