LEGISLACIÓN LOCAL 2012: Ordenanza Reguladora de Publicidad y Rotulación (BOP nº 93 de 18 de mayo de 2012)

Aprobación definitiva da Ordenanza reguladora da publicidade e rotulación (BOP nº 93 de 18 de mayo de 2012)

O Pleno da Corporación de Santiago de Compostela, na sesión ordinaria que tivo lugar o 26 de abril de 2012, acordou a aprobación definitiva da ordenanza que a continuación se transcribe:

ORDENANZA REGULADORA DA PUBLICIDADE E ROTULACIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O obxecto desta ordenanza é a regulación do lexítimo exercicio da actividade publicitaria visible desde os espazos públicos de xeito que esta se desenvolva dentro do respecto e mellora do valores da paisaxe urbana, do medio ambiente, do patrimonio histórico-artístico e natural, en suma, da imaxe da cidade de Santiago.

A propia evolución da cidade, da concepción social da actividade publicitaria e dos costumes da cidadanía esixe á administración municipal unha actitude receptiva coas tendencias actuais e a adopción de medidas protectoras para unhas zonas e vangardistas e innovadoras noutras. En definitiva, a nova ordenanza reguladora da publicidade exterior, ademais de establecer o réxime aplicable á actividade publicitaria privada visible desde a vía pública, constitúese como unha ferramenta que contribúe ao desenvolvemento da paisaxe urbana como manifestación formal dunha realidade social, cultural e histórica.

O artigo 126 do vixente Plan xeral de ordenación municipal regula as condicións xerais de estética e integración ambiental, establecendo que son de aplicación a todas as actuacións suxeitas a licenza municipal. O Concello poderá requirir á propiedade dos bens urbanos obxecto da licenza que execute as accións necesarias para axustarse a estas condicións. Así mesmo, o citado artigo 126 establece que a defensa da imaxe urbana e o fomento da súa valoración e mellora corresponde ao Concello, polo que calquera actuación que puidera afectar á percepción da paisaxe urbana e territorial deberá axustarse ao criterio que manteña ao respecto. Por iso, o Concello poderá denegar ou condicionar as actuacións que resulten antiestéticas, inconvenientes ou lesivas para a imaxe da cidade, dos núcleos ou do seu territorio.

Esta nova ordenanza ocúpase non só de regular as instalacións publicitarias visibles desde a vía pública senón de establecer ademais, como obxectivo prioritario, a compatibilización desta actividade coa protección e mellora dos valores da paisaxe urbana e da imaxe do casco histórico protexendo, conservando e fomentando os valores artísticos, históricos, arqueolóxicos e culturais do patrimonio arquitectónico da cidade e dos seus elementos naturais ou urbanos de interese. A ordenanza establece limitacións para evitar a proliferación indiscriminada de instalacións publicitarias, controlando o seu número e unificando criterios mediante normalización e clasificación tipolóxica. En definitiva, esta ordenanza pretende regular a actividade publicitaria visible desde a vía pública, de forma coherente e actualizada, coa necesaria seguridade xurídica e preservando a imaxe do casco histórico da cidade de Santiago.

A ordenanza estrutúrase en cinco títulos, con sesenta e nove artigos, unha disposición derogatoria e unha disposición final. O título preliminar dedícase a disposicións xerais e nel regúlase o ámbito de aplicación da ordenanza e os titulares das licenzas; o título primeiro refírese ás modalidades de instalacións publicitarias e as súas localizacións; o título segundo regula as características dos elementos publicitarios; o título terceiro refírese ao réxime das licenzas e, finalmente, o título cuarto regula o réxime disciplinario.

TÍTULO PRELIMINAR

DISPOSICIÓNS XERAIS

CAPÍTULO 1. ÁMBITO DE APLICACIÓN, DEFINICIÓNS E PROHIBICIÓNS

Artigo 1. Ámbito de aplicación.

1. Esta ordenanza ten por obxecto regular as condicións a que terán que someterse as instalacións e actividades de publicidade exterior no termo municipal de Santiago de Compostela co fin primordial de compatibilizar estas coa protección, o mantemento e a mellora dos valores da paisaxe urbana.

2. Queda sometida ás normas desta ordenanza toda rotulación ou actividade publicitaria que utilice como vehículo transmisor da mensaxe medios materiais de diversa índole susceptibles de atraer a atención de cantas persoas se encontren en espazos abertos, transiten pola vía pública, permanezan ou discorran en lugares ou ámbitos de utilización común.

3. Non están suxeitas a esta ordenanza as actividades que carezan de natureza publicitaria consonte o disposto no artigo 2 da Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, cando as efectúen na vía pública entidades sen ánimo de lucro, partidos políticos e outras entidades veciñais e asociativas para informar, difundir e promocionar os seus actos propios, de carácter social, político, cultural, de participación cidadá, de fomento de valores cívicos e condutas humanitarias, de concienciación e sensibilización social e similares. Queda igualmente fóra do ámbito da ordenanza o reparto de prensa gratuíta.

As actividades realizadas durante as campañas electorais axustaranse ás disposicións previstas en materia electoral.

A sinalización de edificios e dotacións na vía pública, realizada por empresas concesionarias en cumprimento das súas obrigas, non é obxecto de regulación nesta ordenanza.

Quedan fóra do ámbito de aplicación desta ordenanza as instalacións de carácter efémero como consecuencia de festas, actuacións ou eventos deportivos.

Artigo 2. Instalación publicitaria.

Considérase “instalación publicitaria”, para os efectos desta ordenanza, á portadora das mensaxes ou comunicacións e que está constituída polo conxunto de todos os elementos de sustentación, de soporte da mensaxe, da propia mensaxe, decorativos, de iluminación e calquera outro que forme parte dela.

Artigo 3. Espazo da instalación.

Considérase “espazo da instalación”, para os efectos desta ordenanza, o solo, edificio, caixón de obra, estada, cerramento, toldo ou calquera outro elemento permanente ou non no tempo, con destino ou función propia que ademais serve de base á instalación publicitaria e que debe contar coa pertinente autorización administrativa.

Artigo 4. Andar baixo.

Considérase “andar baixo”, para os efectos desta ordenanza, a parte de superficie da fachada que teña esta denominación, de acordo coas normas urbanísticas existentes.

As fachadas dos andares subterráneos que a causa do desnivel das vías públicas ou do terreo poidan quedar ao descuberto ou as fachadas semisubterráneas construídas someteranse nesta materia ás mesmas disposicións que as do andar baixo.

Artigo 5. Medios de expresión publicitaria non autorizados.

1. Prohíbese expresamente:

a) A fixación de publicidade ou propaganda mediante carteis, adhesivos, etiquetas e outros procedementos similares e a realización de inscricións e debuxos con motivos publicitarios sobre paramentos de edificios e instalacións, pavimentos, muros, monumentos, obras públicas, elementos de mobiliario urbano, alumeado, rexistros de instalacións ou calquera outro servizo público.

b) A colocación de carteis indicativos ou de sinalización direccional con mención de marcas, distintivos, logotipos, nomes comerciais ou de establecementos, produtos, promocións, etc., na vía pública e a utilización dos sinais de circulación, dos báculos e columnas de alumeado público e dos rótulos viarios con esta finalidade.

c) A publicidade situada en máquinas expendedoras que non poidan quedar ocultas ao pechar o local.

d) A publicidade en antucas, parasoles ou mobiliario de terrazas salvo o nome do establecemento.

2. Prohíbese a publicidade en calquera tipo de vehículo ou remolque, en circulación ou estacionado, agás a que se realice nos vehículos destinados ao transporte público de viaxeiros. Naqueles vehículos que pertenzan a actividades económicas poderá figurar un elemento de identificación, nome e/ou logotipo da razón social da empresa ou do seu titular ou da marca comercial do produto, sen mención de promocións de produtos e servizos. A instalación de publicidade en vehículos auto-taxis será regulada pola súa normativa municipal específica.

3. A utilización de medios publicitarios sonoros está expresamente prohibida dentro do ámbito xeral desta ordenanza, aténdose o seu réxime disciplinario e sancionador á normativa específica de protección do medio ambiente urbano fronte á contaminación acústica.

4. Poderase dispoñer a retirada inmediata de forma cautelar da publicidade que vulnere os principios establecidos no artigo 3 da Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, con independencia dos procedementos sancionadores e restantes actuacións que tramiten os órganos competentes en materia de publicidade.

CAPÍTULO 2. TITULARIDADE

Artigo 6. Titulares.

Serán titulares da licenza:

a) As persoas físicas ou xurídicas que realicen directamente as actividades comerciais, industriais ou de servizo a que se refiran os elementos publicitarios.

b) Aquelas persoas físicas ou xurídicas que de forma habitual e profesional se dediquen á actividade publicitaria.

c) Aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan propietarios ou posuidores do espazo ou elemento en que se encontran situadas as instalacións publicitarias.

Artigo 7. Responsabilidades.

A titularidade da licenza comporta:

a) A imputación das responsabilidades de toda orde que se deriven das instalacións publicitarias correspondentes.

b) A obriga do pagamento dos impostos, prezos públicos e calquera outra carga fiscal que graven as instalacións publicitarias.

c) O deber de conservar e manter as instalacións publicitarias en perfectas condicións de ornato e seguridade.

d) Na execución e montaxe das instalacións adoptaranse cantas medidas de precaución fosen necesarias co obxecto de evitar riscos, de acordo co establecido nas normas de hixiene e seguridade no traballo que sexan de aplicación.

TÍTULO PRIMEIRO

MODALIDADES DAS INSTALACIÓNS PUBLICITARIAS E AS SÚAS LOCALIZACIÓNS

CAPÍTULO 1. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 8. Normas xerais e condicións de iluminación.

1. As instalacións publicitarias e as súas localizacións deberán cumprir, en función da súa modalidade, as determinacións que a seguir se regulan.

Non se autorizarán en ningún caso actuacións que produzan distorsións prexudiciais para o edificio soporte, a paisaxe urbana ou natural, agás as provisionais que utilicen lonas ou calquera outro elemento que deban ser colocadas con motivo das operacións de restauración de fachadas, as cales se axustarán ás condicións establecidas nesta ordenanza. En calquera licenza suxeita a esta ordenanza poderase impoñer o uso de materiais, técnicas ou deseños específicos se se considera necesario para lograr a debida integración no ambiente urbano.

Igualmente, denegaranse as solicitudes de licenza cando coa instalación proposta se prexudique ou comprometa o paso, a visibilidade do tráfico rodado ou dos viandantes.

2. Condicións de iluminación:

2.1. Establécense os seguintes horarios de funcionamiento:

Os elementos de identificación e sinalización de actividades que conten con iluminación poderán encenderse dende as 7 da mañá ata a saída do sol e dende o ocaso ata as 12 horas da noite ou mentras que o establecemento permaneza aberto ao público en función da súa actividade e de conformidade cos horarios legalmente establecidos, agás as cruces das oficinas de farmacia, que poderán permanecer encendidas as 24 horas do día. Non obstante, o Alcalde poderá establecer un horario diferente para zonas ou emprazamentos concretos.

Os soportes publicitarios instalados en edificios, obras en soares e terreos sen uso, que conten con iluminación, agás os soportes ríxidos con iluminación dixital -sistema de diodos emisores de luz ou outros semellantes-, poderán manterse encendidos nos seguintes horarios:

a) No período comprendido dende o 1 de novembro ata o 31 de marzo –período invernal–, dende as 7 horas da mañá ata a saída do sol e dende o ocaso ata as 23 horas da noite.

b) No período comprendido dende o 1 de abril ata o 31 de outubro -período estival-, dende as 6 da mañá ata a saída do sol orto e dende o ocaso ata as 24 horas da noite. No suposto de que se produxesen molestias derivadas da iluminación o horario de funcionamento quedará reducido ao establecido para o período invernal.

2.2. Fíxanse as seguintes condicións da iluminación para os soportes con iluminación:

a) A instalación eléctrica cumprirá as determinacións establecidas polo Reglamento electrotécnico para baixa tensión, aprobado polo Real decreto 842/2002, de 2 de agosto.

b) Non se permitirá a iluminación de soportes publicitarios utilizando enerxía producida por calquer grupo autónomo de combustión interna. Empregaranse, sempre que a instalación o permita, dispositivos de aforro enerxético e fontes de enerxía renovables.

c) A iluminación proxectada, sobre calquer tipo de soporte, deberá ter sempre unha orientación descendente cunha sola liña de proxectores na parte superior. A proxección de luz no poderá sobrepasar os límites da superficie publicitaria e terá un efecto de desvanecimento, sen que poida proxectarse directamente sobre a superficie a iluminar.

d) Enténdese por luz oblicua calquer proxección inclinada de luz que poida incidir nos ocos das fiestras. Enténdese por luz recta aquela cuio ángulo de incidencia sobre o plano de fachada enfrentado é maior o igual a 75º.

e) Utilizaranse preferentemente luminarias non contaminantes e lámparas eficientes de baixo consumo.

2.3. A luminancia máxima dos soportes publicitarios e dos elementos de identificación de actividades, limitaranse en función do tamaño da superficie luminosa dacordo cos valores fixados na seguinte táboa:

Luminancia máxima en superficies luminosas
Superficie luminosa en m2 Luminancia en cd/m2
Menor de 0,5 m2 1.000 cd/m2
0,5 < S < 2 m2 800 cd/m2
2 < S< 10 m2 600 cd/m2
Maior de 10 m2 400 cd/m2

2.4. Aos soportes con tecnoloxía de iluminación dixital -sistema de diodos emisores de luz ou outros semellantes- aplicaráselles o seguinte réxime:

a) Poderán manter a conexión a súa fonte de enerxía durante as horas diurnas –dende a saída do sol ata o ocaso–, debendo cumprir co horario de encendido inicial e apagado final establecido no apartado 2.1, sen superar os valores de luminancia máxima durante as horas nocturnas.

b) A orientación da luz sempre será descendente para evitar a contaminación lumínica. Na licencia fixaranse as condicións técnicas e as do horario de cada instalación.

c) No suposto de que os mensaxes publicitarios transmitidos mediante imaxes poidan afectar ao tráfico rodado será preceptivo o informe favorable do servicio municipal competente en materia de mobilidade.

Artigo 9. Publicidade en áreas ou inmobles protexidos.

Toda actuación que afecte a elementos catalogados ou áreas declaradas de interese histórico ou artístico deberá poñer especial énfase para a súa integración no ambiente urbano, a súa correcta harmonización coa contorna e a ausencia de interferencias na contemplación do ben protexido, tendo en conta o exposto no artigo 19 da Lei de patrimonio histórico español. Porase especial atención no respecto aos valores paisaxísticos, así como no mantemento das liñas compositivas dos edificios sen que poidan chegar a ocultarse os seus elementos decorativos e ornamentais.

De maneira xeral, prohíbese a publicidade nos monumentos declarados de interese cultural e nas súas contornas de protección, nas que só se permitirá a rotulación considerada non publicitaria.

CAPÍTULO 2. CATEGORÍAS E MODALIDADES DOS ELEMENTOS PUBLICITARIOS

Artigo 10. Categorías.

Establécense as seguintes categorías:

a) Instalacións provisionais: son aquelas que se refiren a acontecementos que suceden nun espazo delimitado de tempo. Así mesmo, os rótulos que se colocan en obras en curso de execución co fin de mostrar a obra, os seus executores, importe e, se é o caso, características principais. Tamén se incluirán neste apartado os carteis anunciadores de acontecementos importantes que se leven a cabo na cidade.

b) Instalacións estables: son aquelas que teñen carácter de permanencia, en sentido de manterse sen perigo de cambiar, caer ou desaparecer.

b.1) Instalacións publicitarias: correspóndense cos carteis ou rótulos anunciadores de actividades con finalidade publicitaria. Neste nivel existen múltiples tipos e correspóndense cos que se sitúan nos distintos elementos de mobiliario urbano, distinguindo entre:

– Os de carácter público.

– Os de carácter privado.

b.2) Instalacións non publicitarias: correspondentes aos rótulos que sirvan para indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas ou o exercicio da actividade mercantil, industrial ou profesional, e que non teñan finalidade estritamente publicitaria.

c) Rótulos móbiles: por último convén reseñar as instalacións publicitarias que aparecen en soportes movibles durante o horario comercial e que se colocan habitualmente en espazos públicos, prazas e beirarrúas, retirándose nas horas de descanso, en actividades relacionadas co turismo, e que poden supoñer unha agresión no ámbito do Plan especial da cidade histórica ou en inmobles catalogados.

CAPÍTULO 3. LOCALIZACIÓN

Artigo 11. Localizacións.

As diferentes modalidades de instalacións publicitarias referidas con anterioridade estarán permitidas en función do lugar onde se coloquen de acordo co seguinte criterio:

– Provisionais: en todo o ámbito de aplicación da ordenanza.

– Estables publicitarias: prohíbese a publicidade nos monumentos declarados de interese cultural e nas súas contornas de protección, ámbitos nos que só se permitirá la rotulación considerada non publicitaria.

– Estables non publicitarios: en todo o ámbito de aplicación da ordenanza e de acordo coas condicións expresadas na Lei do patrimonio referidas aos bens de interese cultural e contornas de protección.

– Móbiles: prohíbese a súa instalación en espazos públicos en todo o ámbito de aplicación do Plan especial de protección da cidade histórica ou en locais situados en inmobles catalogados.

TÍTULO SEGUNDO. CARACTERÍSTICAS DOS ELEMENTOS PUBLICITARIOS

CAPÍTULO 1. COLGADURAS EVENTUAIS E OUTROS SOPORTES NON RÍXIDOS

Artigo 12. Definición.

Son instalacións publicitarias referidas exclusivamente a eventos ou actos importantes que se desenvolvan na cidade.

Artigo 13. Localización.

Estes elementos só poderán instalarse nos seguintes lugares e coas condicións que se especifican:

a) Só serán autorizables incluídas nos ocos arquitectónicos das fachadas ou sobre as superficies planas cegas de fachadas que non tapen elementos ornamentais de edificios públicos tales como museos, bibliotecas ou análogos, con independencia do seu nivel de catalogación, que poderán publicitar as súas exhibicións ou actividades temporais mediante a instalación de soportes non ríxidos, como bandeirolas paralelas á fachada, executadas en tea ou materiais análogos. Para a concesión destas autorizacións esixirase documentación gráfica específica adaptada ao edificio e á súa contorna.

b) Situaranse dentro do límite material da fachada do edificio, non poderán ocupar máis da décima parte da fachada e cunha superficie máxima de 3 m2, respectando a súa composición e imaxe e debendo recuar 1 m dos predios lindeiros. Non se permitirán instalacións perpendiculares á fachada. Non se permitirán tampouco saíntes ou voos desde o plano de fachada.

c) Poderase variar esta dimensión para proxectos de carácter singular e logo da presentación do proxecto técnico correspondente.

Artigo 14. Características materiais.

Realizaranse en instalacións de carácter efémero, sobre teas, lonas ou similares, incluso sobre plásticos non ríxidos, sempre que sexan con textura mate (non brillante). A forma deberá ser rectangular, adaptándose á linguaxe arquitectónica do edificio, sen tapar elementos ornamentais como cornixas ou impostas.

Queda prohibida a utilización desta modalidade de instalacións coa finalidade principal de exhibición de publicidade comercial. Os patrocinadores dos actos publicitados terán reservada unha área máxima do 25% da superficie total da colgadura, que se disporá na súa franxa inferior.

CAPÍTULO 2. RÓTULOS DE NEGOCIOS INMOBILIARIOS E OBRAS EN CONSTRUCIÓN

Artigo 15. Definición.

Son instalacións publicitarias cuxa finalidade é indicar a denominación social de persoas físicas ou xurídicas que teñan título legal suficiente sobre elas ou dar a coñecer a clase de obra de que se trata, os seus executores, etc. Non poderán sobresaír do plano do valo ou da estada autorizados na licenza e rexeranse polas especificacións da ficha técnica correspondente.

Artigo 16. Características de rótulos de negocios inmobiliarios.

A publicidade de promoción inmobiliaria e de venda de edificios poderase realizar mediante un único cartel cuxa dimensións non pasarán de 100 por 100 cm. Realizarase en materiais non ríxidos, como lonas, teas, fibras ou plásticos mate. A mensaxe só poderá consistir na información relativa ao logotipo da axencia, o teléfono de contacto e o obxecto do anuncio. Situarase nos ocos arquitectónicos do local ou edificio en cuestión.

Os sistemas de fixación de carteis con adhesivos deben permitir a doada retirada, sen deixar restos adheridos á fachada nin deteriorala, evitándose a imprimación de colas directamente sobre o paramento.

Artigo 17. Rótulos de obra.

En toda obra de construción, edificación ou urbanización, será preceptiva a colocación dun rótulo con dimensións e características descritas nas fichas anexas, que será visible desde a vía pública e no que se incluíra o número e a data da licenza urbanística ou da orde de execución. De tratarse dunha obra pública exenta desta, incluirá os datos do acordo de aprobación do correspondente proxecto, así como os referentes ao promotor, técnicos, contrata e subcontrata se as houbese. Nas obras públicas poderá incluírse asemade o importe do investimento.

Serán instalacións publicitarias ríxidas e duradeiras, non deteriorables durante o prazo de execución das obras. En caso de acaroarse á fachada, a forma deberá ser rectangular, adaptándose á linguaxe arquitectónica do edificio, sen tapar elementos ornamentais como cornixas o impostas. As súas dimensións serán de 1,5 m por 1 m, de cor branca con letras en negro e un tamaño mínimo de 6 cm. Non se poderán dispoñer de forma perpendicular á fachada.

En casos de derruba de fachada, ou de realización de obras en soares ou espazos urbanos, tales como rúas, prazas, parques e xardíns, permitirase a instalación de soportes exentos. En caso de situarse diante da fachada ou soar, a forma deberá ser rectangular, fixada sobre dous soportes, cunhas dimensións máximas autorizables de 150 cm. Situaranse de maneira que non entorpezan o paso de peóns nin de vehículos nin obstaculicen as vistas.

Retiraranse inmediatamente cando finalice a obra, é dicir á sinatura da acta de recepción ou ao outorgar o final de obra. Deberán contar con licenza municipal para a súa instalación.

Artigo 18. Lonas sobre estadas en edificios en obras.

As lonas que cobren as estadas dos edificios en construción ou reforma poderán contar con publicidade fóra do ámbito do Plan especial da cidade histórica ou de edificios catalogados. Neste caso deberán solicitar previamente licenza e aboar as pertinentes taxas.

No ámbito do Plan especial da cidade histórica ou en caso de edificios catalogados esta publicidade só poderá ser institucional ou de eventos culturais logo da solicitude, se é o caso, da pertinente licenza municipal.

CAPÍTULO 3. CARTEIS NO MOBILIARIO URBANO. ANUNCIOS PUBLICITARIOS

Artigo 19. Definición.

É a instalación publicitaria en que a mensaxe se desenvolve mediante sistemas de reprodución gráfica sobre papel ou outros materiais de escasa consistencia e curta duración e que require para a súa exhibición un elemento de apoio material.

Esta modalidade publicitaria só se autorizará no mobiliario urbano que admita superficies destinadas a esta finalidade, tal como marquesiñas de protección das paradas de autobuses, cabinas telefónicas, paneis de información e calquera outro elemento similar aos anteriores ou naqueles elementos especialmente deseñados para isto.

As pantallas de publicidade fixa ou as de publicidade variable, que son as instalacións publicitarias nas cales a mensaxe variable se realiza por medios mecánicos ou electrónicos, poderanse instalar nos espazos públicos fixados polo Concello.

Artigo 20. Condicións xerais.

1. A instalación de carteis publicitarios no mobiliario urbano de servizo público, como marquesiñas de autobuses, cabinas telefónicas ou báculos de alumeado público, autorizarase mediante a preceptiva licenza municipal.

2. A actividade publicitaria nas pantallas de publicidade fixa ou variable situadas na vía pública só se poderá autorizar mediante concesión administrativa suxeita aos pregos de condicións, agás no mobiliario urbano de servizo público, como marquesiñas de autobuses, cabinas telefónicas ou báculos de alumeado público, que se poderá autorizar mediante licenza.

3. Os pregos de condicións determinarán, ademais do deseño, dimensións, características, lugares de instalación e outras condicións que en cada caso procedan, as porcentaxes de reserva de espazo ou de tempo que terán que quedar ao dispor do Concello para os avisos ou anuncios de publicidade institucional que considere convenientes.

CAPÍTULO 4. RÓTULOS EN BANDEIROLA RÍXIDOS OU FLEXIBLES

Artigo 21. Definición.

Enténdese por bandeirola os anuncios de establecementos perpendiculares ao plano de fachada.

Poderán ser autorizados polo Concello logo da solicitude acompañada dun deseño que indique dimensións, forma, cor, material e sistema de ancoraxe.

Artigo 22. Localización.

Só poderán colocarse a unha altura mínima sobre a rasante oficial de 2,25 m, cun saínte máximo de 80 cm. No ámbito do Plan especial da cidade histórica e en edificios catalogados a súa dimensión vertical máxima será de cincuenta centímetros 50 cm.

En rúas cuxo ancho sexa menor de cinco metros 5 m, ou en ausencia de beirarrúas prohibiranse absolutamente, salvo que a devandita vía teña carácter peonil.

Poderán situarse en andares altos ou na cuberta de edificios de propiedade única ou destinados a un único uso (hoteis, naves, edificios comerciais, etc.).

No ámbito do Plan especial da cidade histórica prohíbese calquera tipo de rótulo, anuncio ou bandeirola en andares distintos ao baixo salvo no caso de edificios institucionais.

Artigo 23. Características materiais dos rótulos en bandeirola ríxidos no ámbito do Plan especial da cidade histórica e edificios catalogados.

En caso de se incluír unha placa para a colocación do rótulo ou outro elemento gráfico, esta poderá ser metálica esmaltada ou lacada, en ferro, latón ou bronce, de metacrilato ou vidro de seguridade, madeira ou outros materiais acordes.

Prohíbense expresamente os rótulos en bandeirola de plástico e os luminosos. Os rótulos en bandeirola tampouco poderán ser iluminados con focos exteriores.

Os rótulos en bandeirola neste ámbito terán un deseño e unhas cores coidados, buscando a súa integración na contorna e a súa calidade, que será valorada en cada caso pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico que poderá emitir un informe desfavorable á súa autorización por razóns estéticas.

Artigo 24. Características materiais dos rótulos en bandeirola ríxidos fóra do ámbito do Plan especial da cidade histórica ou edificios catalogados.

Poderán ser fabricados nos materiais citados no artigo anterior, ou en plástico ou outros metais distintos dos mencionados, podendo contar con iluminación interna ou con focos exteriores. A iluminación nestes casos poderá contar con efectos de luz, movemento ou intermitencias.

Artigo 25. Características materiais dos rótulos en bandeirolas flexibles en calquera ámbito.

Poderanse instalar rótulos en bandeirola realizados en lonas e materiais téxtiles que se axusten ás características do artigo 23 e suxeitados á fachada do establecemento tanto pola súa parte superior como pola súa parte inferior.

O deseño e cores desta clase de rótulos no ámbito do Plan especial da cidade histórica e inmobles catalogados buscarán a calidade e a súa integración na contorna, o que será valorado pola Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, que poderá emitir un informe desfavorable á súa autorización por razóns estéticas.

No ámbito da cidade histórica ou en inmobles catalogados, os soportes metálicos destes rótulos serán en bronce, latón ou ferro. Fóra destes ámbitos estes rótulos poderán ser tamén de teas plastificadas e os seus soportes poderán ser doutros materiais.

Artigo 26. Publicidade de marcas comerciais.

Queda prohibida a utilización desta modalidade de instalacións como soportes publicitarios exclusivos das marcas comerciais, é dicir, cando a superficie ocupada polo logotipo ou marca comercial rebase o 25% da superficie dispoñible total do rótulo en bandeirola.

CAPÍTULO 5. RÓTULOS DE ESTABLECEMENTOS ACAROADOS Á FACHADA

Artigo 27. Definición.

É aquela instalación non publicitaria alusiva á actividade e denominación do establecemento alí situado, razón social así como delegación ou servizo oficial que represente e que non se sitúa acaroado ou paralelo á fachada do establecemento.

Artigo 28. Localización de rótulos no ámbito do Plan especial da cidade histórica e inmobles catalogados.

Autorízanse os seguintes tipos de rótulos de locais comerciais en andar baixo, logo da solicitude acompañada dun deseño que indique dimensións, forma, cor, material e sistema de ancoraxe nas seguintes localizacións:

a) Nunha franxa encaixada baixo o lintel do oco de fachada, remetida respecto á cara exterior do recercado ou do muro. Esta franxa ou banda non poderá ter unha anchura superior a 0,50 m.

b) En placas acaroadas aos muros de fachada.

Artigo 29. Características materiais no ámbito do Plan especial da cidade histórica ou inmobles catalogados.

1. Os rótulos colocados baixo o lintel do oco da porta do establecemento poderán executarse en madeira pintada, chapa metálica, bronce, latón ou ferro, esmaltado ou lacado, vidro, metacrilato ou pedra. Tanto o material como o deseño será acorde co edificio e a contorna inmediata, prohibíndose explicitamente outros materiais plásticos, o aceiro inoxidable, o aluminio ou acabados metalizados brillantes.

O rótulo coa denominación do establecemento, actividade ou outros aspectos inscribirase nesa franxa, podendo executarse mediante letras en relevo de bronce ou latón, gravadas ou pintadas sobre vidro, formadas en platina, gravadas en baixo relevo ou outras solucións acordes coa contorna. Usarase a cor baixo o criterio xeral de sobriedade e sinxeleza. Non poderán ter iluminación externa nin focos exteriores.

En casos particulares poderán autorizarse rótulos de letras soltas en ferro forxado, latón ou bronce.

En calquera caso terán que obter o informe favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

2. As placas acaroadas a muros de fachada terán unha forma acorde coa composición desta e non poderán ter unha anchura superior a 2/3 da anchura do machón, nin unha altura superior a 1/3 da súa altura. Estarán separadas da cara exterior do machón cando menos 2,5 cm e suxeitaranse a el mediante grampas ou patillas.

As placas poderán ser de metacrilato ou de vidro transparente, translúcido ou opaco, tanto liso como gravado; de chapa metálica esmaltada o lacada en bronce, latón ou ferro; de pedra ou de madeira. Prohíbense outros materiais plásticos, o aceiro inoxidable, o aluminio e outros acabados metalizados brillantes. Non poderán dispor de iluminación interna ou de focos exteriores. Os escaparates tampouco poderán ter lámpadas fluorescentes de cor.

Poderán autorizarse rótulos de letras soltas en ferro forxado, latón ou bronce colocados na fachada do edificio sen iluminación de ningunha clase.

En calquera caso terán que obter o informe favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

CAPÍTULO 6. RÓTULOS EN TOLDOS

Artigo 30. Definición.

Recibe esta denominación a instalación non publicitaria constituída por unha mensaxe nun toldo. Defínese por toldo, aquel elemento saínte respecto do plano de fachada e ancorado a ela, colocado exclusivamente en terrazas e/ou en ocos para protección do sol ou da choiva, constituído por unha estrutura encartable, en ningún caso fixa ou ríxida, revestida de lona ou tecidos similares.

Artigo 31. Características xerais dos toldos.

Os toldos móbiles estarán situados a unha altura mínima sobre a rasante da beirarrúa de 225 cm en todos os seus puntos, incluso os de estrutura. O seu saínte respecto á aliñación exterior non poderá ser superior ao ancho da beirarrúa menos 60 cm, sen sobrepasar os 3 m, e respectando en todo caso o arborado existente. Os toldos fixos axeitaranse ás características establecidas no artigo 126, parágrafo 5º do PXOM.

No ámbito da cidade histórica haberá que se ater ao disposto no Plan especial da cidade histórica.

Artigo 32. Situación da mensaxe publicitaria.

Polo xeral non se permite a publicidade nos toldos e só figurará neles o nome do establecemento.

CAPÍTULO 7. PLACAS DE IDENTIFICACIÓN

Artigo 33. Definición.

Son aquelas instalacións constituídas por un soporte ríxido, xeralmente rectangular, plano e sen releve, realizado en materiais nobres e acaroado á edificación, con carácter informativo das actividades que se desenvolven nela.

Artigo 34. Situación e disposición.

Só serán autorizables no andar baixo da edificación e coas condicións que a seguir se expresan:

Situaranse a carón da porta principal da edificación. No caso de existir varias placas deberanse colocar en vertical, formando un conxunto harmónico.

Non se poderán fixar sobre portas, portóns e polo xeral carpinterías protexidas ou con valor intrínseco.

Non se situarán por encima da altura do lintel do oco arquitectónico de acceso ao edificio ou local, nin por debaixo de 1, 2 m medidos desde o nivel do chan do citado acceso.

Artigo 35. Características xerais.

Non se aceptará máis dunha placa por oficina ou establecemento, nin a repetición de mensaxes.

No poderán utilizarse como propaganda de produtos e marcas comerciais, salvo os logotipos identificativos da actividade.

Non se autorizarán placas luminosas, iluminadas ou reflectantes.

Artigo 36. Características materiais.

As placas de identificación deberán estar fabricadas nun único material metálico, preferentemente bronce, e tamén se poderán autorizar en madeira, pedra ou en metacrilato.

Os directorios, que se permitirán fóra do ámbito do Plan especial da cidade histórica ou de inmobles catalogados, serán de tal forma que permitan a integración modular das placas. Compoñeranse dun marco ou bastidor de fixación ao soporte de tubo de aceiro galvanizado de 2,5 por 3,5 cm, oculto, sobre o que se dispoñerán as placas e o seu cerco de remate e fixación, cun canto máximo de 4 centímetros realizado en aceiro inoxidable raspado, con fixación oculta ao soporte mediante parafusos.

Cando fagan referencia a entidades ou profesionais, a súa dimensión máxima será de 30 cm.

Cando se trate de institucións públicas ou entidades de servizo público a súa dimensión máxima será de 60 cm de lado.

CAPÍTULO 8. MONÓLITOS INSTITUCIONAIS, FITOS COMERCIAIS E POSTES DE PUBLICIDADE

Artigo 37. Características xerais dos monólitos institucionais e dos fitos comerciais.

En edificios de uso exclusivo non residencial poderanse instalar fitos comerciais ou monólitos institucionais identificativos no espazo libre de parcela, dentro da aliñación oficial. A súa altura será de 1/2 da altura del edificio, cun máximo de doce metros (12 metros).

O seu deseño e composición deberán integrarse no proxecto de edificación sen que a súa instalación poida supoñer, en ningún caso, un perigo para as instalacións e edificios existentes na propia parcela, para as edificacións lindeiras ou para as vías de circulación de vehículos.

Artigo 38. Postes de publicidade.

Poderanse instalar postes de publicidade en solos de titularidade municipal mediante concesión administrativa suxeita aos pregos de condicións.

Os pregos de condicións determinarán o deseño, dimensións, características, lugares de instalación e outras condicións que en cada caso procedan.

CAPÍTULO 9. RÓTULOS DE PUBLICIDADE NA CIMEIRA DE EDIFICIOS

Artigo 39. Ámbito de aplicación.

Admítese a colocación de rótulos de publicidade na cimeira de edificios fóra do ámbito do Plan especial da cidade histórica, do perímetro azul de protección ou de edificios catalogados.

Artigo 40. Características xerais.

1. Só se autorizará un rótulo de publicidade cunha mensaxe publicitaria en cada edificio, que se poderá emitir con efectos visuais, debendo cumprir coa normativa sobre balizamento para navegación aérea.

2. As superficies publicitarias na cimeira de edificios poderán estar construídas con elementos soltos -letras e logotipos- ou ben estar estes elementos situados sobre un soporte. Respectarán a estética do predio sobre o que se sitúen así como a da contorna e a perspectiva desde a vía pública, coidando especialmente a súa configuración cando non estean iluminadas. Deberase minimizar o impacto dos elementos de ancoraxe e suxeición.

3. Só poderá instalarse o soporte publicitario sobre o cume do último andar de cada edificio que cumpra as condicións establecidas no artigo 126, 7.º do Plan xeral de ordeación municipal.

4. Os rótulos deberán cumprir o establecido no artigo 8, parágrafo 2.º desta ordenanza.

Artigo 41. Condiciones da instalación.

1. A posición e dimensións dos rótulos publicitarios axustaranse ás seguintes condicións:

a) Deberán recuarse como mínimo medio metro desde o plano de fachada.

b) Nos edificios entre paredes medianeiras deberán recuarse tres metros destas.

c) A súa altura non poderá exceder do 10% da do edificio cun máximo de tres metros e medio medidos desde a liña de remate do peto de protección ou varanda se estes fosen opacos.

d) A superficie publicitaria total será como máximo de trinta metros cadrados.

e) A iluminación non poderá causar molestias en ningún caso ás vivendas próximas.

f) Considerarase como superficie publicitaria o rectángulo virtual que comprenda a totalidade dos elementos da mensaxe. La superficie opaca do rótulo non poderá sobrepasar o vinte por cen do total da superficie publicitaria.

TÍTULO TERCEIRO

LICENZAS

CAPÍTULO 1. RÉXIME XURÍDICO

Artigo 42. Réxime xurídico.

O réxime xurídico aplicable rexerase polos principios que establece a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, a normativa urbanística, a lexislación especial e demais disposicións normativas que sexan de aplicación.

Artigo 43. Actos suxeitos a licenza.

Estarán suxeitas a licenza previa municipal, sen prexuízo das autorizacións que fose procedente obter consonte outras lexislacións específicas sectoriais aplicables e de acordo co procedemento ordinario, toda actividade ou instalación publicitaria perceptible desde a vía pública dos elementos descritos no título primeiro.

As desta natureza que se outorguen quedarán suxeitas durante toda a súa vixencia a unha relación permanente coa Administración Municipal, que poderá esixir en cada momento a adopción das medidas pertinentes en defensa do interese público ou a imposición de modificacións que resulten das novas determinacións que se aproben.

Os propietarios ou titulares das instalacións publicitarias deberán mantelas en condicións de seguridade, salubridade e ornato público. O Concello poderá ordenar a execución das medidas necesarias para conservar as condicións mencionadas.

CAPÍTULO 2. PROCEDEMENTO PARA A OBTENCIÓN DA LICENZA

Artigo 44. Tramitación.

1. Para a tramitación do expediente de solicitude de licenza a que se refire esta ordenanza será preceptiva a presentación no Rexistro dunha instancia, segundo o modelo, debidamente cuberta e xuntarlle os documentos requiridos segundo a modalidade de instalación, que poderán ser os seguintes:

a) Proxecto ou documento técnico, integrado por memoria, planos e orzamento.

b) Licenza de apertura ou informe certificado, en caso de locais con declaración responsable ou comunicación previa, do establecemento que se anuncia ou da matrícula do imposto sobre actividades económicas para calquera outra instalación publicitaria non ligada a un establecemento.

c) Licenza do elemento ou espazo da instalación.

d) As solicitudes para instalacións publicitarias en bens de titularidade pública, sexa municipal ou de calquera outra administración, deberán estar acompañadas da autorización emitida pola administración titular para a ocupación con instalacións publicitarias. Así mesmo, no suposto de que o solo sexa de titularidade municipal a licenza outorgarase coa mesma vixencia temporal que a autorización ou concesión administrativa correspondente, sen superar o límite máximo que para cada modalidade se establece.

e) Documentación específica en cada caso: se unha instalación publicitaria constase de máis dunha modalidade, presentarase unha única solicitude do conxunto, englobando e unificando todos os documentos que se precisen polas súas distintas modalidades.

2. Placas: só será preceptivo o documento esixido nos apartados b) e c) deste artigo.

3. Colgaduras e soportes publicitarios non ríxidos:

a) Fotografías actuais a cor e con tamaño 15 x 20 cm da fachada do edificio e do local, de fronte e de perfil.

b) Plano de situación a escala 1:5000.

c) Plano de alzado da fachada do edificio e do local incluíndo a instalación publicitaria, a escala e acoutado.

d) Plano de sección da fachada incluíndo a instalación publicitaria, a beirarrúa e a anchura da rúa, a escala e acoutado.

e) En colgaduras en edificios en construción ou reforma deberá presentarse a licenza de obras.

4. Rótulos de establecementos, rótulos ríxidos de obra, carteis en mobiliario urbano e publicidade en lonas sobre estadas:

a) Fotografías actuais a cor e con tamaño 15 x 20 cm da fachada do edificio e do local, de fronte e de perfil.

b) Plano de situación a escala 1:5000.

c) Proxecto técnico subscrito por facultativo competente, visado polo seu colexio profesional, integrado por memoria, planos e orzamento.

CAPÍTULO 3. VIXENCIA DAS LICENZAS

Artigo 45. Contido da licenza.

O documento de concesión de licenza indicará a modalidade publicitaria, titular, número de elementos, as súas características (dimensións, texto do anuncio, materiais, etc.), condicións do outorgamento, período de vixencia da licenza, data de finalización da vixencia da licenza, para aquelas que estean suxeitas a prazo e, se é o caso, o contido do articulado referido ás infraccións.

Artigo 46. Prazo.

As licenzas suxeitas a esta ordenanza que teñan carácter provisional terán o prazo de vixencia que se marque no seu outorgamento, prorrogable en supostos de ampliación da actividade á que sirvan.

As licenzas suxeitas a esta ordenanza que teñan carácter estable terán vixencia mentres subsista a actividade á que sirvan.

Artigo 47. Prazo de execución.

A instalación do anuncio deberá executarse no prazo de tres meses desde a concesión de licenza, transcorridos os cales procederá a súa caducidade.

Artigo 48. Retirada da instalación.

Transcorrido o período de vixencia da licenza, a contar desde a data do acordo de outorgamento, sen que medie prórroga, quedará sen efecto, debendo o titular retirar pola súa conta a instalación. Esta circunstancia poderá facerse constar no documento de outorgamento da licenza.

En caso de que o titular non retire a instalación o Concello poderá retirala.

CAPÍTULO 4. PRÓRROGA DAS LICENZAS

Artigo 49. Prórroga de licenzas.

As licenzas concedidas ao abeiro do disposto nesta ordenanza poderán ser prorrogadas pola Administración por solicitude do titular. Esta solicitude de prórroga deberá formularse cando menos un mes antes do vencemento da licenza concedida.

A prórroga outorgarase sempre que non varíen as condiciones existentes no momento do seu outorgamento inicial e a súa vixencia será a mesma que a da licenza que a precede, a contar desde a data de finalización da vixencia anterior.

Xunto coa solicitude deberase achegar a seguinte documentación:

1. Para a prórroga de calquera instalación na cal lle fora requirida documentación técnica, deberá presentarse proxecto ou documento técnico no que se acredite que a instalación publicitaria se axusta á licenza outorgada e se certifique a solidez e estabilidade do conxunto, así como o cumprimento das condicións estéticas previstas no proxecto inicial ou prescritas na licenza.

2. En todas as modalidades precisaranse fotografías actuais a cor e con tamaño 15 x 20 cm, de fronte e de perfil, nas cales se aprecie con claridade o estado do espazo da instalación e da propia instalación publicitaria.

3. Acreditación do pagamento da prima do seguro de responsabilidade civil esixido para a concesión da licenza, se é o caso.

4. No suposto de venda ou aluguer de locais deberá presentar, xunto coa solicitude de prórroga a copia da licenza de obra concedida e o certificado final de obra, se é o caso.

A prórroga entenderase automaticamente concedida transcorrido o prazo de tres meses desde a súa solicitude, salvo que se requirira a emenda de deficiencias e estas non fosen resoltas antes de finalizar o prazo de vixencia.

En caso de no ser presentados os documentos necesarios para a prórroga e/ou emendadas as deficiencias no prazo sinalado, a licenza quedará automaticamente sen vixencia.

CAPÍTULO 5. TRANSMISIBILIDADE DAS LICENZAS

Artigo 50. Transmisibilidade das licenzas.

As licenzas serán transmisibles a terceiros sempre que a transmisión sexa autorizada pola Administración logo do pedimento por escrito do titular transmitente, salvo que no seu outorgamento se dispoña a non transmisibilidade.

O antigo e o novo titular deberán comunicalo por escrito ao Concello xuntando a documentación correspondente, sen o cal quedarán ambos suxeitos ás responsabilidades derivadas da actuación amparada pola licenza.

TÍTULO CUARTO

MEDIDAS DISCIPLINARIAS

CAPÍTULO 1. INFRACCIÓNS

Artigo 51. Definición.

Constituirán infraccións contra esta ordenanza as accións ou omisións que vulneren as prescricións contidas nela e na normativa urbanística que corresponda aplicar.

Artigo 52. Responsables.

Das infraccións contra esta ordenanza serán responsables:

1. A empresa publicitaria titular da instalación.

2. O beneficiario da mensaxe.

3. O titular ou, se é o caso, o ocupante do espazo ou elemento en que se efectuase a instalación.

Artigo 53. Sancións.

Toda infracción contra esta ordenanza levará consigo a imposición de sancións aos responsables así como a obriga de resarcimento de danos e de indemnización das perdas a cargo destes, todo isto con independencia das medidas previstas no capítulo IV deste título.

Artigo 54. Tipos de infraccións.

Clasifícanse segundo a gravidade en leves e graves.

1. Conceptuaranse como infraccións leves aquelas nas que no procedemento sancionador se demostre a escasa entidade do dano producido aos intereses xerais e aquelas que non teñan o carácter de graves.

2. Conceptuaranse como infraccións graves:

a) Efectuar as instalacións carecendo da licenza municipal.

b) Non axustarse á licenza concedida nin á normativa reguladora.

c) Non manter a instalación publicitaria nas debidas condicións de seguridade.

d) Non manter a instalación publicitaria nas debidas condicións de ornato, incidindo negativamente dunha forma manifesta na contorna.

Artigo 55. Atenuantes da responsabilidade.

Considerarase circunstancia atenuante da responsabilidade dos autores dunha infracción que o responsable procedese á legalización, rectificación correspondente e/ou, se fose o caso, á retirada da instalación publicitaria antes da iniciación da actuación sancionadora.

Artigo 56. Agravantes da responsabilidade.

Consideraranse circunstancias agravantes da responsabilidade dos autores dunha infracción:

1. Alterar os supostos de modo que presuntamente lexitimasen a actuación ou falsificar os documentos nos que se acredita o fundamento legal para a obtención da licenza.

2. Reiterar ou reincidir.

3. A acción que tivese como efecto danos ou perdas a outros particulares ou ao patrimonio histórico.

Artigo 57. Prescrición das infraccións.

1. As infraccións nas que se incorra por incumprimento desta ordenanza consideraranse derivadas dunha actividade continuada e o seu prazo de prescrición comezará desde a finalización da actividade ou desde o último acto con que a infracción quede consumada, que para estes efectos será cando sexa retirada a instalación publicitaria.

2. As infraccións leves prescribirán pasado un ano e as graves prescribirán aos catro anos.

CAPÍTULO 2. REGRAS PARA DETERMINAR A CONTÍA DAS SANCIÓNS

Artigo 58. Contía das sancións.

Serán sancionados con multas do 1 ao 5% do valor da instalación os que a executasen sen licenza, cando a instalación sexa legalizable.

Cando as instalacións publicitarias non sexan legalizables, sancionarase aos seus responsables con multa do 10 ao 20% do valor das medidas necesarias para restituír a realidade física alterada.

A contía da sanción reducirase ou aumentarase en función dos atenuantes ou agravantes que sexan de aplicación.

Artigo 59. Sancións a varios responsables.

As sancións que se impoñan aos distintos suxeitos como consecuencia dunha mesma infracción terán entre si carácter independente.

Artigo 60. Existencia de beneficio económico.

En ningún caso a infracción urbanística pode supoñer un beneficio económico para o infractor. Cando a suma da sanción imposta e do custo das actuacións de restitución dos bens ao seu primitivo estado dea como resultado unha cantidade inferior ao dito beneficio, incrementarase a contía da sanción ata alcanzar o seu montante.

Artigo 61. Prescrición das sancións.

O prazo de prescrición das sancións comezará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquiriu firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Interromperá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución, volvendo a transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

As sancións impostas por faltas graves prescribirán aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano.

Artigo 62. Recoñecemento de responsabilidade polo infractor.

Iniciado un procedemento, se o infractor recoñece a súa responsabilidade, poderase resolver coa imposición da sanción que proceda.

O pagamento voluntario por parte do imputado, en calquera momento anterior á resolución poñerá fin ao procedemento, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer os recursos que procedan.

CAPÍTULO 3. PERDA DE EFICACIA, REVOGACIÓN E NULIDADE DA LICENZA

Artigo 63. Revogación ou anulación das licenzas.

1. As licenzas quedarán sen efecto se se incumpren as condicións a que están subordinadas ou se transcorreu a súa vixencia.

2. Procederá a revogación das licenzas:

a) Cando desaparezan as circunstancias que motivaron o seu outorgamento.

b) Cando sobreveñan outras que, de existiren á sazón, xustificarían a denegación.

c) Cando se adopten novos criterios de apreciación.

3. Poderán ser anuladas as licenzas cando resulten outorgadas erroneamente.

Nos supostos 2.c) e 3) procederá o pedimento de indemnización á vista do réxime previsto no Regulamento de servizos das corporacións locais.

CAPÍTULO 4. PROTECCIÓN DA LEGALIDADE

Artigo 64. Instalacións executadas sen licenza ou sen aterse á licenza.

1. Cando algunhas das instalacións publicitarias descritas nesta ordenanza se realizasen sen licenza ou en contra das súas determinacións e sexan legalizables consonte o que prescribe, o interesado deberá solicitar a licenza ou axustar a instalación á xa concedida no prazo de dous meses, unha vez requirido para facelo por esta Administración.

En defecto de solicitude de licenza o cando esta no poida concederse por desconformidade coa ordenación vixente, procederase a impedir definitivamente a devandita actividade, ordenando a retirada das instalacións de acordo coa normativa vixente.

2. Cando as instalacións publicitarias non sexan legalizables consonte esta ordenanza, procederase igualmente a impedir con carácter definitivo a dita actividade, logo da audiencia aos interesados ao abeiro da normativa de procedemento vixente.

Artigo 65. Ordes de retirada.

As ordes de retirada de calquera instalación publicitaria terán que ser cumpridas polos responsables no prazo fixado na resolución adoptada.

CAPÍTULO 5. ACCIÓN SUBSTITUTORIA

Artigo 66. Execución.

Ordenada a retirada das instalacións, en caso de incumprimento por parte do seu responsable no prazo indicado, a Administración poderá executar a retirada subsidiaria das instalacións publicitarias afectadas. Na retirada practicarase unha dilixencia facendo constar o nome e apelidos do propietario ou titular, do seu documento de identidade e/ou a razón social se se trata dunha empresa, domicilio deste/a, rúa e número onde se realizou a retirada e o tipo de elemento retirado, facilitando una copia ao interesado sempre que este estea presente na execución subsidiaria.

Artigo 67. Elementos retirados.

Realizada a execución ou reposición subsidiaria, concederase aos titulares dos elementos un prazo de dez días para que presenten escrito no que manifesten a súa vontade expresa de facerse cargo dos elementos retirados mediante a súa recollida dos almacéns municipais no día e hora que se fixe. Apercibiráselles de que se transcorre o prazo referido e non se manifesta esa vontade de forma expresa, entenderase que o interesado renuncia á recuperación dos ditos elementos, facultando a esta Administración a dispoñer deles para o seu traslado ao vertedoiro autorizado para a súa reciclaxe.

Artigo 68. Instalacións sen licenza sobre solo público.

As instalacións publicitarias sen licenza sobre solo público, de carácter demanial ou patrimonial, no necesitarán requirimento previo e serán retiradas polos servizos municipais con repercusión dos gastos ao interesado.

Artigo 69. Gastos da acción substitutoria.

A acción substitutoria por parte da Administración suporá a repercusión dos gastos por execución e almacenaxe ao responsable das instalacións.

Os elementos trasladados aos almacéns municipais producirán o deber de pagamento dunha taxa de almacenaxe de 3,61 euros por metro cadrado ou fracción de ocupación, cun custo mínimo de 36,06 euros. Estes prezos serán renovados anualmente por acordo do Pleno do Concello.

Os gastos que ocasione a recollida dos elementos por parte do seu titular correrán pola súa conta.

Disposición derrogatoria.

Quedan derogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta ordenanza.

Disposición final.

Esta ordenanza entrará en vigor transcorrido un mes desde a súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia.”

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2012.

A Concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda, Rehabilitación e Cidade Histórica

Asdo.: María Pardo Valdés

…………………………

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s