Ordenanza municipal de convivencia (2007) y modificación (2009)

Ordenanza de Convivencia, Residuos e limpieza viaria de Santiago de Compostela. 

Aprobada por acordo do Pleno da Corporación o día 28 de decembro de 2006. (BOP da Coruña nº 40  do 17 de febreiro de 2007).

Modificada por acordo do Pleno da Corporación o día 23 de decembro de 2008. (BOP da Coruña nº 86 do 17 de abril de 2009)

http://www.santiagodecompostela.org/medi/tramites/Normativa_Municipal/1._Ordenanzas_Xerais/Contratacion/Ordenanza_convivencia_definitiva.pdf

Aprobación definitiva da Ordenanza de convivencia, residuos e limpeza viaria de Santiago de Compostela

Rematado o prazo de exposición pública e desestimadas as alegacións presentadas, o Pleno da Corporación na sesión ordinaria de data 28.12.06, aprobou definitivamente a Ordenanza de convivencia, resíduos e limpeza viaria de Santiago de Compostela, conforme ao establecido no artigo 49 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, mofificada pola Lei 57/03, do 16 de decembro. O seu texto íntegro é o seguinte:

ORDENANZA DE CONVIVENCIA, RESIDUOS E LIMPEZA VIARIA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EXPOSICIÓNS DE MOTIVOS

A protección do medio ambiente constitúe hoxe unha preocupación sentida pola xeneralidade dos cidadáns e por todas as esferas da administración pública. En consonancia, con este sentir, o artigo 45 da nosa Constitución proclama o dereito a gozar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber xenérico de conservalo. Este mesmo artigo sinala tamén a obriga dos poderes públicos de velar pola utilización racional dos recursos naturais, protexer e mellorar a calidade de vida e defender e restaurar o medio ambiente.

Os servizos de limpeza viaria e recollida e tratamento de residuos son, desde sempre, competencias tradicionais dos municipios que hoxe veñen condicionadas por normas estatais e autonómicas. Ademais da obriga xenérica de prestación sinalada na lexislación de réxime local, a Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos sinala expresamente que “corresponde aos municipios, como servizo obrigatorio, a recollida, o transporte e polo menos, a eliminación dos residuos urbanos, na forma en que se estabeleza nas respectivas ordenanzas” (artigo 4.3); así mesmo especifica que “os municipios cunha poboación superior a cinco mil habitantes estarán obrigados a implantar sistemas de recollida selectiva de residuos urbanos que posibiliten o seu reciclado e outras formas de valorización” (artigo 20.3), para o que “as entidades locais poderán elaborar os seus propios plans de xestión de residuos urbanos, de acordo co que, de ser o caso, se estabelece na lexislación e nos plans de residuos das respectivas comunidades autónomas” (artigo 5).

As responsabilidades mínimas que a Lei 14/1986 xeral de sanidade atribúe ás corporacións locais; así como as competencias que, aos municipios, atribúen a lexislación urbanística estatal e galega, a Lei de protección ambiental de Galicia ou a Lei galega de residuos, son tamén de obrigada referencia para situar o marco competencial habilitador desta ordenanza.

A Ordenanza xeral de protección do medio ambiente urbano foi dende 1989 o marco normativo regulador en materia de medio ambiente no Concello de Santiago de Compostela, xunto coa recente ordenanza municipal de publicidade estática e dinámica de 2005. Non obstante, dúas razóns impulsan a súa adaptación.

Por unha banda, o conxunto normativo europeo, estatal -en especial a Lei 10/1998- e autonómico posterior a 1995.

Por outra, o feito de que nos últimos anos o Concello de Santiago de Compostela experimentou un notábel desenvolvemento nos servizos municipais de limpeza e recollida de residuos, acorde co alto nivel de xeración de residuos asociado ao crecemento do consumo. Este esforzo demandou a implantación dunha nova normativa municipal na materia que cubrira as necesidades do noso municipio.

O esforzo realizado para a colocación de colectores en toda a cidade, a adaptación das concesións existentes, a planificación de novas rutas de recollida cos medios materiais e humanos necesarios, o achegamento de infraestruturas de recollida para cartón-papel, vidro e pilas, a instalación dun forno crematorio para os animais domésticos mortos, os servizos de recollida de voluminosos, cartón comercial e vidro de hostalería e restauración, a sinatura dos convenios de colaboración para a recollida de aceites de fritura usados, a creación dun corpo de inspección ambiental e un labor de concienciación cidadá a través de campañas e programas de educación ambiental son, entre outros, exemplos das políticas e accións realizadas ata o momento coa finalidade de conseguir a máxima eficacia no aproveitamento dos residuos de acordo cos requisitos técnicos, ambientais e de responsabilidade social que o sistema implantado esixe.

Dentro dos obxectivos perseguidos por esta ordenanza atópase garantir un espazo público de calidade, o que supón, tanto para a administración como para a cidadanía, adoptar unha actitude corresponsábel nas estratexias de recollida e limpeza do municipio, para cuxa experiencia se dotaron novos instrumentos que perseguen facilitar ao cidadán, entre outros, os labores de separación de residuos domésticos e mellorar a recollida selectiva destes.

Especial atención merece a regulación recollida no libro III que, baixo o título de “Infraccións e sancións”, se axusta á ordenación xurídica estabelecida na Lei 57/2003, do 17 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local, atopando así, a cobertura legal necesaria en materia de potestade sancionadora municipal a falta dunha previa lexislación sectorial. Estabelécese, por tanto, unha tipificación de infraccións coas súas correspondentes sancións, acorde cos criterios sinalados na citada Lei, cumprindo deste xeito as esixencias derivadas do principio de legalidade.

Por último, cómpre destacar a extensión da ordenanza, comprensiva dun total de 100 artigos e unha disposición derrogatoria, coa que se pretende ofrecer unha ordenación detallada que abarque os distintos aspectos da materia obxecto da regulación.

ÍNDICE

LIBRO I: DA XESTIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.-Residuos municipais

Artigo 2.-Residuos excluídos

Artigo 3.-Clasificación dos residuos municipais para os efectos da súa xestión

Artigo 4.-Residuos municipais ordinarios

Artigo 5.-Residuos municipais especiais

Artigo 6.-Fraccións dos residuos municipais ordinarios

Artigo 7.-Clasificación dos residuos municipais segundo a súa orixe

Artigo 8.-Titularidade dos residuos

Artigo 9.-Obriga e responsabilidades dos produtores ou posuidores de residuos

Artigo 10.-Promoción da separación en orixe e recollida selectiva

Artigo 11.-Prohibicións

TÍTULO II: XESTIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS

CAPÍTULO I: RESIDUOS DOMICILIARIOS E DE PEQUENOS PRODUTORES

Artigo 12.-Sistema de recollida en colectores de uso colectivo

Artigo 13.-Localización dos colectores de uso colectivo

Artigo 14.-Recollida de residuos e localización de colectores en novas urbanizacións e edificacións

Artigo 15.-Colectores de uso exclusivo ou particular para residuos

domiciliarios e de pequenos produtores

Artigo 16.-Limpeza e mantemento dos colectores de uso colectivo

Artigo 17.-Presentación dos residuos ordinarios

Artigo 18.-Normas de utilización dos colectores

Artigo 19.-Horario para o depósito de residuos en colectores

CAPÍTULO II: RESIDUOS NON DOMICILIARIOS DE ORIXE COMERCIAL

Artigo 20.-Recollida mediante colectores de uso exclusivo ou particular

Artigo 21.-Recintos para a colocación de colectores de grandes produtores para residuos non domiciliarios de orixe comercial

Artigo 22.-Normas de utilización dos colectores

Artigo 23.-Horarios

CAPÍTULO III: SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS

Artigo 24.-Recollida selectiva xeral de residuos

Artigo 25.-Operacións que comprende a recollida selectiva

Artigo 26.-Recollidas específicas de cartón e vidro porta a porta

Artigo 27.-Recollida da fracción resto dos residuos de estabelecementos de hostalería do Casco Histórico

Artigo 28.-Outras recollidas específicas de residuos ordinarios

Artigo 29.-Programacións de servizos

TÍTULO III: XESTIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS ESPECIAIS

CAPÍTULO I: VOLUMINOSOS

Artigo 30.-Concepto e clasificación

Artigo 31.-Xestión dos voluminosos

Artigo 32.-Servizo especial de recollida de voluminosos

CAPÍTULO II: ANIMAIS DOMÉSTICOS MORTOS

Artigo 33.-Inclusións e exclusións

Artigo 34.-Prohibicións e obrigas

Artigo 35.-Xestión dos animais domésticos mortos

Artigo 36.-Disposición dos cadáveres de animais domésticos mortos

Artigo 37.-Tratamento dos animais mortos

CAPÍTULO III: RESIDUOS DE CONSTRUCIÓN E DEMOLICIÓN E DE OBRAS EN XERAL

Artigo 38.-Prohibicións

Artigo 39.-Residuos procedentes de obras menores de construción de reparación domiciliaria

Artigo 40.-Residuos de construción e demolición

Artigo 41.-Colectores de obra na vía pública

Artigo 42.-Características dos colectores de obra

Artigo 43.-Empresas dedicadas á instalación de colectores de obras e comunicación da instalación

Artigo 44.-Situación dos colectores de obra

Artigo 45.-Normas de utilización dos colectores de obra

Artigo 46.-Horarios de permanencia dos colectores de obra na vía pública

Artigo 47.-Identificación dos colectores de obra

Artigo 48.-Responsabilidade

CAPÍTULO IV: OUTROS RESIDUOS ESPECIAIS

Artigo 49.-Residuos de poda e xardinería

Artigo 50.-Pilas usadas

Artigo 51.-Medicamentos

Artigo 52.-Aceites usados

Artigo 53.-Residuos sanitarios

Artigo 54.-Outras tipoloxías de residuos

LIBRO II: DA LIMPEZA VIARIA

TÍTULO I: DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA COMO CONSECUENCIA DO USO DOS CIDADÁNS

Artigo 55.-Obxecto

Artigo 56.-Cooperación cidadá

Artigo 57.-Obrigatoriedade do cumprimento

Artigo 58.-Subsidiariedade dos traballos de limpeza por parte do Concello

Artigo 59.-Regra xeral

Artigo 60.-Concepto da vía pública e do mobiliario urbano

Artigo 61.-Espazos e inmóbeis privados

Artigo 62.-Espazos privados de uso público

Artigo 63.-Usos da vía pública

Artigo 64.-Novas urbanizacións

Artigo 65.-Competencia

Artigo 66.-Prohibicións

Artigo 67.-Consumo de bebidas na vía pública

Artigo 68.-Réxime de sancións

Artigo 69.-Necesidades fisiolóxicas

Artigo 70.-Réxime de sancións

TÍTULO II: DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA COMO CONSECUENCIA DE ACTIVIDADES DIVERSAS

Artigo 71.-Realización de actividades na vía pública

Artigo 72.-Obras e transporte de terras e materiais de construción

Artigo 73.-Limpeza de escaparates, toldos e demais elementos de estabelecementos comerciais, quioscos e terrazas.

Artigo 74.-Mercados e feiras

Artigo 75.-Talleres e aparcadoiros

Artigo 76.-Actos públicos

TÍTULO III: DOS TERREOS DE PROPIEDADE PRIVADA

Artigo 77.-Obrigas xenéricas

Artigo 78.-Titularidade

Artigo 79.-Comprobacións

Artigo 80.-Procedemento

Artigo 81.-Limpeza das zonas próximas ás masas forestais

TÍTULO IV: DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS NA VÍA PÚBLICA

Artigo 82.-Concepto

Artigo 83.-Obrigas dos propietarios ou posuidores

Artigo 84.-Requirimento da autoridade municipal

Artigo 85.-Limpeza dos animais na vía pública

LIBRO III: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 86.-Responsabilidades

Artigo 87.-Inspeccións

Artigo 88.-Denuncias

Artigo 89.-Réxime sancionador

Artigo 90.-Obrigación de restauración, multas coercitivas e execución subsidiaria

Artigo 91.-Traballos en beneficio da comunidade

Artigo 92.-Prescrición

TÍTULO II: TIPIFICACIÓN DE INFRACCIÓNS

Artigo 93.-Infraccións

Artigo 94.-Infraccións leves

Artigo 95.-Infraccións graves

Artigo 96.-Infraccións moi graves

TÍTULO III: SANCIÓNS

Artigo 97.-Sancións

Artigo 98.-Gradación das sancións

Artigo 99.-Pagamento das sancións

Artigo 100.-Publicidade

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 1.-RESIDUOS MUNICIPAIS.

1.-Son residuos municipais ou urbanos os producidos no termo municipal e definidos como tales na lexislación vixente, é dicir, os xerados nos domicilios particulares, comercios, oficinas e servizos, así como todos aqueles que non teñan a cualificación de perigosos e que pola súa natureza ou composición poidan asimilarse aos producidos nos anteriores lugares ou actividades.

Así mesmo, teñen tal consideración:

– Os procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas.

– Os procedentes de mercados, feiras, festexos ou actos similares.

– Os residuos e entullo procedentes de obras menores de construción e reparación domiciliaria.

– Os móbeis e utensilios desbotados (voluminosos)

– Animais domésticos mortos

– Vehículos abandonados

2.-Consonte a lexislación vixente, o Concello de Santiago de Compostela está obrigado a implantar sistemas de recollida selectiva e a realizar todas as operacións de xestión dos residuos municipais que inclúen a recollida, transporte e tratamento dos residuos municipais.

ARTIGO 2.-RESIDUOS EXCLUÍDOS.

1.-Non obstante o sinalado no artigo anterior, ao abeiro da lexislación vixente, e sempre que se trate de residuos distintos aos xerados nos domicilios particulares tanto en cantidade como en calidade, o Concello, poderá, por motivos xustificados, obrigar aos seus produtores ou posuidores a xestionalos por si mesmos.

Así mesmo, poderá obrigar aos posuidores ou produtores a que adopten as medidas necesarias para eliminar ou reducir, na medida do posíbel, aquelas características que presenten ou que os fagan perigosos ou que dificulten a súa recollida, transporte ou aproveitamento, ou que os depositen en forma e lugar axeitados.

Dados os sistemas de tratamento e valorización adoptados polo Concello de Santiago de Compostela para o aproveitamento dos residuos municipais, resultan excluídos de todas ou dalgunha das operacións de xestión municipal aqueles residuos municipais de orixe non domiciliaria:

– aos que non se lles poida aplicar algunha das tecnoloxías e procesos de clasificación, recuperación ou aproveitamento actualmente existentes, sen prexuízo de que se realice unha xestión no futuro en función dos avances técnicos e da súa sostibilidade económica;

– e aqueloutros que, dado o seu volume ou características, non poidan ser obxecto de recollida por parte dos servizos municipais.

2.-Residuos industriais:

Os produtores ou posuidores de residuos industriais especiais están obrigados á adopción de cantas medidas sexan necesarias para asegurar que o seu transporte, tratamento, eliminación ou, se é o caso, aproveitamento se realice sen risco para as persoas. En consecuencia, estes residuos deberán ser depositados en vertedoiros de seguridade, sendo os propietarios os únicos responsábeis dos posíbeis danos ou perdas que poidan ocasionar.

Serán considerados residuos industriais especiais aqueles que polas súas características non poidan ser clasificados como inertes ou asimilábeis aos residuos urbanos e, en xeral, os que presenten un risco potencial para a saúde pública ou o medio ambiente.

ARTIGO 3.-CLASIFICACIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS PARA OS EFECTOS DA SÚA XESTIÓN.

1.-En atención ao sistema de recollida selectiva implantado na cidade de Santiago de Compostela, os residuos municipais divídense en ordinarios e especiais.

2.-En atención á súa orixe, divídense en domiciliarios e non domiciliarios.

ARTIGO 4.-RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS.

1.-Son os producidos como consecuencia da normal actividade doméstica no fogar, así como en comercios, oficinas e servizos, e os producidos por outros xeradores singulares sempre que se asimilen aos producidos nos anteriores lugares, e os procedentes da limpeza viaria, espazos verdes, áreas recreativas, mercados, feiras, festas e actos similares.

2.-Para a súa recollida e tratamento, estes residuos deberán separarse nas fraccións residuais sinaladas no artigo 6.

ARTIGO 5.-RESIDUOS MUNICIPAIS ESPECIAIS.

1.-Constitúen esta categoría aqueles residuos municipais que, debido á súa composición, cantidade ou volume, características ou natureza, dificulten e imposibiliten a segregación, manipulación ou valorización convencionais, independentemente de cal sexa o lugar da súa orixe. Esixen unha xestión diferenciada porque poden comprometer a recuperación doutras fraccións, ou comportar un risco para o medio ambiente ou para a saúde das persoas.

2.-Deberán cumprir algunha das seguintes condicións:

a) Que existan plans ou programas de xestión especificamente deseñados para dar unha resposta apropiada ás peculiaridades do residuo en particular.

b) Que, malia non existiren plans ou programas de xestión específicos, se correspondan con residuos de especial significación en atención ao sistema de tratamento implantado para os residuos municipais no ámbito de Santiago de Compostela e que a súa xestión non sexa posíbel a través da súa inclusión nalgunhas das fraccións residuais previstas para os residuos ordinarios.

c) Que a xestión se realice conxuntamente con residuos non pertencentes á categoría dos residuos urbanos e de acordo coa planificación prevista para aqueles.

3.-Atópanse nesta categoría os residuos que cumpren algunha das características do punto anterior independentemente de que consten ou non na seguinte lista, que non ten caracter limitativo:

– Residuos de obras menores de construción e reparación domiciliaria.

– Móbeis e utensilios de liña branca ou marrón.

– Animais domésticos de compañía mortos (pertencentes á tipoloxía de subprodutos animais).

– Neumáticos.

– Baterías esgotadas.

– Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos.

– Aceites usados.

– Cristais planos.

– Palés de madeira.

– Chatarra.

– Alimentos envasados caducados.

– Pilas (inclúe as pilas normais e de botón de calquera composición), acumuladores e baterías.

– Teléfonos móbiles.

– Roupa usada e téxtil en xeral.

– Residuos sanitarios da clase II producidos en centros sanitarios, clínicas, hospitais, laboratorios e estabelecementos análogos.

– Medicamentos caducados e residuos de envases de medicamentos.

– Envases de produtos fitosanitarios.

– Residuos urbanos catalogados como perigosos do fogar: fluorescentes, radiografías, envases de pintura, vernices, disolventes, aerosois, tóner de impresora, filtros de aceite e outros.

ARTIGO 6.-FRACCIÓNS DOS RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS.

De acordo con este sistema de recollida implantado para os residuos urbanos en Santiago de Compostela, os residuos municipais ordinarios deberán separarse en orixe nas seguintes fraccións residuais para proceder a súa correcta xestión:

1.-Fracción resto: enténdese por tal fracción a dos residuos urbanos que non se engloba en ningunha recollida selectiva.

Inclúe, entre outras, restos de alimentos sen envases, carne, peixe, ósos, verduras, compoñentes de celulosa, excrementos de animais domésticos, restos de roupa e xardinería, pelo, e papeis e cartóns impregnados de fluídos orgánicos.

2.-Fracción envases: comprende unha parte da fracción inorgánica dos residuos urbanos e inclúe, entre outros, envases plásticos fabricados con materiais plásticos nas súas diferentes composicións (PEBD, PEAD, PP, PS, PVC, PET, e calquera outro), latas, briks, metais, chapas, bolsas, botellas que non sexan de vidro e as tapas metálicas dos frascos. Quedan exceptuados outros elementos como poden ser aerosois, xoguetes, pequenos electrodomésticos, biberóns, luvas de goma, peites, cepillos de dentes, cazolas, tixolas e demais útiles de menaxe e en xeral outros elementos similares que se podan determinar por analoxía a estes supostos excluídos.

3.-Papel e cartón: comprende, entre outros, o papel impreso de xornais e revistas, o papel, caixas, envases e embalaxes compostos por estes materiais. Non se inclúen nesta fracción os papeis de celulosa de uso sanitario.

4.-Vidro: Inclúe os residuos de envases deste material, tales como botellas, tarros, botes e outros, todos eles baleiros e sen tapas, cortizas ou tapóns. Non se inclúen nesta fracción os cristais planos, espellos e cerámica.

ARTIGO 7.-CLASIFICACIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS SEGUNDO A SÚA ORIXE.

1.-Atendendo ao seu lugar de xeración e para os efectos desta ordenanza, os residuos municipais divídense en domiciliarios e non domiciliarios.

2.-Domiciliarios: pertencen a este grupo os residuos xerados nos fogares e domicilios particulares. Diferéncianse os seguintes fluxos de residuos:

a) A habitual bolsa de lixo, resultado da normal actividade doméstica, separada nas distintas fraccións ás que alude o artigo anterior.

b) Os móbeis e utensilios domésticos de liña branca e de liña marrón.

c) Os animais domésticos de compañía mortos (subproduto animal).

d) Calquera outra fracción de orixe doméstica catalogada como residuo urbano especial segundo o previsto no artigo 5.

3.-Non domiciliarios. Son aqueles residuos municipais que foron xerados en calquera outro lugar distinto ao fogar ou domicilio particular. Divídense en:

3.1. Comerciais: Os residuos xerados en comercios, oficinas, e servizos.

3.2. Os residuos procedentes da limpeza de vías públicas, zonas verdes, áreas recreativas, mercados, feiras, festas ou actos similares.

3.3. Calquera outros residuos cuxa natureza, composición ou cantidade se asimile aos xerados nos domicilios, comercios, oficinas ou servizos e non sexan consecuencia directa dun proceso industrial de produción ou transformación nin están catalogados como perigosos pola lexislación vixente.

4.-Con carácter xeral, os residuos de orixe domiciliaria proceden das actividades normais da vida da comunidade, preséntanse en dimensións manexábeis e deposítanse nos colectores normalizados existentes na vía pública de uso exclusivo.

ARTIGO 8.-TITULARIDADE DOS RESIDUOS.

1.-Para todos os efectos, os residuos municipais terán sempre un titular responsábel, calidade que corresponderá ao seu produtor, posuidor ou xestor.

2.-Unha vez entregados os residuos para a súa xestión consonte as prescricións contidas nesta ordenanza e na demais normativa aplicábel, o Concello adquire a propiedade sobre eles e os produtores, posuidores ou xestores quedan exentos de responsabilidade polos danos que estes residuos puidesen causar.

ARTIGO 9.-OBRIGAS E RESPONSABILIDADES DOS PRODUTORES OU POSUIDORES DE RESIDUOS.

1.-Os produtores ou posuidores de residuos municipais cuxa xestión obrigatoria corresponda ao Concello están obrigados a poñelos ao seu dispor para proceder ao seu reciclado, valorización ou eliminación así como ao pagamento das correspondentes taxas ou doutros tributos consonte as correspondentes ordenanzas fiscais.

2.-O Concello realizará as operacións de xestión a través de empresas concesionarias ou de calquera outra forma de xestión dos servizos.

3.-Mentres se atopan no seu poder, os posuidores de residuos municipais están obrigados a almacenalos nas debidas condicións de seguridade e hixiene, sen que supoñan ningún perigo nin produzan molestias, cheiros, insectos, lixiviados, dispersión ou calquera outra causa, cumprindo coa lexislación sanitaria correspondente.

4.-Para os efectos da súa correcta xestión e, se é o caso, para a recollida selectiva, os produtores ou posuidores de residuos municipais deberán separar en orixe as fraccións residuais sinaladas no artigo 6, os residuos especiais e os que se aluden no artigo 5.

5.-Os posuidores de residuos municipais cuxa xestión obrigatoria corresponda ao Concello que os entreguen a un terceiro non autorizado por este serán responsábeis solidarios con ese terceiro de calquera prexuízo que puidese derivarse. Así mesmo, responderá solidariamente das sancións que se poidan impoñer.

6.-Dos danos que se produzan nas distintas operacións de xestión como consecuencia de mala fe na entrega dos residuos, ou de falta de información sobre as características dos produtos entregados, será responsábel o produtor ou o axente que faga a entrega.

ARTIGO 10.-PROMOCIÓN DA SEPARACIÓN EN ORIXE E RECOLLIDA SELECTIVA.

1.-O Concello promoverá a colaboración cidadá para a óptima separación en orixe e recollida selectiva de residuos municipais mediante campañas informativas e divulgativas, dirixidas tanto á poboación en xeral como a colexios, institucións, asociacións veciñais, colectivos, comunidades de propietarios, etc.

2.-Así mesmo, o Concello elaborará guías de boas prácticas dirixidas tanto ao público en xeral como a sectores de actividade representativos.

3.-O Concello promoverá o consumo de produtos fabricados con materiais reutilizábeis e fomentaraos así mesmo na contratación pública de obras e subministracións.

ARTIGO 11.-PROHIBICIÓNS.

Prohíbese expresamente:

a) Abandonar, depositar, verter ou eliminar residuos en espazos públicos, marxes dos ríos, calzadas, camiños ou soares públicos e privados, de xeito incontrolado e con incumprimento das normas previstas nesta ordenanza.

b) Situar vehículos ou outros elementos diante dos colectores situados na vía pública ou de xeito que se impida a súa recollida polos operarios do servizo.

c) Mover ou trasladar os colectores da súa localización ou manipular os elementos de suxeición destes.

d) Manipular os residuos despois de que se depositaran nos colectores ou na vía pública nas modalidades de recollida que se realice directamente sobre ela (recollida de voluminosos, porta a porta de cartón comercial, etc.) ou romper ou abrir as bolsas de lixo, así como calquera outro acto que poida motivar a caída e diseminación de residuos pola vía pública.

e) Evacuar residuos na rede de sumidoiros ou no da canle pública, así como instalar trituradoras de residuos conectados á rede de saneamento.

f) Verter aceites ou outros líquidos de motor, así como pinturas, disolventes, vernices, combustíbeis líquidos, ou similares á rede de saneamento.

g) Incinerar residuos en todo o territorio municipal, coa excepción daquelas instalacións ou eventos autorizados. Non estarán permitidos os crematorios ou incineradores domésticos

TÍTULO II: XESTIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS

CAPÍTULO I: DOMICILIARIOS E DE PEQUENOS PRODUTORES

ARTIGO 12.-SISTEMA DE RECOLLIDA EN COLECTORES DE USO COLECTIVO.

1.-Para proceder á recollida das distintas fraccións de residuos ordinarios domiciliarios e de pequenos produtores será obrigatorio o seu previo depósito en colectores de uso colectivo situados na vía pública. Cada fracción deberá depositarse nos colectores específicos destinados para tal fin tal e como se dispón no punto seguinte:

2.-A tipoloxía de colectores na vía pública para cada tipo de fracción será a seguinte:

2.a) Colectores na vía pública específicos para as fraccións resto:

* Colector verde ou beige con tapa verde e colectores soterrados co indicativo correspondente.

2.b) Colectores na vía pública para as fraccións de papel-cartón, vidro envases e pilas:

* Colector azul ou con distintivo azul para o papel-cartón (modelos de superficie ou soterrados).

* Colector verde ou con distintivo verde para o vidro (modelos de superficie ou soterrados).

* Colectores de corpo amarelo con tapa amarela (modelos de superficie ou soterrados).

3.-Sen prexuízo do sinalado neste artigo, o Concello, atendendo a circunstancias urbanísticas, de minimización do impacto visual ou organizativas, poderá articular outros sistemas de recollida de residuos para as fraccións sinaladas segundo as zonas concretas da cidade, os cales poderán basearse en colectores soterrados ou outros sistemas de recollida. Unha vez implantados, estes sistemas adquirirán a condición de servizo de utilización obrigatoria para os veciños nos lugares que se implanten. O Concello ditará as normas complementarias a esta ordenanza que sexan precisas para regular as condicións en que prestará este servizo e en que o usuario utilizará estes sistemas.

4.-Así mesmo, o Concello poderá ampliar a tipoloxía de colectores sinalada neste mesmo artigo e situar os denominados “puntos limpos” para a separación en orixe e depósito doutras fraccións específicas de residuos ordinarios ou especiais.

5.-En ningún caso nin baixo ningún pretexto se deben entregar os residuos ao persoal encargado do varrido e rego das rúas.

ARTIGO 13.-LOCALIZACIÓN DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO.

1.-O Concello, logo do informe dos servizos técnicos, será o único competente para proceder á instalación de colectores na vía pública e determinará o seu número, volume e localización, tendo como premisa que entre os colectores e os domicilios ou lugares de produción exista a menor distancia posíbel atendendo sempre ás características urbanísticas, paisaxísticas e de poboación de cada zona, así como á operatividade dos servizos de recollida.

2.-Os colectores localizaranse segundo puntos ou áreas estratéxicas de achega, que poderán estar compostas por varias unidades das diferentes tipoloxías para o depósito das correspondentes fraccións en función da poboación a que afecten. A súa situación realizarase de tal xeito que, sen alterar en exceso a estética do contorno, non dificulten o tráfico nin as manobras de aparcamento dos vehículos, ocupando a mínima superficie posíbel.

3.-O Concello poderá estabelecer outros sistemas para a situación de colectores na vía pública tales como reservas de espazos (bolardos, arcos de suxeición, defensas, etc.) ou recuamentos nas beirarrúas se polas características urbanísticas ou paisaxísticas da zona resultasen máis apropiados.

4.-Queda prohibido desprazar os colectores e alterar as localizacións indicadas polos servizos técnicos do Concello, así como calquera manipulación nestes que puidese dar orixe a situacións perigosas ou que dificulte a recollida por parte do persoal autorizado.

ARTIGO 14.-RECOLLIDA DE RESIDUOS E LOCALIZACIÓN DE COLECTORES EN NOVAS URBANIZACIÓNS E EDIFICACIÓNS.

1.-Nas novas urbanizacións non se situarán colectores nas vías públicas para a súa recollida polo servizo municipal, nin se recollerán os residuos municipais ordinarios, ata que non se acredite a obtención da correspondente acta de recepción da urbanización. Esta mesma regra será de aplicación para as edificacións que substitúan antigos inmóbeis no casco urbano consolidado e incrementen en máis dun 100% o número de ocupantes respecto á vivenda precedente.

Ata que non se acrediten os mencionados documentos, a xestión de residuos correrá por conta do titular da obra.

2.-En todo caso, e para os efectos da correcta e axeitada planificación do servizo, deberán someterse a informe do Concello os proxectos e licenzas de urbanización co fin de que se poida definir a correcta localización de colectores e o número e tipoloxía dos que deberán situarse, a necesidade ou non de realizar entrantes nas calzadas ou, se é o caso, a posíbel adopción doutros sistemas de colocación de colectores na vía pública máis adaptados e integrados na urbanística do contorno co fin de minimizar o seu impacto visual.

Nas correspondentes licenzas urbanísticas poderá obrigarse aos titulares á realización pola súa costa das obras correspondentes e á adquisición dos colectores. En caso de novos edificios que substitúan outros anteriores, os colectores serán sufragados polo Concello.

ARTIGO 15.-COLECTORES DE USO EXCLUSIVO OU PARTICULAR PARA RESIDUOS DOMICILIARIOS E DE PEQUENOS PRODUTORES.

Nos barrios ou zonas da cidade que así se determine debido ás súas características particulares, como o casco histórico, vivendas unifamiliares etc., ou debido ás características de certo tipo de actividades polos seus horarios, atención continuada, etc., o Concello poderá organizar outros sistemas de recollida tales como a utilización de colectores de uso exclusivo ou particular e para todas ou algunhas das fraccións dos residuos ordinarios.

ARTIGO 16.-LIMPEZA E MANTEMENTO DOS COLECTORES DE USO COLECTIVO.

1.-O Concello realizará os labores de limpeza, conservación e mantemento dos colectores de uso colectivo, dos seus elementos de suxeición e dos espazos que ocupan a través das correspondentes empresas concesionarias.

2.-Nos casos demostrados de fin de vida útil dos elementos ou desaparición, falta ou deterioro grave dalgún deles -como rodas, tapas ou suxeicións- serán repostos coa maior brevidade posíbel por parte do Concello.

ARTIGO 17.-PRESENTACIÓN DOS RESIDUOS ORDINARIOS.

1.-Os residuos correspondentes ás fraccións restos e envases entregaranse e depositaranse nos colectores sempre en bolsas de plástico, debidamente pechadas e consistentes, co fin de evitar a súa dispersión e os vertidos á vía pública así como os danos ou feridas ao persoal que os manexe.

2.-Os residuos das fraccións de papel-cartón, vidro e pilas deberán depositarse unitariamente e sen bolsa nos colectores dispostos para tal fin ou nos puntos de entrega determinados para o servizo de recollida comercial. O papel-cartón depositarase pregado ou dobrado e os envases de vidro baleiros e sen tapas.

3.-As pilas deberán depositarse unitariamente, sen bolsa, nos colectores dispostos para tal fin.

ARTIGO 18.-NORMAS DE UTILIZACIÓN DOS COLECTORES.

1.-Deberán observarse as seguintes normas de uso:

a) Para cada fracción de residuos ordinarios, utilizarase o colector correspondente.

b) Utilizaranse os colectores máis achegados ao lugar de produción. Se un colector se atopase cheo, os residuos depositaranse no colector máis próximo para idéntica fracción de residuos, evitando os desbordamentos.

c) En xeral, os residuos de gran tamaño partiranse ou dobraranse para que ocupen o menor volume posíbel antes de depositalos no colector correspondente.

d) O Servizo Municipal de Limpeza depositará os residuos procedentes da limpeza manual de rúas e do baleirado de papeleiras no colector de restos.

e) Cumprirase cos horarios de depósito estabelecidos nesta ordenanza.

f) Deberase pechar a tapa do colector logo de depositar os residuos; nunca deberá deixarse aberta, evitando así a dispersión de residuos e a entrada de auga ou animais.

2.-Queda expresamente prohibido:

a) Depositar bolsas ou residuos soltos fóra do colector ou na vía pública.

b) Depositar residuos ordinarios sen os separar nas correspondentes fraccións, en colectores ou receptáculos distintos aos asignados para cada fracción ou en colectores dispostos na vía pública para outra clase de residuos (obras, etc.).

c) Depositar residuos ordinarios nos colectores non homologados polo Concello.

d) Depositar residuos en colectores asignados a uso exclusivo, agás polo seu titular.

e) Introducir nos colectores residuos voluminosos do fogar, animais de compañía mortos, residuos de construción e demolición, así como todos aqueles que poidan producir avarías no sistema mecánico dos vehículos de recollida ou danos ao colector.

f) Depositar nos colectores situados na vía pública algún dos residuos definidos como especiais no artigo 5 desta ordenanza.

g) Depositar residuos líquidos ou susceptíbeis de se licuaren así como aqueles que poidan producir lixiviación nos colectores ou na vía pública. Do mesmo xeito, depositar materiais en combustión ou que conteñan elementos inflamábeis, explosivos, nocivos ou perigosos.

h) Depositar residuos de papel-cartón na vía pública, agás no caso dos estabelecementos adheridos ao sistema de recollida comercial.

i) Depositar residuos da fracción resto ou envases sen bolsa nos colectores, no interior de caixas ou paquetes ou a granel.

ARTIGO 19.-HORARIO PARA O DEPÓSITO DE RESIDUOS EN COLECTORES.

1.-Fraccións resto.

Os residuos domiciliarios deberanse colocar nos colectores da vía pública para a súa recollida polo servizo municipal a partir das 21.00 horas, nos días en que se realice a recollida consonte o estabelecido no parágrafo seguinte.

A recollida dos residuos polo servizo municipal realizarase todos os días da semana exceptuando domingos e festivos. Nas rúas do Ensanche e do Casco Histórico tamén se realizará recollida os domingos e festivos exceptuando o 24 e o 31 de decembro e o día 3 de novembro, festividade de San Martín de Porres.

Nas parroquias e núcleos rurais a recollida realizarase en días alternos.

O Concello poderá estabelecer horarios especiais en virtude de convenios de colaboración con determinados sectores ou colectivos.

2.-Fraccións de papel-cartón, vidro, envases e pilas.

O papel-cartón poderá depositarse a calquera hora do día nos colectores específicos dispostos na vía pública para este fin.

O vidro poderá depositarse ao longo do día, entre as 8.00 e as 22.00 horas, nos colectores específicos situados na vía pública para esta tipoloxía de residuos.

Os estabelecementos comerciais que utilicen o servizo de recollida comercial (e os estabelecementos de hostalería e restauración adheridos ao sistema de recollida porta a porta de vidro), así como os centros colaboradores, deberán depositar estas modalidades nos días, horarios e forma estabelecidos para este tipo de recollida ou que se poidan estabelecer no futuro segundo o disposto no artigo 27.

CAPÍTULO II: RESIDUOS NON DOMICILIARIOS DE ORIXE COMERCIAL

ARTIGO 20.- RECOLLIDA MEDIANTE COLECTORES DE USO EXCLUSIVO OU PARTICULAR.

1.-Os produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial, (supermercados, grandes superficies…) e hostaleira deberán depositar os seus residuos en colectores de uso exclusivo particular.

2.-Estes colectores serán exclusivamente para a fracción resto e envases.

3.-A tipoloxía dos colectores de uso exclusivo ou particular para cada tipo de fracción será a seguinte:

* Colectores verdes con tapa verde, para o depósito da fracción resto.

* En función do volume terán colectores de envases (amarelo), vidro e cartón.

4.-Estes colectores estarán situados no interior dos estabelecementos ou locais de negocio e o produtor ou posuidor dos residuos será o responsábel de os poñer ao dispor do servizo de recollida.

5.-Toda solicitude de colectores levará emparellado un estudo da inspección municipal relativo ao volume de residuos xerados pola actividade de que se trate co fin de autorizar os colectores adecuados e de evitar a súa presenza indiscriminada na vía pública. Do resultado do estudo poderá concluírse a necesidade de agrupamento de colectores para varias actividades ou a necesidade de limitar ou ampliar o número máximo sinalado en atención ás circunstancias urbanísticas da zona ou ás peculiaridades da actividade de que se trate.

6.-Os titulares dos colectores serán responsábeis do seu lavado e limpeza, mentres que o mantemento correrá por conta do Concello.

En caso de fin da vida útil do colector por uso normal e adecuado, logo da correspondente inspección municipal, este será debidamente reposto coa maior brevidade posíbel.

ARTIGO 21.- RECINTOS PARA A COLOCACIÓN DE COLECTORES DE GRANDES PRODUTORES DE RESIDUOS NON DOMICILIARIOS DE ORIXE COMERCIAL.

1.-Os hoteis, grandes superficies comerciais, mercados, froiterías, centros sanitarios de nova construción e, en xeral, calquera gran produtor, están obrigados a dispor de recintos para a colocación de colectores no interior da súa instalación. A non disposición destes recintos implicará a non recollida polo servizo municipal. Exceptúanse desta obriga aqueles produtores cos que se estabelezan convenios de colaboración.

ARTIGO 22.-NORMAS DE UTILIZACIÓN DOS COLECTORES.

1.-Deberán observarse as seguintes normas de uso:

a) Cumprir os horarios de colocación e retirada da vía pública e acceso a recintos.

b) Para a súa recollida polos servizos municipais colocaranse na beirarrúa o máis cerca posíbel do bordo e sen entorpecer o tránsito de persoas ou automóbiles.

c) Cumprir cos labores de lavado e limpeza segundo o estabelecido no artigo 20.6.

d) Manipulalos de forma que non se produzan deterioro graves.

e) Observar as prescricións contidas no artigo 18 (presentación dos residuos ordinarios).

f) Observar as normas de uso estabelecidas nos apartados a), c) e f) do artigo 19.1 (utilización de colectores de uso exclusivo).

g) Deixar en perfectas condicións de limpeza a superficie da vía pública ocupada polos colectores.

2.-Queda expresamente prohibido:

a) Non cumprir cos horarios de colocación e retirada previstos no artigo seguinte.

b) Utilizar colectores de uso exclusivo dos que non sexa titular.

c) Utilizar colectores de uso colectivo por parte de produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial (supermercados e grandes superficies).

d) Será de aplicación o disposto nos apartados a), b), e), f), g), h), i), do artigo 19.2 (utilización dos colectores de uso colectivo).

ARTIGO 23.- HORARIOS.

1. Os produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial deberán colocar os colectores na vía pública para a recollida dos residuos polo servizo municipal a partir das 21.00 horas. Así mesmo, deberán retiralos ao interior dos seus estabelecementos antes das 8.00 horas.

2. A recollida dos residuos polo servizo municipal realizarase todos os días da semana exceptuando domingos e festivos. Nas rúas do Ensanche e do Casco Histórico tamén se realizara recollida os domingos e festivos exceptuando o 24 e 31 de decembro e o día 3 de novembro, festividade de San Martín de Porres patrón do persoal do servizo da limpeza.

3. Por causas debidamente xustificadas, ou en virtude de convenios de colaboración específicos, o Concello poderá acordar outros horarios, como é o caso dos supermercados ou grandes superficies comerciais.

4. Os grandes produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial deberán permitir ao servizo municipal de recollida o acceso aos seus recintos de colectores para realizar a recollida, se fose necesario.

CAPÍTULO III: SERVIZO MUNICIPAL DE RECOLLIDA DE RESIDUOS MUNICIPAIS ORDINARIOS

ARTIGO 24.-RECOLLIDA SELECTIVA XERAL DE RESIDUOS.

1.-A recollida selectiva é un servizo municipal de prestación obrigatoria e será realizado pola empresa concesionaria do Concello, que utilizará os medios adecuados para garantir a recollida óptima e segregada de cada unha das fraccións depositadas selectivamente pola cidadanía.

O Concello fomentará a sinatura de convenios de colaboración con sectores de actividade representativos e grandes produtores co fin de conseguir unha óptima xestión dos residuos municipais.

Os posuidores de residuos municipais poderán organizar sistemas propios de xestión promovidos, aprobados ou autorizados pola Administración municipal.

2.-A recollida de colectores no núcleo urbano, tanto da fracción resto como da fracción envases, efectuarase diariamente en horario nocturno, a partir das 22.00 horas. Naquelas zonas e lugares máis afastados do núcleo e con menor densidade de poboación, así como naquelas que así se definan por circunstancias técnicas ou organizativas, a recollida efectuarase coa frecuencia e no horario que en cada caso se estabeleza.

3.-A recollida das fraccións de papel/cartón e vidro realizarase antes de que os colectores se enchan por completo, sendo a empresa concesionaria a responsábel de programar a recollida en función das necesidades e supervisada por técnicos municipais.

4.-As empresas concesionarias do servizo poderán utilizar mecanismos para determinar a cantidade e adecuada segregación dos residuos por parte dos usuarios, como sistemas de pesado ou inspeccións in situ.

5.-En caso de que a empresa concesionaria non puidese realizar os labores de recollida por imposibilidade de acceso aos colectores, a xestión dos residuos correrá por conta daquel ou daqueles que a imposibilitaran, sufragando os custos correspondentes.

6.-A presenza de automóbiles ou de calquera outro elemento ou circunstancia que imposibilite ou dificulte os labores de recollida será considerada como infracción grave e imputarase a responsabilidade a aquel ou a aqueles que a provocaron.

ARTIGO 25.-OPERACIÓNS QUE COMPRENDE A RECOLLIDA SELECTIVA.

O servizo municipal de recollida selectiva axuda á realización das seguintes actuacións:

a) Recollida, traslado e baleirado dos colectores de cada fracción en vehículos de recollida.

b) Devolución dos colectores, unha vez baleirados, aos puntos orixinarios, debidamente colocados, coa apertura da tapa cara ao o interior da beirarrúa e debidamente suxeitados ou ancorados.

c) Retirada dos restos vertidos na vía pública como consecuencia destas operacións e limpeza desta de ser necesario.

d) Transporte e descarga dos residuos na Planta de Transferencias de Formarís ou no lugar ou instalación designada polo Concello.

ARTIGO 26.-RECOLLIDAS ESPECÍFICAS DE CARTÓN, VIDRO E PORTA A PORTA.

Co fin de alcanzar as maiores cotas de reciclaxe para as fraccións de papel-cartón e vidro e achegar as infraestruturas de recollida á cidadanía, co fin de facilitar a separación de orixe, o Concello poderá dispoñer das seguintes modalidades de recollida:

1.-RECOLLIDA DE CARTÓN COMERCIAL.

Os estabelecementos comerciais xeradores de cartón ou papel poderán voluntariamente utilizar este servizo de recollida diúrna nas zonas comerciais da cidade en que se implante e de acordo coas seguintes normas:

a) As caixas de cartón deberán dobrarse e pregarse ao máximo para que ocupen o menor espazo posíbel e ser atadas para facilitar a súa recollida manual. En caso de ter papel, este deberá ser introducido en caixas de cartón ou en bolsas de papel, nunca en bolsas de plástico.

b) Deberá depositarse este residuo diante da fachada de cada estabelecemento, en caso de que a ruta de recollida pase por diante del, ou nos puntos de achega definidos polo Concello para aqueles estabelecementos situados en rúas próximas á ruta.

c) A disposición dos residuos na vía pública non poderá afectar ao tránsito de persoas ou automóbiles e adoptaranse as medidas necesarias para evitar o seu impacto visual.

d) O Concello fará pública a relación de rúas incluídas neste servizo e os horarios de depósito. Así mesmo, e en colaboración coas asociacións de comerciantes, realizará as oportunas campañas informativas.

Esta recollida efectuarase de luns a venres a partir das 20 horas no Casco Histórico e a partir das 22 horas no Ensanche.

2.-RECOLLIDA DE VIDRO DE HOSTALERÍA E RESTAURACIÓN.

No Casco Histórico, os bares, cafeterías, pubs, discotecas e restaurantes xeradores de vidro poderán voluntariamente utilizar este servizo de recollida nas rúas e zonas en que se implante consonte as seguintes normas:

a) O vidro deberá depositarse en bidóns ou colectores autorizados polo Concello, procurando que a cantidade introducida non dificulte a recollida aos operarios de servizo.

b) A recollida efectuarase nun horario en que estes estabelecementos permanezan abertos, de forma que os bidóns ou colectores sexan dispostos para a súa recollida por parte do persoal do estabelecemento e retirados ao interior inmediatamente despois de realizar o servizo.

c) O Concello fará pública a relación de rúas incluídas neste servizo e os horarios de depósito. Así mesmo, e en colaboración coas asociacións representativas destes sectores, realizará as oportunas campañas informativas.

ARTIGO 27.-RECOLLIDA DA FRACCIÓN RESTO DOS RESIDUOS DE ESTABELECEMENTOS DE HOSTALERÍA DO CASCO HISTÓRICO.

1.-Os locais de hostalería do Casco Histórico deberán depositar os residuos procedentes da súa actividade no interior dos colectores de que dispoñen, debidamente identificados, situándoos na porta do seu estabelecemento ao dispor do servizo de recollida de lixo no momento concreto en que se efectúe a recollida que comezará ás 22.30 horas.

2.-Estes estabelecementos conservarán no seu interior os residuos que vaian ser retirados ata o momento en que se preste o servizo.

3.-Os responsábeis dos estabelecementos deberán proceder á retirada dos colectores unha vez sexan baleirados, tras a finalización do servizo, introducíndoos de novo no interior dos seus estabelecementos.

ARTIGO 28.-OUTRAS RECOLLIDAS ESPECÍFICAS DE RESIDUOS ORDINARIOS.

O Concello poderá estabelecer, directamente ou como resultado da sinatura de convenios de colaboración, recollidas específicas para xeradores singulares de fraccións residuais susceptíbeis de recollida selectiva.

ARTIGO 29.-PROGRAMACIÓN DE SERVIZOS.

O Concello fará pública e divulgará coa suficiente antelación calquera modificación relativa á frecuencia, horario ou forma de prestación dos distintos servizos de recollida municipal, a excepción das disposicións ditadas pola Alcaldía en casos de emerxencia.

TÍTULO III: XESTIÓN DOS RESIDUOS MUNICIPAIS ESPECIAIS

CAPÍTULO I: VOLUMINOSOS

ARTIGO 30.-CONCEPTO E CLASIFICACIÓN.

1.-Enténdense por tales os residuos municipais integrados polos electrodomésticos, móbeis, colchóns, somieres e utensilios vellos que proveñen das actividades domésticas de reparación ou substitución do equipamento da vivenda que polo seu tamaño ou características morfolóxicas especiais non poden ser retirados polo servizo de recollida convencional, sendo necesario un servizo de recollida específico. Quedan excluídos dos residuos anteriormente indicados os que como consecuencia dunha normativa de orde superior teñan regulada unha xestión ou recollida diferente.

2.-Clasifícanse en:

* Voluminosos de liña branca: lavadoras, lavalouzas, neveiras e similares.

* Voluminosos de liña gris: televisores, ordenadores e similares.

* Voluminosos de liña marrón: colchóns, somieres, sofás, armarios e demais mobiliario e equipamento.

ARTIGO 31.-XESTIÓN DOS VOLUMINOSOS.

1.-As persoas que desexen desprenderse de residuos domésticos voluminosos poden facer uso do servizo especial de recollida de voluminosos regulado no artigo seguinte e que implica a recollida destes residuos na vía pública.

No punto limpo serán admisíbeis este tipo de residuos nas condicións de entrega que para iso se estabelezan.

2.-Queda expresamente prohibido o depósito destes residuos na vía pública sen comunicación previa ao teléfono 981 565 469 (empresa concesionaria do servizo) e a confirmación do depósito tal e como se dispón no artigo seguinte. Tal feito será considerado como falta grave.

ARTIGO 32.-SERVIZO ESPECIAL DE RECOLLIDA DE VOLUMINOSOS.

1.-Este servizo, de balde, funciona de luns a venres en horario nocturno.

2.-Como regra xeral só se permite o depósito diario de catro unidades por posuidor de calquera destes residuos.

3.-Non se permite o depósito daqueles elementos que para o seu manexo sexa necesario o emprego de medios mecánicos tales como guindastres, poleas, etc., ou aqueles que non están preparados para o seu inmediato traslado. Nestes casos, o seu propietario ou posuidor deberá xestionalos pola súa conta.

4.-O usuario do servizo colocará os residuos sobre a beirarrúa, ao lado dos colectores domiciliarios colectivos máis próximos e nos horarios acordados coa empresa concesionaria do servizo, para que poidan ser retirados por esta.

5. Queda prohibido o abandono deste tipo de residuos na vía pública ou en soares ou terreos tanto públicos como privados, agás os que estean á espera de seren retirados polo servizo especial de recollida.

6.-Calquera posuidor destes residuos que desexe utilizar o servizo deberá chamar o teléfono de atención 981 565 469 indicando o seu nome, enderezo, teléfono de contacto e realizando unha descrición dos residuos que desexa depositar na vía pública.

CAPÍTULO II: ANIMAIS DOMÉSTICOS MORTOS

ARTIGO 33.-INCLUSIÓNS E EXCLUSIÓNS.

1.-Serán considerados subprodutos animais os cadáveres ou restos de animais de compañía, das especies canina e felina, así como doutras especies que convivan no fogar co mesmo obxecto.

2.-Quedan excluídos desta ordenanza os cadáveres ou restos de animais mortos procedentes de vacarizas, cortes, cuadras e currais de gando e aves; nestes casos, os seus propietarios ou posuidores están obrigados a xestionalos consonte o disposto na normativa correspondente.

ARTIGO 34.-PROHIBICIÓNS E OBRIGAS.

1.-Queda expresamente prohibido:

a) Abandonar ou depositar cadáveres ou restos de animais na vía pública, en soares e en calquera clase de terreo público ou privado.

b) Depositar cadáveres de animais nos colectores de residuos ou nos de obras, e nas súas proximidades, así como nas papeleiras.

a) Inhumar cadáveres ou restos de animais ou realizar calquera práctica de soterramento animal en todo o termo municipal, exceptuando os casos e nas condicións reguladas por normativa de rango superior.

c) Incinerar a título particular cadáveres de animais.

2.-Deberá comunicarse o Concello o achado dun animal morto na vía pública, ben a través da Policía Local ou mediante aviso ao Departamento de Medio Ambiente.

ARTIGO 35.-XESTIÓN DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS MORTOS.

1.-Calquera posuidor ou propietario dun animal doméstico morto poderá desprenderse del a través do servizo municipal correspondente, que procederá á súa recollida, transporte e eliminación mediante cremación, aboando o propietario ou posuidor do animal as taxas municipais correspondentes, que cubrirán todas estas operacións de xestión.

2.-Non obstante, calquera posuidor ou propietario poderá levalo directamente a Refuxio Municipal co fin de que se proceda á súa eliminación por cremación, aboando exclusivamente a taxa correspondente a esta operación de xestión.

3.-O disposto no número anterior enténdese sen prexuízo das obrigas que incumben a todo propietario ou posuidor de comunicar a baixa do animal e as causas da súa morte cando así o estabelezan outras ordenanzas ou normativas.

4.-Para poder acceder a este servizo, o propietario ou posuidor do animal deberá cubrir un impreso no que se lle fará constar o número de animais domésticos mortos e as súas causas da morte.

Pola súa parte, o Refuxio Municipal emitirá un informe con todos os datos e circunstancias relacionadas co servizo, incluíndo as taxas que debe pagar o posuidor do animal.

ARTIGO 36.-DISPOSICIÓN DOS CADÁVERES DE ANIMAIS DOMÉSTICOS MORTOS.

1.-Para a súa recollida, transporte ou eliminación, os cadáveres e restos de animais de compañía mortos deberán presentarse introducidos en bolsas de plástico resistentes, perfectamente pechadas e de tamaño suficiente para cubrir a totalidade do animal. Cada animal deberá ir nunha bolsa independente.

O servizo municipal poderá rexeitar algún cadáver ou resto se considera que é necesario adoptar determinadas medidas de prevención atendendo á causa da morte ou ao número de días transcorridos desde a súa morte.

2.-Os veterinarios e clínicas veterinarias que desexen utilizar estes servizos deberán dispoñer de sistemas de refrixeración axeitados para manter os cadáveres e restos en perfectas condicións biolóxicas e aptos para a súa recollida e manipulación.

ARTIGO 37.-TRATAMENTO DOS ANIMAIS MORTOS.

Os animais mortos recollidos polo Refuxio Municipal de Animais, os recollidos en vías públicas pola empresa concesionaria do servizo de limpeza e os entregados directamente ao Refuxio serán incinerados, seguindo as máximas directrices de seguridade, hixiene e salubridade pública.

CAPÍTULO III: RESIDUOS DE CONSTRUCIÓN E DEMOLICIÓN DE OBRAS EN XERAL

Neste título regúlanse as condicións relativas á correcta xestión dos residuos de construción e demolición e obras en xeral, así como as condicións de utilización da vía pública para a instalación de colectores de obra.

ARTIGO 38.-PROHIBICIÓNS.

Prohíbese expresamente o depósito directo, abandono e vertido dos residuos de construción, demolición e de obras en xeral nos seguintes lugares:

a) Na vía pública, marxes dos ríos, estradas ou camiños, soares e terreos públicos que non foran autorizados expresamente para tal finalidade. A acumulación de materiais de obra e os almacenamentos temporais de materiais ou elementos mecánicos destinados á obra en calquera destes lugares deberán estar, así mesmo, expresamente autorizados e pagaranse as taxas fiscais correspondentes.

b) Terreos de propiedade particular, excepto nos casos en que o seu propietario ou posuidor dispoña da obrigada autorización emitida por unha autoridade competente, que deberá acreditar ante a autoridade municipal. A falta de autorización, os propietarios ou posuidores responderán solidariamente cos causantes dos danos que o depósito, abandono ou vertido destes residuos poidan producir ao medio ambiente, así como do menoscabo da hixiene ou do ornato público.

ARTIGO 39.-RESIDUOS PROCEDENTES DE OBRAS MENORES DE CONSTRUCIÓN E DE REPARACIÓN DOMICILIARIA.

1.-Considéranse obras menores de construción e de reparación domiciliaria as de técnica sinxela e escasa entidade construtiva e económica que non supoñan alteración do volume, do uso, das instalacións e servizos de uso común ou do número de vivendas e locais, que non afecten ao deseño exterior, á cimentación, á estrutura ou ás condicións de habitabilidade ou seguridade dos edificios ou instalacións de calquera clase.

2.-Prohíbese o depósito de residuos procedentes de obras menores de construción ou de reparación domiciliaria na vía pública e nos colectores de uso colectivo situados na vía pública.

ARTIGO 40.-RESIDUOS DE CONSTRUCCIÓN E DEMOLICIÓN.

As empresas xestoras deberán cumprir co disposto na normativa galega relativa aos residuos de construción e demolición e obter á autorización administrativa previa e inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia. Esta autorización poderá ser solicitada pola autoridade municipal.

Os produtores ou posuidores de residuos de construción e demolición que non se fagan cargo directamente da xestión dos seus residuos e os entreguen a terceiros que non teñan a condición de xestores autorizados para a súa recollida, transporte ou tratamento e estean inscritos no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia, responderán solidariamente con eles de calquera dano que poida producirse pola incorrecta xestión dos residuos.

ARTIGO 41.-COLECTORES DE OBRA DE VÍA PÚBLICA.

1.-Naquelas obras en que a produción de residuos sexa superior a un metro cúbico será necesaria a instalación de colectores de obra. Cando eses colectores deban ocupar a vía pública, fóra dos espazos delimitados por valados protectores, será de aplicación o disposto nos artigos seguintes.

2.-Enténdese por colectores de obra os recipientes normalizados deseñados para seren cargados e descargados sobre vehículos de transporte especial e que se destinan á recollida de residuos de construción e demolición.

3.-A instalación destes colectores estará sometida a licenza.

ARTIGO 42.-CARACTERÍSTICAS DOS COLECTORES DE OBRA.

1.-Os colectores de obra que se poden instalar na vía pública divídense en ordinarios (de cadeas) e especiais (de arrastre e outros). Serán metálicos e cunha capacidade máxima de 7 metros cúbicos. As súas medidas máximas serán de 3,50 metros de longo pola súa parte inferior, 4,50 metros pola superior, 2,20 metros de ancho e 1,50 metros de alto.

2.-Os ordinarios ou de cadeas serán utilizados nas rúas con beirarrúas e calzadas pavimentadas. Para evitar danos no pavimento deberán dispor de topes inferiores forrados con elementos elásticos tipo goma de caucho.

3.-Os de arrastre non poderán dispor de rodetes metálicos. Para evitar danos no pavimento deberán contar, se é o caso, cunha prancha elástica entre o colector e o pavimento.

4.-Deberán estar pintados cunha franxa reflectora nas súas esquinas e iluminaranse de noite en vías insuficientemente iluminadas cando se atopen ocupando un carril de circulación, de xeito que se permita a súa visibilidade.

5.-O Concello poderá autorizar outros sistemas ou elementos para depositar os residuos de construción e demolición sempre que se cumpran as normas e obxectivos xerais previstos nesta ordenanza.

6.-Os colectores de obra só poden ser utilizados polos titulares da licenza de obra que os contratara, agás autorización expresa destes, e unicamente para o depósito de residuos de construción e demolición.

ARTIGO 43.-EMPRESAS DEDICADAS Á INSTALACIÓN DE COLECTORES DE OBRA E COMUNICACIÓN DA INSTALACIÓN.

1.-As empresas dedicadas á subministración e instalación de colectores de obra, para a súa recollida e transporte, deberán posuír a condición de xestoras autorizadas e estar inscritas no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia para a realización de tal actividade.

ARTIGO 44.-SITUACIÓN DOS COLECTORES DE OBRA.

1.-Situaranse segundo as indicacións da Policía Municipal e permitirase, como norma xeral, a utilización dun único colector de obra. A instalación dun número superior requirirá autorización expresa.

2.-Deben colocarse de xeito que o seu lado máis longo estea paralelo á beirarrúa, agás nos lugares en que se permita estacionar en batería.

3.-Situaranse en calzadas onde estea permitido o estacionamento. Non poderán colocarse en pasos de peóns, pasaxes, paradas ou reservas de estacionamento, salvo que estas fosen solicitados polos titulares da obra e fosen debidamente autorización.

4.-Non poderán situarse sobre beirarrúas cando, unha vez deducido o espazo ocupado polos valos, se é o caso, e colocado o colector, non quede, como mínimo, unha zona libre de paso dun metro. Será necesario cumprir, en todo caso, a normativa vixente en canto a accesibilidade e barreiras arquitectónicas.

5.-Non se permitirá a colocación de colectores de obra nas calzadas sen a previa autorización municipal.

6.-Non poderán colocarse os colectores ocupando total ou parcialmente as tapas de acceso de servizos públicos, sobres os alcouves das árbores nin, en xeral, sobre calquera elemento urbanístico ou estético de xeito que se dificulte a súa utilización.

7.-Non poderá moverse nin desprazarse ningún elemento de mobiliario urbano. Se fose absolutamente necesario, requirirase autorización municipal sobre tal extremo e farase constar na comunicación previa.

8.-Nos supostos en que sexa necesario o estacionamento en lugares non permitidos precisará unha licenza previa coa correspondente liquidación.

9.-Deberán observarse en todo momento as normas estabelecidas no Código e na Ordenanza municipal de circulación, co obxectivo de non obstaculizar ou dificultar a circulación de vehículos, especialmente nos cruces, e de que non supoña perigo para estes ou para as persoas.

A Policía Local poderá ordenar a inmediata retirada dun colector ou colectores que, a xuízo dos axentes, poidan resultar perigosos para a circulación de vehículos ou de persoas, ou causar graves problemas a circulación do tráfico na zona, debendo comunicar tal situación ao Concello.

ARTIGO 45.-NORMAS DE UTILIZACIÓN DOS COLECTORES DE OBRA.

1.-Os colectores non poderán ser arrastrados, nin para a súa colocación nin para a súa retirada. Se fose o caso, deberá instalarse un forro na calzada para evitar o deterioro da mesma.

2.-A súa instalación e retirada realizarase sen causar molestias ás persoas ou bens e procurando, na medida do posíbel, non entorpecer o tráfico rodado e respectar os horarios de carga e descarga cando estean estabelecidos na zona.

3.-A carga dos residuos e materiais non rebordará o nivel do límite superior da caixa do colector, a non ser que se autorice a instalación de elementos adicionais para aumentar a capacidade de carga.

4.-Os colectores non deben rebordar materiais e deben manterse cubertos.

5.-Non se poderán verter residuos líquidos ou susceptíbeis de se licuaren que poidan producir lixiviación nos colectores ou na vía pública, materiais en combustión ou que conteñan elementos inflamábeis, explosivos, nocivos, perigosos ou susceptíbeis de podrecer ou de producir cheiros desagradábeis.

6.-Unha vez rematado o horario de traballo deben manterse cubertos con tapas para evitar vertidos á vía pública ou o espallamento polo vento dos materiais que conteñen, así como a súa manipulación por terceiras persoas.

7.-Na instalación, uso e retirada destes colectores deberá deixarse a vía pública e o seu contorno inmediato en perfecto estado de limpeza.

ARTIGO 46.-HORARIOS DE PERMANENCIA DOS COLECTORES DE OBRA NA VÍA PÚBLICA.

Os colectores de obra poderán estar instalados na vía pública desde as 8.00 horas do luns ata as 20.00 horas do venres. Queda prohibida a súa permanencia na vía pública os sábados, domingos e días festivos, e é obrigatoria a súa retirada antes das 20.00 horas do día anterior. Este horario poderá ser restrinxido para adaptarse á peculiaridade da zona (rúas peonís, prazas, Casco Histórico, etc.).

Procederase á retirada dos colectores cheos nun prazo non superior a catro horas.

ARTIGO 47.-IDENTIFICACIÓN DOS COLECTORES DE OBRA.

En cada colector deberá constar:

-Nome e razón social, domicilio e teléfono da empresa propietaria

-Número de identificación do contedor

-Número de inscrición no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia da empresa xestora dos residuos.

ARTIGO 48.-RESPONSABILIDADE.

1.-A empresa propietaria do colector de obra, o titular da licenza de obra, o construtor ou contratista, os promotores, propietarios e, en todo caso, quen o contratara, responderán solidariamente dos danos causados no pavimento e noutros elementos da vía pública, con independencia da obriga de comunicalos de inmediato ao Concello.

Así mesmo, responderán solidariamente do incumprimento das normas previstas neste título relativas á situación e uso, podendo o Concello, con independencia das sancións que puidesen derivarse, retirar ou ordenar o depósito de todo colector ou elemento similar situado na vía pública, imputando solidariamente os custos de retirada, xestión de residuos e limpeza viaria.

2.-En todo caso, a imposición de sanción ou apertura de expediente sancionador non será incompatíbel coa potestade do Concello de retirar os colectores de obra da vía pública e imputar o custo dos servizos de retirada, limpeza e xestión dos residuos a quen resulte, en cada caso, obrigado.

CAPÍTULO IV: OUTROS RESIDUOS ESPECIAIS

ARTIGO 49.-RESIDUOS DE PODA E XARDINERÍA.

Os residuos orgánicos dos particulares derivados de operacións de roza, sega e poda só poderán depositarse nos colectores situados na vía pública cando non superen os 60 litros (o equivalente a 1/4 de capacidade dun colector verde situado na vía pública para uso colectivo).

ARTIGO 50.-PILAS USADAS.

1.-As pilas usadas deberán segregarse do fluxo de residuos convencional e depositarse:

a) Nos colectores específicos para este tipo de residuos situados en centros comerciais e centros colaboradores do Concello para este fin.

b) Nos colectores específicos incorporados a algúns colectores de vidro ou de envases lixeiros.

2.-Calquera estabelecemento comercial de venda de artigos que impliquen o uso de pilas, institucións públicas, centros educativos, asociacións e similares poderán solicitar ao Concello a súa consideración como centros colaboradores.

O Concello subministrará gratuitamente os colectores axeitados, que serán recollidos, unha vez cheos, logo do aviso telefónico á empresa concesionaria do servizo.

ARTIGO 51.-MEDICAMENTOS.

Os restos de medicamentos, medicamentos caducados e os seus envases deberán segregarse do fluxo de residuos convencionais e depositarse nos colectores especiais situados nas farmacias denominados “puntos SIGRE”. A súa xestión é responsabilidade dese sistema integrado de xestión.

ARTIGO 52.-ACEITES USADOS.

Os aceites usados de cociña ou da automoción poderán depositarse nos puntos limpos ata a cantidade de 10 litros por persoa e día. Por enriba desta cantidade deberán xestionarse a través de xestores autorizados.

A Praza de Abastos, algúns centros socioculturais, algúns colexios e os estabelecementos de hostalería adheridos ao programa do Concello, teñen un sistema de recollida suxeito ao convenio asinado polo Concello cun xestor autorizado deste tipo de residuos.

Poderán adherirse a este convenio as comunidades de propietarios que así o acorden e que conten co espazo adecuado para o previo depósito destes residuos.

ARTIGO 53.-RESIDUOS SANITARIOS.

1.-Enténdese por actividades sanitarias produtoras de residuos sanitarios as desenvolvidas en clínicas, hospitais, consultas médicas, centros sociosanitarios, laboratorios de análises clínicas, de investigación ou de saúde pública, centros de atención primaria e de planificación familiar, centros podolóxicos e calquera outro que teña relación coa saúde humana. Inclúense tamén as correspondentes a centros, servizos e estabelecementos veterinarios asistenciais e centros de investigación animal.

2.-Consonte a clasificación destes residuos e ao abeiro da actual normativa autonómica, os residuos de clase I serán considerados, para os efectos da súa xestión, como residuos ordinarios e deberán ser separados nas correspondentes fraccións de orgánico ou restos, papel-cartón e vidro para a súa recollida e posterior tratamento.

3.-Os residuos sanitarios pertencentes as clases II, III e IV deberán ser directamente xestionados polos seus produtores ou posuidores a través dos correspondentes xestores autorizados.

ARTIGO 54.-OUTRAS TIPOLOXÍAS DE RESIDUOS

1.-O Concello, ben directamente ou a través de convenios de colaboración con asociacións ou sistemas integrados de xestión, poderá impulsar a recollida específica doutras tipoloxías de residuos especiais tales como téxtiles, aceites usados, teléfonos móbiles, madeira, etc, instalando colectores ou puntos de recollida e realizando as campañas informativas correspondentes.

2.-Os vehículos abandonados que, de acordo coa lexislación sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria adquiran a condición de residuo urbano, serán xestionados polo Concello consonte a normativa relativa á xestión de vehículos fóra de uso.

Os propietarios dos vehículos citados no parágrafo anterior deberán sufragar os custes derivados das operacións de limpeza da vía pública, de ser o caso, de recollida, traslado ao depósito municipal e ao centro autorizado de recepción e de descontaminación correspondente, todo isto sen prexuízo das sancións que lles puidesen corresponder.

LIBRO II: DA LIMPEZA VIARIA

TÍTULO I: DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA COMO CONSECUENCIA DO USO COMÚN XERAL DOS CIDADÁNS

ARTIGO 55: OBXECTO.

1. Este libro ten por obxecto regular, no ámbito das competencias do Concello de Santiago de Compostela, as seguintes situacións, actuacións e comportamentos:

a) A limpeza da vía pública no que se refire ao uso común xeral cidadán e á limpeza de soares de propiedade municipal. Así mesmo, a inspección e a realización subsidiaria da limpeza de soares de titularidade privada.

b) A prevención do estado de sucidade no termo municipal producida como consecuencia das manifestacións públicas na rúa, e a limpeza dos bens de dominio municipais no que respecta ao seu uso común especial e privativo.

c) O mantemento do estado xeral de limpeza e ornato dos espazos públicos e dos bens de dominio público municipais.

2. O deber de absterse de ensuciar, manchar e deslucir o contorno encontra o seu fundamento no obxectivo de evitar a contaminación visual, e é independente e por tanto compatíbel coas infraccións, incluídas as penais, baseadas na protección do patrimonio, tanto público como privado.

ARTIGO 56. COOPERACIÓN CIDADÁ.

1. Tanto as persoas físicas como xurídicas de Santiago de Compostela están obrigadas, no que atinxe á limpeza do municipio, a observar unha conduta encamiñada a evitar e previr a sucidade.

2. Así mesmo, poderán poñer en coñecemento da autoridade municipal as infraccións que en materia de limpeza pública presencien ou aquelas das que teñan un coñecemento certo.

3. Será responsabilidade do Concello atender as reclamacións, denuncias e suxestións cidadás, exercendo as accións que en cada caso correspondan.

ARTIGO 57. OBRIGATORIEDADE DO CUMPRIMENTO.

1. Todos os cidadáns e cidadás están obrigados ao cumprimento puntual desta ordenanza e de cantas disposicións complementarias con ela relacionadas dite en calquera momento o Concello.

2. A autoridade municipal esixirá en todo momento o cumprimento inmediato desta ordenanza, esixindo a quen cause unha infracción, como medida cautelar, a corrección desta, sen prexuízo da esixencia das responsabilidades que caiban.

3. O Concello, por proposta dos servizos municipais correspondentes, poderá impor sancións, de acordo co réxime sancionador que se estabelece para este efecto, a quen, co seu comportamento, contraveña o disposto nesta ordenanza.

4. O Concello poderá resarcirse do custo da reparación do dano no dominio público e a restitución do usurpado, con independencia da sanción que puidese corresponder, coa prestación de servizos en beneficio da comunidade.

ARTIGO 58. SUBSIDIARIEDADE DOS TRABALLOS DE LIMPIEZA POR PARTE DO CONCELLO.

1.-O Concello poderá realizar subsidiariamente os traballos de limpeza, recollida e transporte que segundo esta ordenanza corresponda efectuar directamente ás persoas físicas ou xurídicas, imputándolles o custo dos servizos prestados e sen prexuízo das responsabilidades que correspondan en cada caso.

2.-Nas mesmas condicións que no apartado anterior, o Concello poderá subsidiariamente levar a cabo traballos de mantemento, reparación e limpeza dos elementos e partes exteriores dos inmóbeis, así como a carga, retirada, transporte e eliminación dos materiais residuais abandonados.

ARTIGO 59. REGRA XERAL.

1. Todas as actividades que poidan ocasionar sucidade na vía pública, calquera que sexa o lugar en que se desenvolvan, e sen prexuízo das licenzas ou autorizacións que en cada caso poidan ser procedentes, esixen dos seus titulares a obriga de adoptar as medidas necesarias para evitar que se ensucie a vía pública, así como a de limpar coa frecuencia adecuada a parte afectada desta e a de retirar os materiais residuais resultantes.

Para este fin, a autoridade municipal poderá requirir á persoa responsábel para que efectúe as accións de limpeza correspondentes.

2. Naquelas vías públicas en que para realizar unha axeitada limpeza sexa necesario utilizar auga a presión, as persoas titulares dos locais e vivendas ou os seus ocupantes deberán poñer os medios necesarios para impedir a entrada desta ou os posíbeis danos e perdas nas súas propiedades.

ARTIGO 60.-CONCEPTO DE VÍA PÚBLICA E DE MOBILIARIO URBANO.

1. Particularmente, a ordenanza é de aplicación en todos os espazos públicos da cidade tales como rúas, camiños, avenidas, calzadas, beirarrúas, prazas, paseos e zonas peonís, parques, xardíns, fontes, estanques, pontes, túneles, pasarelas, soares, edificios públicos e demais espazos destinados ao uso do servizo do público de titularidade municipal, así como a construcións, instalacións, mobiliario urbano e demais bens e elementos de dominio público municipal situados naqueles.

2.-Os espazos públicos ou elementos ao servizo da cidadanía situados na vía pública que non sexan de responsabilidade municipal deberán ser obxecto de limpeza, conservación e mantemento por parte dos seus titulares administrativos, salvo que se dispoña outra cousa ao respecto nos oportunos acordos ou convenios de colaboración.

3. Enténdese por mobiliario urbano os bancos, papeleiras, xogos, fontes, farois, árbores, sinalizacións, colectores de residuos urbanos, estatuas, esculturas, xardineiras, mupis, quioscos, marquesiñas e demais elementos colocados polo Concellos na vía pública.

ARTIGO 61.-ESPAZOS E INMÓBEIS PRIVADOS.

1.-As urbanizacións, pasaxes, patios, interiores, galerías comerciais, zonas verdes e similares, soares e terreos, todos eles de propiedade privada, deberán ser obxecto de limpeza, desratización, desinfección, desinsectación, conservación e mantemento por parte dos seus titulares, sexa a propiedade única, compartida ou en réxime de propiedade horizontal, salvo convenios ou acordos de cesión de uso.

2.-É responsabilidade dos propietarios manter nas debidas condicións de limpeza, seguridade, salubridade e ornato público as beirarrúas, patios interiores de quinteiro, patios de luces, galerías comerciais, rúas e zonas verdes de urbanizacións privadas, soares e terreos e, en xeral, así como todas aquelas zonas de dominio e uso particular, en especial todas aquelas partes das edificacións ou instalacións visíbeis desde a vía pública, en especial, fachadas, entradas, escadas de acceso e medianeiras.

3.-Así mesmo, é obriga da propiedade do inmóbel manter en condicións adecuadas as chemineas, baixantes e canles de auga, acometidas de saneamento, tellados, antenas de televisor e calquera outra instalación complementaria.

4.-O Concello exercerá o control sobre estas obrigas e poderá esixir aos seus titulares a adopción das medidas necesarias. Así mesmo, poderá previo trámite de audiencia aos interesados, requirirlles que, no prazo que se sinale, realicen as obras ou reparacións necesarias advertíndolles que, en caso de incumprimento da orde de execución, se procederá á execución subsidiaria ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, reiterábeis ata lograr a execución do ordenado, sen prexuízo, se é o caso, da apertura do correspondente expediente sancionador.

ARTIGO 62.-ESPAZOS PRIVADOS DE USO PÚBLICO.

Para a determinación das correspondentes obriga de limpeza, mantemento, seguridade, salubridade, funcionalidade e ornato público dos denominados espazos privados de uso público, estarase ao previsto na normativa que resulte dos correspondentes instrumentos de desenvolvemento do planeamento, ao previsto no proxecto de urbanización que resulte aprobado ou á licenza de obra concedida, no seu uso.

En defecto de previsión expresa, corresponderá aos seus titulares o cumprimento das obrigas sinaladas, facéndose cargo o Concello destas obrigas naquilo que se entenda que excede do seu uso normal e común.

ARTIGO 63. USOS DA VÍA PÚBLICA.

1. A sucidade da vía pública producida como consecuencia dos usos comúns e privativos será responsabilidade dos seus titulares.

2. As persoas que sexan titulares de estabelecementos de venda directa ao público, sexan ou non fixos, tales como bares, cafés, quioscos, terrazas, postos de venda e similares, e en xeral de calquera actividade que xere sucidade na vía pública, están obrigadas a manter nas debidas condicións de limpeza tanto as propias instalacións como o espazo urbano sometido á súa influencia.

3. O Concello esixirá ás persoas titulares a que se refire o apartado anterior a colocación de recipientes adecuados (cinceiros…) para o depósito e retención dos residuos producidos polo consumo nos seus estabelecementos, correspondéndolles a limpeza e mantemento destes elementos.

4. A estes titulares incúmbelles igualmente a obriga de limpeza dos residuos depositados na vía pública como consecuencia das operacións de venda no contorno de influencia do estabelecemento. Esta limpeza realizarase no prazo máximo de dúas horas contadas a partir do peche do estabelecemento ou punto de venda, con independencia de que en todo momento se manteñan as debidas condicións de limpeza e hixiene.

5. De non se cumpriren estas obrigas, o servizo municipal procederá á súa recollida e transporte, imputando o custe destas prestacións á persoa interesada, independentemente das responsabilidades que caiban.

ARTIGO 64.-NOVAS URBANIZACIÓNS.

Nas novas urbanizacións non se realizarán os servizos que comprende a limpeza viaria, se proceden, así como os de conservación e mantemento, mentres non se acredite a obtención da correspondente licenza de primeira ocupación ou, se é o caso, da correspondente acta de recepción da urbanización.

Ata que non se acrediten os mencionados documentos, a limpeza, mantemento e conservación correrá por conta do titular da licenza.

ARTIGO 65.-COMPETENCIA.

A competencia municipal en materia de limpeza viaria desenvolverase de acordo coa normativa aplicábel e coas competencias asignadas ás áreas e servizos municipais, que se exercitarán no marco dos principios de coordinación e colaboración.

A Xunta do Goberno Local ou, se é o caso, o órgano que teña delegada a competencia, poderá esixir de oficio ou por pedimento de parte, a adopción das medidas cautelares e correctoras oportunas, ordenar cantas inspeccións considere necesarias e impor as sancións aplicábeis, no marco das súas competencias.

ARTIGOS 66.-PROHIBICIÓNS.

Queda prohibido na vía pública:

a) Depositar, arroxar ou abandonar calquera clase de produto, en estado sólido, líquido ou gasoso, que poida alterar as condicións de limpeza que esixe a estética da cidade, incluída a varredura da vía pública que recollan os particulares.

b) Abandonar na vía pública produtos do varrido e limpeza producidos por particulares.

c) A limpeza ou, de ser o caso, sacudida de alfombras, prendas ou calquera outro obxecto sobre a vía pública desde fiestras, balcóns ou terrazas.

d) O vertido de augas procedentes de limpezas de calquera tipo sobre a vía pública ou na rede de sumidoiros.

e) Evacuar á rede de sumidoiros calquera tipo de residuo sólido ou pastoso.

f) O lavado e limpeza de vehículos e calquera outra operación de mantemento destes, agás reparacións de emerxencia. Neste caso deberá procederse á limpeza da zona afectada.

g) Tirar cáscaras, papeis, gomas de mascar, cigarros, envoltorios ou calquera outro desperdicio, que deberá depositarse nas papeleiras instaladas para tal fin.

h) Regar as plantas situadas en ventás, balcóns ou terrazas, salvo no horario comprendido entre as 24.00 e as 7.00 horas do día seguinte e sempre e cando se adopten as debidas precaucións para non producir molestias nin prexuízos a veciños, peóns, automóbiles e, en xeral, a calquera ben privado ou público.

i) Satisfacer as necesidades fisiolóxicas ou cuspir na vía pública, segundo o estabelecido no artigo 69.

j) Depositar nas papeleiras ou colectores de recollida de residuos cabichas de cigarros ou outras materias prendidas.

k) Dar de comer aos animais.

l) Ensuciar a vía pública como consecuencia da tenza de animais.

m) Facer fogueiras, lumaradas ou queimas de calquera clase, salvo autorización expresa municipal para eventos sinalados, que indicará o lugar e as condicións en que estas accións se poden realizar.

n) Botar calquera tipo de desperdicio desde vehículos, tanto parados como en marcha.

o) As condutas vandálicas, agresivas ou neglixentes no uso do mobiliario urbano que xeren situacións de risco ou perigo para a saúde e a integridade física das persoas ou dos bens.

p) Tirar ao chan ou depositar recipientes de bebidas como latas, botellas, vasos, ou calquera outro obxecto.

q) Colocar ou pegar calquera tipo de cartel, pancarta ou adhesivos en elementos do mobiliario urbano.

Para realización de publicidade a través dos medios recollidos no parágrafo q), así como as condicións do exercicio da publicidade domiciliaria, estarase ao estabelecido na Ordenanza de publicidade estática e dinámica do Concello.

ARTIGO 67.-CONSUMO DE BEBIDAS NA VÍA PÚBLICA.

1. Queda prohibido o consumo de bebidas na vía pública cando poida alterar gravemente a convivencia cidadá. Para estes efectos, prodúcese alteración cando concorran as circunstancias seguintes:

a) Cando pola morfoloxía ou a natureza do lugar público, o consumo poida facerse de forma masiva por grupos de cidadáns/ás ou invite à aglomeración destes.

b) Cando como consecuencia da acción do consumo se poida deteriorar a tranquilidade do contorno ou provocar nel situacións de insalubridade.

A prohibición a que se refire este apartado quedará sen efecto nos supostos en que o consumo de bebidas teña lugar en estabelecementos e outros espazos reservados expresamente para esa finalidade, como terrazas e veladores, e cando dito consumo conte coa oportuna autorización que as autoridades competentes poden outorgar en casos puntuais.

2. Sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria dos pais ou nais, titores ou titoras, gardadores ou gardadoras polas accións dos menores de idade que dependan deles, aqueles serán tamén responsábeis directos e solidarios das infraccións cometidas por estes, sempre que, pola súa parte, conste dolo, culpa o neglixencia, incluída a simple inobservancia.

3. As bebidas vendidas nun estabelecemento hostaleiro deberán ser consumidas no interior deste, agás nos supostos previstos no parágrafo primeiro deste artigo.

ARTIGO 68.-RÉXIME DE SANCIÓNS.

A realización das condutas descritas no apartados primeiro e terceiro do artigo anterior será constitutiva de infracción leve e sancionaranse con multa de 100 a 750 euros, en función das molestias producidas e tamén do espazo onde se produzan. Considerarase circunstancia agravante o consumo no contorno de edificios e conxuntos monumentais e de centros de saúde.

ARTIGO 69.-NECESIDADES FISIOLÓXICAS.

Fundaméntase a regulación contida neste capítulo na protección da saúde pública e da salubridade, do dereito a gozar dun espazo público limpo e non degradado e no respecto polas pautas de convivencia cidadá e civismo.

1.-Prohíbese satisfacer necesidades fisiolóxicas en calquera dos espazos públicos.

2.-Será circunstancia agravante a realización da conduta descrita no apartado anterior cando se leve a cabo en espazos de concorrida afluencia de persoas ou frecuentado por menores ou cando se faga en monumentos, edificios ou espazos públicos catalogados ou protexidos.

ARTIGO 70.-RÉXIME DE SANCIÓNS.

1. A conduta descrita no apartado primeiro do artigo precedente será constitutiva de infracción leve e sancionarase con multa de 100 a 300 euros.

2. Constituirá infracción leve sancionada con multa de 301 a 750 euros a conduta descrita no apartado 2 do artigo precedente.

TÍTULO II: DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA COMO CONSECUENCIA DE ACTIVIDADES DIVERSAS

ARTIGO 71.-REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES NA VÍA PÚBLICA.

Con carácter xeral, todas as actividades que poidan ocasionar sucidade na vía pública, calquera que sexa o lugar en que se desenvolvan e, sen prexuízo das licenzas ou autorizacións procedentes, esixiran a quen as desenvolve a adopción das medidas necesarias para evitala, así como a limpeza da vía ou parte dela que se vise afectada.

1.-Concluída a carga e descarga de calquera vehículo respectando as normas que para tales actividades se estabelecen, limparanse as beirarrúas e calzadas que foran ensuciadas durante a operación, retirando da vía pública os residuos vertidos. Están obrigados ao cumprimento deste precepto, os donos dos vehículos e, subsidiariamente, os titulares dos estabelecementos ou predios en que se fixera a carga e descarga

2.-Este precepto tamén é aplicábel aos espazos reservados para o estabelecemento de camións e autocares de alugueiro, sendo responsábeis da infracción os seus propietarios.

ARTIGO 72.-OBRAS E TRANSPORTE DE TERRAS E MATERIAIS DE CONSTRUCIÓN

1.-As persoas que realicen obras na vía pública deberán adoptar as medidas necesarias de protección para evitar o deterioro desta, a sucidade, ou os danos a persoas ou bens. Para iso, colocarán valos ou outros elementos de protección, especialmente para a carga e descarga de materiais.

2.-En especial, as superficies inmediatas de foxos, canalizacións e conexións realizadas na vía pública, deberán manterse limpas e exentas de toda clase de materiais residuais. As terras extraídas deberán protexerse, en todo caso, segundo determina o apartado anterior.

3.-A carga e descarga de materiais de obra e de produtos de derruba, deberá realizarse mediante tubos ou canalizacións de características axeitadas para impedir que se emporque a vía pública e que se causen danos ás persoas e ás cousas.

4.-Queda prohibido depositar na vía pública, non cortada para a obra, todo tipo de materiais, incluídas terras, areas, gravas ou calquera elemento mecánico de contención ou escavación non expresamente autorizado.

É preceptiva a utilización de colectores para obras, para o que se estará ao disposto no capítulo III, libro I desta ordenanza.

5.-O titular da licenza de obra, construtor ou contratista, promotor ou propietario de calquera obra, e as empresas propietarias dos colectores de obras se estes estivesen na vía pública, serán responsábeis solidarios da falta de limpeza desta ou da parte que se ensucie como consecuencia das obras e de retirar os materiais vertidos. Debe procederse ao cumprimento desta obrigación diariamente e unha vez finalizada calquera operación de carga, descarga, saída ou entrada de vehículos ao lugar da obra.

Así mesmo, serán responsábeis de asegurar a carga que se transporte nos vehículos e de proceder a limpeza das rodas ou de calquera parte do vehículo susceptíbel de producir sucidade na vía pública.

6.-O transporte de materiais susceptíbeis de produciren po ou de ensuciar a vía pública farase cubrindo a carga. Deberanse, asemade, adoptar as medidas necesarias para evitar que estes materiais se depositen na vía. A carga de materiais non debe exceder os extremos superiores da caixa do camión nin se poderán utilizar suplementos adicionais para aumentar a capacidade de carga dos vehículos.

Prohíbese o transporte de formigón con vehículo formigoneira sen levar pechada a boca de descarga cun dispositivo que impida o seu vertido na vía pública.

Queda, así mesmo, prohibida a circulación de vehículos de transporte se as súas condicións xerais non garanten que non se produza a perda de parte da carga no seu tránsito polo termo municipal.

Desta obriga é responsábel o condutor do vertido e, subsidiariamente, o propietario deste se hai relación de dependencia laboral co anterior, que están obrigados á limpeza da vía pública afectada e á reparación dos danos causados sen prexuízo das sancións que correspondan.

ARTIGO 73.-LIMPEZA DE ESCAPARATES, TOLDOS E DEMAIS ELEMENTOS DE ESTABELECEMENTOS COMERCIAIS, QUIOSCOS E TERRAZAS.

1.-A limpeza de escaparates, toldos, portas e demais elementos exteriores de estabelecementos comerciais efectuarase entre as 19.00 e as 10.00 horas do día seguinte, agás os venres pola tarde, sábados e domingos en que non se poderá realizar. Deberanse adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar a sucidade da vía pública. Se non é posíbel evitalo, procederase á limpeza da vía pública ou da parte desta que se ensuciase, sen prexuízo da obriga de solicitar as autorizacións pertinentes naqueles casos en que sexa necesaria a ocupación da vía pública ou do voo sobre esta. Será responsábel das obrigas contidas neste artigo o titular da actividade.

2.-Os titulares de quioscos, terrazas, bares, restaurantes, postos de venda ambulante e demais estabelecementos que desenvolvan a súa actividade na vía pública están obrigados a manter estes e o espazo en que desenvolven a súa actividade en perfecto estado de limpeza e a dispoñer nos seus locais de papeleiras, cinceiros ou outros elementos de contención para a recollida dos residuos que xeren.

ARTIGO 74.-MERCADOS E FEIRAS.

Os titulares da autorización municipal para o exercicio de actividades na vía pública tales como mercados, feiras de diversa índole, circos, etc., deberán velar en todo momento para que o espazo público en que desenvolven a súa actividade e o seu contorno próximo nun radio mínimo de cinco metros non se ensucien e os seus elementos urbanos ou arquitectónicos non se deterioren, quedando obrigados, se é o caso, á correspondente reparación, reposición, limpeza, etc. Deberán constituír unha fianza en metálico ou un aval bancario para responder deste incumprimento. Se o custo fose superior á fianza esixida, o titular da autorización deberá abonar a diferenza.

ARTIGO 75.-TALLERES E APARCADOIROS.

Os titulares de talleres ou actividades de reparación, mantemento e limpeza de vehículos, os de pasaxes e aparcadoiros, así como os concesionarios de aparcadoiros públicos, deberán manter limpas as beirarrúas e ramplas de acceso a eles, en especial no referente a graxas, aceites e carburantes. Igual obriga incumbe aos titulares de espazos públicos reservados para o estacionamento de camións, camionetas ou alugamento de vehículos e similares.

ARTIGO 76.-ACTOS PÚBLICOS.

1.-Os organizadores dun acto público que se desenvolva na vía pública están obrigados a solicitar a correspondente autorización municipal.

2. Os organizadores de actos públicos, en atención aos principios de colaboración, corresponsabilidade e confianza coa autoridade municipal, deberán velar porque os espazos públicos utilizados non se ensucien e os seus elementos urbanos ou arquitectónicos non se deterioren.

3.-Os actos públicos autorizados deberán contar con colectores ou papeleiras en número suficiente para os residuos que se poidan xerar, así como servizos sanitarios portátiles, se así o indica o Concello.

4.-A autorización poderá quedar supeditada á constitución da fianza pola contía previsíbel dos servizos subsidiarios de limpeza e xestión de residuos, reparación ou reposición de mobiliario urbano, de céspede, plantas, flores, etc., ou doutro tipo de danos ocasionados no espazo público. Se o custo destes fose superior á fianza esixida, o titular da actividade deberá abonar a diferenza.

TÍTULO III: DOS TERREOS DE PROPIEDADE PRIVADA

CAPÍTULO I: OBRIGAS XENÉRICAS

ARTIGO 77.-OBRIGAS XENÉRICAS

1.-Os propietarios de terreos situados no termo municipal deberán mantelos nas debidas condicións de hixiene, salubridade e seguridade. Para iso, realizarán as tarefas de mantemento necesarias co fin de que permanezan limpos de maleza, evitando que as augas de escorrentías e as ramas das árbores afecten ao espazo público. Esta obriga comprende tamén a esixencia de desratización e desinfección dos citados terreos, cando estean próximos ás vivendas.

2.-Os propietarios de terreos que, consonte o previsto no artigo seguinte, teñan a condición de soar terán, así mesmo, a obrigación de cerralos de acordo coas normas contidas no Plan xeral de ordenación municipal e respectando as condicións estéticas sinaladas na ordenanza municipal correspondente. Se, polo desnivel da rúa, a altura resulta insuficiente para evitar o vertido de residuos ao soar poderase instalar un valo suplementario de malla metálica dun metro de altura sustentado sobre postes metálicos.

O valado debe quedar instalado de forma que se garanta a súa estabilidade por medio de pilastras e debe ser conservado en estado decoroso. Deberá contar coa porta de acceso de ancho suficiente para permitir os labores de limpeza.

En calquera caso, o tipo de valado poderá substituírse por muro de bloque, de chapa metálica maciza ou por calquera outro que os servizos técnicos municipais consideren conveniente, tendo en conta as circunstancias do caso.

3.-A limpeza e roza de terreos mediante a utilización de segadoras ou doutros elementos mecánicos deberá realizarse procurando non importunar a tranquilidade dos veciños e, en todo caso, entre as 8.00 e as 14.00 horas e das 17.00 ás 21.00 horas de luns a venres, e entre as 11.00 e as 14.00 horas ou de 18.00 a 21.00 horas os sábados, e domingos e festivos.

ARTIGO 78.-TITULARIDADE.

Para os efectos desta ordenanza, salvo proba en contra e sen prexuízo da inscrición contida no Rexistro da Propiedade, considéranse propietarios dos terreos os titulares catastrais. En caso de discrepancia entre o titular catastral e o que conste inscrito no Rexistro da Propiedade, terase en conta a titularidade que resulte do Rexistro.

En caso de que o propietario do terreo resulte descoñecido ou ben que, intentada a notificación a este, resulte imposíbel a súa práctica, por motivos de interese público, o Concello poderá proceder á limpeza, repercutindo, se é o caso, ao propietario o custo que tal actuación xere.

ARTIGO 79.-COMPROBACIÓNS.

A Policía Local, así como o Servizo de Inspección Municipal, poderán inspeccionar de oficio ou por pedimento dun particular os terreos do termo municipal para os efectos de comprobar o disposto nos artigos anteriores.

ARTIGO 80.-PROCEDEMENTO.

O Concello, nos supostos recollidos neste título e logo do trámite de audiencia aos interesados, requiriralles que, no prazo que se lles indique, realicen as obras ou operacións necesarias para manter os terreos nas debidas condicións de hixiene, seguridade, salubridade, ornato público, e, de ser o caso, valado.

O incumprimento da orde de execución municipal determinará a execución subsidiaria ou a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, reiterábeis ata lograr a execución do ordenado, sen prexuízo, se cómpre, da apertura do correspondente expediente sancionador.

En caso de emerxencia debidamente acreditada, o Concello poderá proceder á limpeza e á adopción das medidas provisionais oportunas, sen prexuízo dos trámites de execución seguintes e das sancións que correspondan.

CAPÍTULO II: DA LIMPEZA DAS ZONAS PRÓXIMAS ÁS MASAS FORESTAIS

ARTIGO 81.

Os propietarios das masas forestais e dos terreos lindantes con estas estarán obrigados a adoptar as medidas de prevención de incendios forestais estabelecidas na normativa estatal e autonómica que resulte de aplicación nesta materia.

TÍTULO IV: DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS NA VÍA PÚBLICA

ARTIGO 82.-CONCEPTO.

Considéranse animais domésticos os afectados pola Ordenanza municipal de posesión e custodia de animais.

ARTIGO 83.-OBRIGAS DOS PROPIETARIOS OU POSUIDORES.

Os propietarios ou posuidores de animais domésticos que os conduzan pola vía pública están obrigados a recoller os seus excrementos en bolsas impermeábeis e a depositar estas, debidamente pechadas, en papeleiras destinadas para este uso ou, de non as haber, nos colectores específicos para a fracción resto. Deben, así mesmo, limpar a parte da vía pública que puidese quedar sucia.

Por motivo de salubridade pública, en ningún caso se permitirá que os animais realicen as súas dexeccións en zonas verdes, parterres, zonas terrosas e zonas de xogos infantís.

ARTIGO 84.-REQUIRIMENTO DA AUTORIDADE MUNICIPAL.

Os axentes municipais ou, se é o caso, o Servizo Municipal de Inspección Ambiental, están facultados para esixir ao propietario ou posuidor do animal o cumprimento das obrigas previstas nos artigos anteriores.

ARTIGO 85.-LIMPEZA DOS ANIMAIS NA VÍA PÚBLICA

Queda prohibida a limpeza e o aseo de animais na vía pública, así como o abandono de animais mortos. A xestión destes deberá realizarse de acordo co previsto no capítulo II, título III, do libro I desta ordenanza.

LIBRO V: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

ARTIGO 86.-RESPONSABILIDADES.

1.-As accións ou omisións que contraveñan o estabelecido nesta ordenanza xerarán responsabilidades administrativas, sen prexuízo das civís ou penais que, se é o caso, puidesen esixirse.

2.-As responsabilidades derivadas do incumprimento do disposto nesta ordenanza serán esixíbeis non só polos actos propios, senón tamén polos daqueles de quen se deba responder, consonte o disposto na lexislación vixente e nesta mesma ordenanza.

3.-Cando existan varios responsábeis e non sexa posíbel determinar o grao de participación de cada un deles na comisión da infracción, a responsabilidade esixirase solidariamente.

4.-Cando os danos causados se produzan por acumulación de actividades debidas as diferentes persoas, poderá imputarse individualmente esta responsabilidade e os seus efectos económicos sempre que sexa posíbel coñecer o grao de implicación de cada unha.

5.-Cando se trate de obrigas de carácter colectivo, tales como a limpeza, mantemento e conservación de zonas comúns, a responsabilidade esixirase á correspondente comunidade de propietarios ou aos habitantes do inmóbel se esta non estivese constituída.

ARTIGO 87.-INSPECCIÓNS.

Corresponde ao Concello, a través do Servizo de Inspección Ambiental Municipal e da Policía Local, a vixilancia para o cumprimento do disposto nesta ordenanza.

Ao abeiro da lexislación aplicábel, os inspectores do Servizo de Inspección Ambiental gozarán, no exercicio das súas funcións, da consideración de axentes de autoridade e estarán facultados para acceder, sen previo aviso e tras ser identificados, ás instalacións en que se desenvolvan actividades reguladas nesta ordenanza.

Os cidadáns están obrigados a prestar toda a colaboración aos exames, controis, tomas de mostras, recollida de información, pescudas ou investigacións realizadas polos inspectores ambientais, co fin de permitir a recollida de información necesaria para o cumprimento das súas funcións.

ARTIGO 88.-DENUNCIAS.

Calquera persoa poderá formular denuncias por condutas que poidan contravir o disposto nesta ordenanza.

Nas denuncias que se formulen deberá constar un relato dos feitos que puidesen constituír infracción, con expresión de lugar, data e hora, así como a identidade do denunciado, se fose posíbel, o nome do denunciante, o seu documento de identidade e un número de teléfono de contacto para posibilitar o labor do Servizo de Inspección.

As denuncias que formule o Servizo de Inspección estenderanse no correspondente boletín de denuncia ou acta de inspección, por triplicado, e entregarase un exemplar ao denunciado, se fose posíbel. A sinatura da acta por parte do denunciado non implicará, en ningún caso, conformidade cos feitos documentados nela.

As actas de inspección reunirán os requisitos estabelecidos na lexislación correspondente e gozarán de presunción de certeza para os efectos probatorios.

ARTIGO 89.-RÉXIME SANCIONADOR.

As infraccións contra esta ordenanza municipal serán sancionadas, logo da instrución do correspondente expediente, consonte os principios e procedementos regulado na Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativa ao réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se regula o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

ARTIGO 90.-OBRIGAS DA RESTAURACIÓN, MULTAS COERCITIVAS E EXECUCIÓN SUBSIDIARIA.

1.-Sen prexuízo da sanción que corresponda, os infractores estarán obrigados á reposición ou restauración da realidade física alterada, na forma e condicións que determine o órgano que impuxo a sanción.

2.-A existencia destas medidas reparadoras ou restauradoras, que inclúen as posíbeis indemnizacións por danos e perdas, poderán facerse no propio procedemento sancionador ou, se é o caso, noutro complementario.

3.-Se os infractores non procedesen á reposición ou á restauración na forma e prazos sinalados no requirimento competente, poderase acordar a imposición de multas coercitivas reiterábeis por importe comprendido entre os 300 e os 3.000 euros.

4.-Así mesmo, nestes casos, e para os supostos de incumprimento dos requirimentos relativos á obriga de realizar obras ou outras operacións de limpeza, mantemento, conservación, ou xestión de residuos, o órgano competente para sancionar poderá acordar a execución subsidiaria por conta do infractor.

5.-Será potestade dos servizos municipais a retirada, sen previo aviso, de todo obxecto ou material abandonado cando a súa persistencia dificulte o paso, a circulación ou sexa causa de afección grave ao medio ambiente, á limpeza ou ao estado da vía pública, ao funcionamento de servizos públicos ou actividades autorizadas e, en xeral, á saúde e seguridade de persoas ou dos bens públicos. Os gastos que ocasione tal retirada, traslado ou depósito correrán por conta dos que resulten acreditados como os seus propietarios ou posuidores.

ARTIGO 91.-TRABALLOS EN BENEFICIO DA COMUNIDADE.

En función das circunstancias de cada caso, por medio dun procedemento adicional de execución, o infractor sancionado ou o seu representante legal e o órgano sancionador poden convir de mutuo acordo que, tanto as sancións económicas, como a esixencia do importe dos danos e perdas causados, sexan substituídos por traballos en beneficio da comunidade. Estes traballos serán fixados mediante resolución motivada, con expresión da súa duración e condicións.

Este procedemento adicional de execución será especialmente aplicábel ás accións ou omisións constitutivas de actos vandálicos tales como subtraer, incendiar, romper, ou pintar o mobiliario ou os equipamentos urbanos destinados á xestión de residuos ou á limpeza viaria, á realización de pintadas ou inscricións en calquera elemento ou lugar non autorizados, así como á realización das necesidades fisiolóxicas na vía pública.

ARTIGO 92.-PRESCRICIÓN.

As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos. As sancións impostas por faltas leves prescribirán aos seis meses, as graves ao ano e as moi graves aos dous anos .

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción foi cometida e o das sancións desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impoñen.

TÍTULO II: TIPIFICACIÓN DE INFRACCIÓNS

ARTIGO 93.-INFRACCIÓNS.

1.-Sen prexuízo das condutas tipificadas como infraccións na lexislación xeral sobre residuos e outra normativa sectorial directamente aplicábel, constitúen infraccións contra esta ordenanza os actos ou omisións que contraveñan no que nela está estabelecido.

2.-As infraccións clasifícanse en leves, graves e moi graves segundo o disposto nos artigos seguintes. No suposto de infracción expresamente sinaladas como leves salvo que, pola súa entidade, merezan a consideración de graves ou moi graves, os criterios para a súa clasificación estarán en función da intensidade:

– Da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio de actividades por outras persoas.

– Da perturbación causada á salubridade ou ao ornato públicos.

– Da perturbación ocasionada no uso dun servizo ou espazo público por parte das persoas con dereito a utilizalos;

– Da perturbación ocasionada no normal funcionamento dos servizos públicos.

– Dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos afectos a servizo público dun espazo público.

ARTIGO 94.-INFRACCIÓNS LEVES.

1.-Considéranse infraccións leves todas aquelas condutas que non están tipificadas nesta ordenanza como graves ou moi graves.

2.-En xeral:

a) A realización de actos que ocasionen destrozos ou desperfectos ao mobiliario ou equipamento urbano destinado á xestión de residuos ou limpeza viaria.

3.-En materia de xestión de residuos municipais:

a) Depositar, abandonar, verter ou eliminar de forma incontrolada calquera tipo de residuo municipal na vía pública, en lugares de baño, marxes dos ríos, calzadas ou camiños e soares públicos ou privados, cando esta acción, pola súa entidade ou volume, non mereza a cualificación de grave ou moi grave.

b) Incumprir o estabelecido no artigo 9.3 en canto ás condicións de almacenamento de residuos municipais.

c) Realizar calquera das condutas prohibidas no artigo 11, a excepción da consistente na instalación de trituradores conectados á rede de saneamento, que será considerada como grave.

d) Incumprir as obrigas de mantemento dos recintos para a situación de colectores nas debidas condicións de limpeza, seguridade, funcionalidade e ornato, salvo que este incumprimento, pola súa entidade, mereza a cualificación de grave ou moi grave.

e) Incumprir as obrigas sinaladas nos artigos 17 (presentación dos residuos ordinarios), 18.1 (normas de utilización dos colectores), 19 (horarios), 22 (normas de utilización de contedores para produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial), 23 (horarios para produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial) e no parágrafo segundo do artigo 24.6 (recollida selectiva).

f) Realizar calquera das condutas sinaladas nos artigos 18.2 (prohibicións relativas ao uso de colectores), e apartados a), c) e e) do artigo 22.2 (prohibicións relativas á utilización de colectores para produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial)

g) Non respectar as normas do depósito, frecuencias e horarios estabelecidos para as recollidas porta a porta (artigo 26).

h) Depositar voluminosos na vía pública sen a previa confirmación municipal e sen que excedan do máximo permitido ( artigo 32).

i) Incumprir as obrigas relativas á disposición dos cadáveres dos animais domésticos mortos (artigo 36.1).

j) Depositar entullo en colectores de uso colectivo ou de uso exclusivo ou particular.

k) Incumprir as normas relativas á situación dos colectores de obra (artigo 44), ao seu uso (artigo 45), horario (artigo 46) e identificación (artigo 47).

l) Depositar restos de podas en colectores de uso colectivo ou de uso exclusivo ou particular por enriba das cantidades máximas sinaladas no artigo 49.

4.-En materia de limpeza viaria:

a) Incumprir, os propietarios ou titulares, as obrigas sinaladas nos artigos 61 e 62, agás que pola súa entidade merezan a consideración de graves ou moi graves.

b) Realizar calquera das condutas sinaladas nos artigos 66 e 67 e 69 (Prohibicións).

c) Non adoptar as medidas necesarias de protección para evitar o deterioro ou sucidade da vía pública, ou non proceder á súa limpeza en caso de actividades que se desenvolvan nela, agás que pola súa entidade merezan a consideración de graves ou moi graves (artigos 71, 72, 74, 75 e 76).

d) Limpar escaparates e elementos exteriores dos estabelecementos comerciais en horario non permitido (artigo 73)

e) Incumprir, os propietarios de terreos e zonas de dominio e uso privado, as obrigas xenéricas dispostas no artigo 77, salvo que este incumprimento, pola súa entidade, mereza a consideración de grave ou moi grave.

f) Incumprir, os propietarios ou posuidores de animais domésticos, as obrigas a que se refire o artigo 83.

g) O aseo ou limpeza dos animais na vía pública.

ARTIGO 95.-INFRACCIÓNS GRAVES.

Terán a consideración de infracción grave as seguintes condutas:

1.-En xeral:

a) Realizar algunha das actividades que, no marco desta ordenanza precise de autorización administrativa, sen contar con ela ou téndoa caducada ou suspendida, así como o incumprimento dos condicionantes impostos naquela.

b) Non constituír ou renovar fianzas ou garantías cando resulten obrigatorias en función do disposto nesta Ordenanza.

c) A mala fe na entrega dos residuos ou a falta de información sobre as características dos residuos entregados.

d) Mover ou desprazar, sen autorización, elementos de mobiliario urbano situados na vía pública dedicados aos servizos de recollida de residuos ou de limpeza viaria como consecuencia da realización de obras nas súas proximidades.

e) Realizar actos vandálicos tales como subtraer, incendiar, romper, ou pintar mobiliario ou equipamentos urbano destinado á xestión de residuos ou á limpeza viaria, de forma que quede inservíbel para o seu uso ou cando o custo da reparación sexa superior en máis dun 30% ao seu valor de mercado.

f) A obstrución ao exercicio da actividade inspectora.

g) A reincidencia, pola comisión no termo dun ano, de infraccións leves da mesma natureza.

2.-En materia de xestión de residuos municipais:

a) Non adoptar as medidas requiridas a que se alude no artigo 2, parágrafo 2.º.

b) Entregar residuos municipais a terceiros non autorizados ou non inscritos no Rexistro Xeral de Produtores e Xestores de Galicia.

c) Instalar crematorios ou incineradores domésticos ou trituradoras conectadas á rede de saneamento.

d) Incumprir a obriga de xestionar residuos no suposto do punto 1 do artigo 14.

e) Incumprir as obrigas de mantemento dos recintos para a situación de colectores nas debidas condicións de limpeza, seguridade, funcionalidade e ornato, cando disto se derive risco ou perigo para a seguridade ou a saúde das persoas ou deterioro grave do medio ambiente.

f) Realizar as condutas sinaladas no apartado c) do artigo 22.2. (utilización de colectores por produtores de residuos non domiciliarios de orixe comercial).

g) Depositar voluminosos na vía pública con ou sen previa confirmación municipal que excedan do máximo permitido.

h) Realizar calquera das condutas sinaladas no artigo 34.1 (animais domésticos mortos).

i) Non realizar a comunicación, ou a relativa variación de datos, previstas no artigo 44.

j) Mover ou desprazar calquera elemento de mobiliario urbano sen autorización expresa municipal para situar colectores de obra (artigo 44.7).

k) Depositar residuos sanitarios da clase II en colectores para a súa recollida polo servizo municipal.

l) Utilizar os puntos limpos para residuos non domiciliarios de orixe comercial.

m) Abandonar vehículos nos espazos públicos con incumprimento das condicións recollidas nesta ordenanza

3.-En materia de limpeza viaria:

a) Incumprir, os propietarios ou titulares, as obrigas sinaladas nos artigos 61, 62, 66, 67 e 69 cando non merezan a consideración de moi graves.

b) Incumprir, o titular, as obrigas de limpeza, mantemento e conservación sinaladas no parágrafo segundo do artigo 63.

c) Incumprir as obrigas relativas a obras e transporte de terras e materiais de construción sinaladas no artigo 72.

ARTIGO 96.-INFRACCIÓNS MOI GRAVES.

Terán a consideración de infraccións moi graves as seguintes:

1.-En xeral:

a) A reincidencia, no termo dun ano, na comisión dunha infracción grave da mesma natureza.

b) Falsear ou ocultar datos na obtención das autorizacións sinaladas nesta ordenanza para os efectos da liquidación das correspondentes taxas ou prezos públicos.

2.-En materia de xestión de residuos municipais:

a) Non facilitar aos servizos municipais información sobre a orixe, cantidade ou características dos residuos que poidan ocasionar problemas na súa xestión, así como proporcionar datos falsos.

b) A falsidade ou ocultación de datos para a obtención das autorizacións sinaladas nesta ordenanza se fose susceptíbel de producir riscos para a saúde ou a seguridade das persoas ou bens municipais.

c) Incumprir os condicionantes impostos nas licenzas urbanísticas nos supostos do parágrafo segundo, do punto 2 do artigo 14.

d ) Colocar colectores de obra na vía pública por parte de empresas non autorizadas.

e) Depositar residuos das clases III e IV en colectores para a súa recollida polo servizo municipal.

f) Incumprir os condicionantes sinalados na autorización para a entrega ao depósito de residuos privados á empresa concesionaria do servizo.

TÍTULO III: SANCIÓNS

ARTIGO 97.-SANCIÓNS.

1.-As infraccións tipificadas consonte o disposto no título anterior serán sancionadas:

– As leves, con multa de ata 750 euros.

– As graves, con multa de 751 a 1.500 euros.

– As moi graves, con multa de 1.501 a 3.000 euros.

2.-Ao abeiro do artigo 31.3.b) da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, as infraccións consistentes en depositar, abandonar, verter ou eliminar, de forma incontrolada, e o incumprimento das normas de depósito e xestión sinaladas nesta ordenanza para as diferentes tipoloxías de residuos municipais, poderán ser sancionadas con multas de ata 30.050,60 euros. Así, a cualificación polo órgano sancionador dunha infracción como leve será sancionada con multa de ata 750 euros, a grave con multa de 751 a 6.010.12 euros, e as moi graves con multa de 6.010,13 a 30.050,60 euros.

ARTIGO 98.-GRADACIÓN DAS SANCIÓNS.

As sancións imporanse atendendo aos seguintes criterios:

– A gravidade da infracción.

– O prexuízo causado.

– O beneficio obtido.

– A reiteración.

– As circunstancias do responsábel.

– A reincidencia, no termo dun ano, na comisión de máis dunha infracción da mesma natureza, cando así fose declarada por resolución firme.

– A intencionalidade.

Na imposición da sanción terase en conta que, en todo caso, a comisión da infracción non resulte máis beneficiosa para o infractor que o cumprimento das normas infrinxidas.

ARTIGO 99.-PAGAMENTO DAS SANCIÓNS.

As sancións poderán facerse efectivas desde o primeiro momento de recepción do boletín de denuncia.

O aboamento do importe da multa implica o remate do procedemento unha vez concluído o prazo para formular alegacións sen que se presentaran, sen prexuízo da posibilidade de interpor os recursos correspondentes.

ARTIGO 100.-PUBLICIDADE.

O órgano que exerza a potestade sancionadora poderá acordar a publicación no Boletín Oficial da Provincia, e a través dos medios de comunicación social que considere oportunos, das sancións impostas pola comisión de infraccións graves e moi graves.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Quedan derrogadas cantas disposicións municipais contradigan o disposto nesta ordenanza e, en particular, a Ordenanza xeral de protección do medio ambiente urbano, aprobada polo acordo plenario do 28 de setembro de 1989 salvo o estabelecido nos libros II e III do devandito texto ata que se efectúe unha nova regulación das materias neles contidas.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2007

O ALCALDE

Asdo.: José A. Sánchez Bugallo

………………….

Enlace corto para esta entrada:

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s